O Colexio de Arquitectos de Galicia deseña un Plan de Viabilidade para “garantir” o seu futuro apoiándose nas Novas Tecnoloxías

DuarteA caída da actividade de visado de vivendas, de 47.000 a 3.000 nos últimos anos,  levan á entidade a adoptar un conxunto de medidas que  supón unha reforma administrativa “necesaria”

O Colexio de Arquitectos de Galicia ultima un Plan de Viabilidade para o ano 2013 co fin de “garantir o futuro da organización, que se fundamenta na aplicación das Novas Tecnoloxías”. Explica que a implantación do visado telemático –que supón un extraordinario aforro de costes e tempo, así como maior transparencia e certeza xurídica– obriga a un cambio de modelo á hora de prestar os seus servizos aos colexiados, ás Administracións Públicas a á propia sociedade. E agrega que o Colexio precisa acadar o “equilibrio” na súas contas, “extraordinariamente mermadas pola crise desde 2007”, segundo indica.

Este Plan de Viabilidade estase a explicar ao cadro de persoal desde hoxe mesmo para abordar a reforma administrativa “necesaria”, axustando un presuposto que sofre unha prolongada situación de perdas continuadas que acadan os 5,4 millóns de euros nos últimos anos. O “delicado” estado das contas colexiais, a raíz do afundimento dos visados de vivendas –de 47.000 pasaron a 3.000 nos últimos anos–, obriga ao Colexio profesional a unha adecuación das súas partidas de gasto e á reestruturación e transformación dos seus servizos, polo que se ve impelido a facer “difíciles e dorosos axustes de persoal, apostando polos servizos telemáticos e a rebaixa de servizos presenciais nas oficinas territoriais”, segundo sostén.

A día de hoxe, tal como informa a entidade, o visado colexial e o resto de servizos tramítanse practicamente na súa totalidade por vía telemática, trala culminación dun proceso que o Colexio galego encetou hai anos, apostando por unha “avanzada e pioneira renovación tecnolóxica” e que o posicionan como un referente no uso das tecnoloxías fronte a outros colexios ou ás propias Administracións Públicas.

A crise económica e inmobiliaria provocou un descenso do 73 por cento da cantidade que se percibía en concepto de visado colexial dende o ano 2007, circunstancia que levou ao Colexio a acumular perdas durante os últimos cinco anos, especialmente abultadas dende 2009 a 2011. Así, “a pesar de que o Colexio xa viña aplicando unha rigorosa política de contención do gasto nos últimos exercicios, cuxos presupostos pasaron de nove millóns de euros a catro, esta estratexia amósase insuficiente para enxugar unha drástica diminución de recursos en tan pouco tempo”, segundo sinala.

Redución de órganos de goberno e das súas retribucións

Por outra parte, e aínda que nos tres últimos anos, os órganos de goberno impuxéronse un recorte aproximado do 50 por cento das súas retribucións, o Colexio de Arquitectos tamén informa de que está realizando un cambio estatutario para reducir o custe e o número de membros que dirixen a entidade.

Así mesmo, para combater esta contracción, que vén provocando significativas tensións de tesouraría, a entidade profesional puxo á venda o  seu patrimonio inmobiliario hai uns meses, empezando por aqueles locais sen uso ou que soportan unha elevada carga hipotecaria.

Ante esta situación “tan complicada” e dadas as malas previsións para 2013, o Colexio de Arquitectos declara que se ve conminado a ser “moi realista e responsable” e buscar o punto de equilibrio para facer “viable e sostible” a propia organización profesional: “Estamos obrigados a manter e mellorar os servizos aos colexiados, pero sendo moito máis económicos e eficientes”, segundo advirte.

A institución destaca que defende e promove o valor da arquitectura, e tamén a cercanía cos arquitectos colexiados, cos cidadáns e coas Administracións Públicas, “pero temos que facelo con moito menos coste económico, de forma que o Colexio sexa viable”, conclúe.