Unha metafórica escaleira mecánica converterase no novo escenario da obra Eurozoone da compañía teatral Chévere

escaleraO Colexio de Arquitectos de Galicia e Chévere anunciaron hoxe o resultado dun concurso de ideas de “gran calidade”

Jorge Duarte, decano do Colexio de Arquitectos:

“A figura do concurso prima a calidade arquitectónica sobre outros motivos de valoración, garantindo a liberdade, transparencia e igualdade entre os candidatos, sempre en beneficio do interese público”

Xesús Ron, director artístico de Chévere:

“Son todas propostas cunha gran argumentación teórica e uns aspectos técnicos moi detallados”

O Colexio de Arquitectos de Galicia e o grupo de teatro Chévere anunciaron esta mañá na sede da Quintana a proposta gañadora do concurso de ideas para o deseño dun espazo escénico para o novo espectáculo teatral da compañía, Eurozoone. No acto estiveron presentes o decano do Colexio de Arquitectos, Jorge Duarte, e o director artístico da produtora cultural, Xesús Ron.

 

Presentáronse 32 propostas de espazo escénico de gran calidade e variedade temática chegadas de diversos puntos de España e mesmo Portugal, unha demanda que sorprendeu positivamente ás entidades convocantes superando as súas expectativas. Nunha primeira análise o xurado  elexiu once propostas, e nunha segunda criba seleccionou cinco de onde xurdiron o deseño gañador e dous accésits.

 

O obxectivo inicial desta iniciativa foi estreitar lazos entre profesionais do teatro e da arquitectura e abrir un proceso de diálogo entre linguaxes, ademais de provocar sinerxias de traballo reforzando a actividade creadora. A súa principal premisa é a necesidade de establecer un diálogo crítico coa arquitectura-espectáculo, creando un espazo escénico que vai máis alá do sinxelo decorado de fondo. Estableceuse un premio único consistente no encargo do proxecto escénico así como a dirección da execución da montaxe, remunerado economicamente con 1.500 euros.

Jorge Duarte destacou o nivel de todas as propostas e agradeceu a participación. Ademais, Duarte propón á Administración pública a utilización con carácter preferente da figura do concurso de proxectos “por primar a calidade arquitectónica das propostas sobre outros posibles motivos de valoración, á vez que son avaliadas por un xurado técnico que garante a liberdade e posibilidade de acceso, publicidade, transparencia e igualdade entre os candidatos, sempre en beneficio do interese público e da propia Administración”. Así o recolle o Colexio de Arquitectos para toda a obra financiada con fondos públicos, incluídos os que poden costear institucións como o Sareb ou Banco Malo, tal e como solicitaron esta mesma semana nun escrito ao Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España.

Xesús Ron manifestou a súa satisfacción e sorpresa en positivo ao superar todas as expectativas do concurso, marcado pola súa natureza de busca dunha escenografía. “Son todas propostas cunha gran argumentación teórica e uns aspectos técnicos moi detallados” –apuntou Ron–. Segundo o director de Chévere, estas propostas convertéronse nun banco de ideas para ensanchar os horizontes visuais e espaciais.

Un espazo impersoal para o tránsito

O primeiro premio foi para a proposta Every “Dog” has its day, do arquitecto zaragozano Javier Domingo Ballestín. O xurado valorou a capacidade simbólica do obxecto proposto, unha escaleira mecánica, como representación dun non-site ou espazo impersoal concibido para o tránsito, e pola súa capacidade para evocar na imaxinación do público un repertorio moi amplo de espazos, distintos pero todos válidos. Xesús Ron destacou a importancia desta escaleira como obxecto escénico contundente e de gran carácter visual que permite interactuar.

Ademais, o xurado considerou conceder dous accésits. O primeiro recaeu na proposta “Atraco perfecto”, deseñada por un equipo de traballo dirixido polo arquitecto Jorge García Anta, acompañado polo tamén arquitecto Fernando Eiroa, e o estudante de arquitectura Francisco Xabier Barral. Para esta elección o xurado valorou o diálogo crítico que a proposta establece coa arquitectura-espectáculo a partir dun exemplo concreto e cercano como a Cidade da Cultura, propoñendo un cambio de escala con implicacións moi suxerentes e divertidas para establecer un xogo teatral.

O segundo accésit foi para a proposta “Naipes”, do arquitecto Alberto López Porta, proxectada a base das cartas dunha baralla. Nesta ocasión, o xurado valorou a natureza arquitectónica da proposta que xorde dunha construción monumental que xera un ambiente suxerente e con múltiples posibilidades formais. Tamén se tivo en conta o seu carácter metafórico, en canto á alusión a eses "castelos" construídos no aire cos naipes.

As outras dúas propostas finalistas foron:

-“Entre barrotes-trullo”, realizada por un equipo de traballo dirixido polo arquitecto Baltasar Otero, acompañado polos arquitectos Marta Marcos e Sabela Núñez.

-“Catedral”, do arquitecto Ignacio Taus.

O arquitecto gañador terá ata o 14 de xaneiro para realizar a execución do espazo escénico. O Colexio de Arquitectos activará este venres, 30 de novembro, unha canle de televisión na súa web, Arquitectos Galicia TV: http://www.coag.es/arquitectosgaliciatv, onde a cidadanía poderá ver todas as propostas do concurso de ideas e outras actividades colexiais como o ciclo de conferencias Xentes, espazos e lugares.

Eurozoone é un thriller político sobre o fin da idea de Europa, a historia dun grupo de persoas que coas súas actuacións e decisións poden acabar co estado de benestar e modificar substancialmente o proceso de unificación europea, pero cun tratamento dramatúrxico inspirado no cine de Tarantino: un grupo de oito persoas acaban de cometer o atraco do século en Europa, pero inesperadamente algo sae mal e teñen que dispersarse. Aos poucos, os personaxes van chegando ao espazo de reunión acordado, un lugar de arquitectura espectacular que está abandonado porque ninguén lle atopou un uso. Estrearase previsiblemente o 31 de xaneiro.