O programa Xentes, espazos e lugares do Colexio de Arquitectos de Galicia ofrece en Santiago a conferencia do arquitecto Juan Herreros sobre a evolución do crecemento urbano
- Detalles
- Categoría: Colexio Arquitectos Galicia
- Published: Venres, 19 Outubro 2012 12:09
- Visitas: 605
Este ciclo pretende implicar á sociedade no coñecemento do territorio e a realidade urbana
A charla será o próximo venres-26, ás 19:30 horas no Centro Cultural Novacaixagalicia de Santiago
O Colexio de Arquitectos de Galicia finaliza a semana próxima en Santiago o ciclo Xentes, espazos e lugares, un programa de actividades vencellado ao Proxecto Terra co que se pretende implicar á sociedade galega no coñecemento do territorio e a realidade urbana. Charlas, encontros, debates e obradoiros conforman esta iniciativa de divulgación e formación non regrada que busca a participación non só de arquitectos e urbanistas, senón tamén de artistas plásticos, xeógrafos, xornalistas, escritores, sociólogos e de toda a sociedade. O arquitecto Juan Herreros ofrecerá o próximo venres, 26 de outubro, ás 19:30 horas, unha conferencia no Centro Cultural Novacaixagalicia de Santiago (rúa do Vilar, 19) titulada “Proxectos que fan cidade”. Durante a intervención falará do xiro que a cultura urbana dá no século XXI cara á reconsideración do concepto de crecemento urbano, poñendo en cuestión a expansión inconsciente sobre o territorio para dar entrada a novos criterios. “A cidade contemporánea caracterízase pola presenza da natureza na cidade, a posta en valor do uso peonil ou ciclista como indicadores de calidade de vida, a capacidade das infraestruturas para ofrecer beneficios paralelos e cotiás máis alá dos seus usuarios directos ou o uso da arquitectura para construír unha nova personalidade e a transmitir os valores colectivos” –explica Herreros–.Segundo o arquitecto autor do proxecto da estación intermodal de Santiago é o momento de borrar certas confrontacións que non axudan a construír a cidade democrática: centro contra periferia, cidade contra natureza ou a infraestrutura contra a continuidade dos tecidos. A conferencia fará unha reflexión sobre estes temas a través dalgunhas propostas arquitectónicas e urbanas realizadas en diversas cidades do mundo: Bogotá, Oslo, Santiago de Compostela, Perugia ou Marsella.
Juan Herreros é arquitecto, director do equipo Herrerosarquitectos e profesor de Proxectos nas Universidades de Madrid, Princeton, Columbia e no Instituto Tecnolóxico de Illinois (IIT) de Chicago. Os seus intereses diríxense tanto á práctica profesional como á educación e investigación. En todos os seus escritos e proxectos recentes Herreros amósase moi consciente da necesidade de desenvolver estratexias xerais de sustentabilidade das cidades.
Xentes, espazos e lugares ponse en marcha cun ciclo de conferencias polas cidades galegas, abertas ao público e de carácter gratuíto, no que se abordan a paisaxe, a cidade, a ocupación do territorio, o urbanismo ecolóxico, a xeografía urbana e mesmo arquitectura para nenos.
http://proxectoterra.coag.es/index.php/xentes-espazos-e-lugares/encontros.html