Os premios COAG de Arquitectura pechan a súa convocatoria con 193 propostas

coagNesta décimo quinta edición os aspirantes compiten en nove categorías: vivenda, equipamento, espazos abertos públicos, ordenación do territorio, reforma interior, divulgación e investigación, obra novel, final de carreira e premio especial

  • O fallo do xurado darase a coñecer na gala de entrega de premios, que se celebrará a finais de xaneiro

  • As propostas presentáronse de forma telemática a través da web colexial www.coag.es

O Colexio de Arquitectos de Galicia pechou o venres, 9 de novembro, o prazo de presentación das propostas para participar na décimo quinta edición dos Premios COAG de Arquitectura. Esta distinción outorgarase a obras de arquitectura visadas e executadas no ámbito territorial do Colexio de Arquitectos. As obras presentadas a concurso teñen que estar totalmente acabadas entre o 31 de xullo de 2010 e o 31 de xullo de 2012.

O Colexio de Arquitectos de Galicia modificou as bases do concurso introducindo e variando as categorías para darlle máis dinamismo e amplitude a esta convocatoria. Nesta nova edición a tradicional categoría de rehabilitación eliminouse co obxecto de darlle maior relevancia poñéndoa “ao mesmo nivel que outras”, posto que o traballo de rehabilitación pódese atopar nun proxecto de equipamento ou reforma interior.

Así, as propostas participantes estarán incluídas dentro destas nove categorías:  Vivenda (obras para uso residencial), Equipamento (obras dotacionais de servizo aos cidadáns), Espazos Abertos Públicos (remodelacións de espazos públicos existentes), Ordenación do Territorio (actividades de planeamento, políticas de territorio ou actividades culturais relacionadas coa paisaxe), Reforma Interior (reformas sen sen afección estrutural do espazo), Divulgación e Investigación (actividades para achegar a arquitectura á sociedade e que afonden no coñecemento desta disciplina), Obra Novel (obras de arquitectos nos dous primeiros anos de colexiación), Final de Carreira (proxectos finais de carreir). Ademais, este ano ábrese unha nova categoría Especial. O xurado poderá conceder un premio especial de recoñecemento á traxectoria profesional dun colexiado.

En total, este ano rexistráronse 193 candidaturas [por categorías, Vivenda con 67; Equipamento con 36; Espazos abertos públicos, 14; Ordenación do territorio, 7; Reforma interior, 28; Divulgación e investigación,. 24; Obra novel, 6; Final de carreira, 11].

O xurado estará composto polo decano do Colexio de Arquitectos, Jorge Duarte, que acturá como presidente. Na función de vogais, a Xunta de Goberno do Colexio designou a tres arquitectos de recoñecido prestixio de fóra de Galicia, para evitar posibles influencias entre compañeiros de profesión.

-José María Sánchez García (Don Benito, Badaxoz. 1976). Estudio de arquitectura José María Sánchez García (Madrid). Premio A+ ao Estudio Xoven de Arquitectura máis Prometedor.

-Juan Domingo Santos (Granada, 1961). Arquitecto e profesor de proxectos na ETSA de Granada. O seu estudio está na torre alcoholera da antiga fábrica de azúcar en Granada. En 2011, a súa obra do Museo da Auga de Lanjarón foi galardoada co Gran premio ENOR de Arquitectura. En 2012, este proxecto foi premiado na VIII Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo (BIAU). Recentemente gañou xunto a Álvaro Siza o concurso internacional Atrio da Alhambra.

-José María Echarte. Arquitecto, membro do blog de crítica n+1 sobre arquitectura e urbanismo máis visitado de España–www.nmas1.wordpress.com–.

Ademais, como vogal actuará o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, Fernando Agrasar. O secretario do xurado será o presidente da Comisión de Cultura do Colexio, Fernando Martínez. Os membros do xurado avaliarán detidamente todas as propostas recibidas e farán unha selección previa de catro obras por categoría. Finalmente, o dictame farase público na gala de entrega dos premios que se celebrará previsiblemente a finais de xaneiro.

Segundo a liña de traballo que o Colexio de Arquitectos seguiu nos últimos tempos para activar o uso das tramitacións telemáticas, os candidatos desta edición dos Premios COAG tiveron que presentar as súas propostas a través da páxina web do Colexio de Arquitectos www.coag.es, o que lle outorgou maior transparencia ao proceso. As candidaturas aceptadas poderán verse por categorías, segundo o interese dos seus autores. A memoria descritiva, planos e fotos de todas as obras estarán colgadas para dar gran difusión aos proxectos arquitectónicos.