A xunta de goberno en funcións do Colexio de Arquitectos de Galicia convoca eleccións para mediados do mes de marzo

JDuarteChegou a un acordo cos representantes dos traballadores de baixar de 17 a 14 os empregos afectados polo ERE

O próximo 15 de xaneiro celebrarase unha asemblea extraordinaria para avanzar na reformulación dos estatutos da entidade

A xunta de goberno en funcións do Colexio de Arquitectos de Galicia decidiu onte convocar eleccións para os cargos de decano, tesoureiro, secretario e vocais. Durante a primeira semana do mes de xaneiro celebraranse xuntas directivas nas sete delegacións, para a continuación, facer efectiva a convocatoria oficial aos postos mencionados e para as vacantes que poidan xurdir nas xuntas directivas territoriais. A convocatoriaa farase respectando o prazo mínimo de sesenta días contemplado nos estatutos e, ata a elección dos novos membros, a xunta de gobernó seguirá en funcións.

Ademais, a xunta de goberno chegou a un acordo cos representantes dos traballadores para efectuar unha reestruturación do cadro de persoal, que só afectará a catorce empregos en vez de a dezasete, reestruturación que implicará o cesamento da prestación de servizos presenciais nas delegacións. O acordo supón a aceptación por parte dos representantes dos traballadores e sindicatos da proposta de plan viabilidade presentado pola xunta de goberno. O decano en funcións, Jorge Duarte, advirte de que a ratificación definitiva do plan de viabilidade “queda condicionada á aprobación da asemblea xeral”, e destaca que o comité de empresa se expresou en termos de conformidade e necesidade sobre este plan de futuro.

Por outra parte, a xunta de goberno decidiu convocar unha asemblea extraordinaria o 15 de xaneiro para continuar coa reformulación estatutaria. Esta asemblea deberá avanzar na conciliación do novo marco de regulamento da entidade, de forma que o texto se adapte ao novo modelo de colexio que xurda deste proceso de debate entre todos os colexiados, e que permita ao colexio responder ás necesidades actuais e de futuro dos arquitectos, segundo explica Duarte.

Nesta asemblea nomearase un novo grupo de traballo para intentar axilizar o proceso. Os colexiados poderán facer as súas aportacións a través dun documento de traballo, aberto desde o día 3 de decembro, onde se recollen as propostas presentadas polos colexiados e aquelas extraídas dunha enquisa elaborada nos últimos meses.