O Colexio de Arquitectos proponlle á Xunta de Galicia estender o visado dixital á Administración autonómica e local

Entrega-Certificado-de-caliÉ unha ferramenta que permitiría “axilizar trámites e licenzas, aforrar tempo e custos e favorecer o control da legalidade urbanística”

A entidade recibiu o certificado de calidade ISO 9001 de AENOR para o proceso de visado nun acto celebrado hoxe en presenza do Conselleiro de Presidencia

O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) recibiu hoxe o Certificado de Xestión da Calidade da Norma ISO 9001, outorgada por AENOR (Asociación Española de Normalización e Certificación), para a prestación dos servizos de visado, supervisión documental e técnica dos traballos profesionais dos colexiados. Foi no decurso dun concorrido acto celebrado na súa sede compostelá presidido polo conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e o decano do Colexio, Celestino García Braña, acompañados polo director de Novos Produtos de AENOR, Jaime Fontanals, así como o tesoureiro e secretario do COAG, José Antonio González e Alfredo González Cascallana, respectivamente.

 

O decano do COAG falou na súa intervención de acadar unha cualificación técnica “de altas prestacións no exercicio do visado dos nosos traballos profesionais. Por iso un certificado de boas prácticas profesionais facíase necesario”. Segundo o director de Novos Produtos de AENOR (Jaime Fontanals), “la obtención de este certificado supone una aportación valiosa al compromiso del Colegio con la mejora continua en la prestación de los servicios a los profesionales asociados”.

García Braña tamén convidou á Xunta de Galicia a estender esta ferramenta ata a Administración autonómica e os concellos: “As conversas coa Consellería da Presidencia van encamiñadas en diversas direccións: posta en marcha do procedemento de tramitación telemática das licenzas municipais, política de concursos de arquitectura para a obra pública, lei Ómnibus e ventanilla única, condicións que afectan ao exercicio profesional dos arquitectos ao servizo das administracións locais e iniciativas dirixidas a información de consumidores e usuarios”. E unha vez máis, o titular dos arquitectos galegos pediu un “amplo acordo” parlamentario sobre o territorio.

A implementación do visado dixital na Administración, explican fontes colexiais, “permitiría axilizar a obtención de permisos e licenzas no ámbito da edificación e o urbanismo de Galicia, aforrar tempo e custos e favorecer o control da legalidade urbanística”.

O COAG tramita o 79% polo sistema de visado dixital

O COAG iniciou o desenvolvemento desta ferramenta tecnolóxica en 2004, e desde aquela ata hoxe leva visados por este procedemento 23.556 expedientes, que conteñen millón e medio de ficheiros cun peso total de 600 xigabytes. Na actualidade visa con esta ferramenta o 79% dos proxectos e expedientes que recibe.

O visado dixital, segundo explican directivos e técnicos do Colexio, permitiría que as Administracións realizasen un conxunto de  trámites “en tempo real, cando antes podían demorarse semanas ou mesmo meses”. Outras vantaxes relevantes –engaden– son a axilidade e redución de papel, simplicidade, solvencia técnica, seguridade xurídica, economía de medios, máis funcionalidades, menos burocracia e mellor defensa dos consumidores.

Recentemente fixéronse probas cos proxectos das estacións do AVE en Ourense e Vigo, segundo indican fontes colexiais, e os concellos ourensán e vigués tardaron uns vinte minutos en recibir a documentación que pesaba 145 megas. O Colexio de Arquitectos agrega que o visado dixital e outras accións conducirán finalmente á posta en marcha da ventanilla única, “a disposición de todos os galegos”, en cumprimento da chamada lei Ómnibus de servizos.

Plan estratéxico do COAG

O COAG elaborou un Plan Estratéxico para o período 2009-2011 no que se establece como obxectivo “lograr un importante espazo para a arquitectura, poñendo de manifesto os beneficios que dela derivan para a sociedade e, simultaneamente, os valores da profesión”.

A actual situación socioeconómica así como as esixencias requiridas polos colexiados, as administracións, empresarios e cidadáns levan ao COAG a enfocar a súa xestión cunha orientación máis centralizada, profesional, moderna e innovadora, “que permita unha planificación, organización e distribución máis uniforme do traballo, mellorando a súa calidade”. A política de calidade do COAG procura unha xestión máis organizada, profesional e eficiente nos servizos prestados, como por exemplo na área de formación que está entre as “mellores” de España.

AENOR: 3.625 certificados de calidade en Galicia

AENOR emitiu 3.625 certificados a empresas e institucións públicas galegas ata 2009. O certificado do Sistema de Xestión da Calidade segundo a Norma ISO 9001 é o máis numeroso, acadando recentemente a cifra de 2.000 certificados emitidos nesta comunidade autónoma. A entidade está presente en Galicia desde 1996 e conta con delegacións en A Coruña e Vigo.