O Colexio de Arquitectos de Galicia e o grupo de teatro Chévere colaboran nun concurso para deseñar un espazo escénico que estableza un diálogo crítico coa arquitectura-espectáculo
- Detalles
- Categoría: Colexio Arquitectos Galicia
- Published: Martes, 16 Outubro 2012 15:35
- Visitas: 600
Jorge Duarte:
“Será a oportunidade para facer unha reflexión crítica dos problemas xerados pola arquitectura-espectáculo e mostrar os erros que supuxo para a arquitectura e a sociedade no seu conxunto”
Xesús Ron:
“Buscamos un exercicio de creación a pequena escala con grandes solucións técnicas”
Os arquitectos ou estudantes participantes terán ata o 12 de novembro para presentar as súas propostas
O Colexio de Arquitectos de Galicia e o grupo de teatro Chévere presentaron esta mañá na sede da Quintana un concurso de ideas para deseñar un espazo escénico para o novo espectáculo teatral da compañía, Eurozoone. No acto estiveron presentes o decano do Colexio de Arquitectos, Jorge Duarte, e o director artístico da produtora cultural, Xesús Ron. Este concurso servirá para estreitar lazos entre o teatro e arquitectura, dúas disciplinas que tradicionalmente só se asocian a través dos edificios que acollen as representacións escénicas, pero en realidade comparten problemas conceptuais semellantes na procura de crear un espazo.
Nun marco de crise económica, recortes en cultura e parálise da actividade construtora, este concurso aproveitará a colaboración entre profesionais do teatro e da arquitectura, pouco frecuente en Galicia, para abrir un proceso de diálogo entre linguaxes e provocar sinerxias de traballo reforzando a actividade creadora.
Segundo indicou Jorge Duarte, este concurso servirá para denunciar a utilización da arquitectura pola clase política, que emprega as edificacións como un arma de propaganda de éxito, alonxada da sociedade e marcada polo localismos. “Será a oportunidade para facer unha reflexión crítica sobre a denominada arquitectura-espectáculo que se desenvolveu en Galicia e en toda España nos últimos tempos, cando nos criamos ricos, e para mostrar os erros que supuxo, tanto para a percepción do que pode aportar a arquitectura, como para a sociedade no seu conxunto pola súa desproporción e o despilfarro económico” –destacou Duarte–.
Duarte sinalou que esta colaboración pon de manifesto o valor das cousas feitas con poucos recursos, “o facer máis con menos”, que desembocará nunha escenografía de baixo custo. Ademais, o decano salientou a importancia de establecer este compromiso a través da fórmula de concurso, que garantirá a transparencia e a apertura da participación.
Pola súa parte, Xesús Ron apuntou que é a primeira vez que xorde en Galicia unha colaboración deste tipo entre teatro e arquitectura, que aínda que supón un risco engloba grandes expectativas, a pesar do momento actual que atravesa a cultura en Galicia. O espazo escénico que se pretende co concurso é unha escenografía baseada nun espazo tridimensional con carácter simbólico. “Buscamos un exercicio de creación a pequena escala con grandes solucións técnicas” –apuntou Xesús Ron–.
O teatro de Chévere escapa da tradicional “caixa escénica”. Nos seus traballos o espazo vai xurdindo como resposta ás necesidades que brotan do proceso de ensaios. Trátase de espazos que se poden transformar durante a obra, que os propios actores e actrices modifican durante a súa actuación.
En Eurozoone, a compañía Chévere quere ir máis alá, aplicando ao teatro o concepto radical da paisaxe que expresan os earthworks (a paisaxe constitúe a obra artística) do artista norteamericano Robert Smithson. “Podemos falar da arte de tranformar o territorio escénico en canto terreo real que permite plasmar unha obra artística” –explicaron desde a compañía–.
Seguindo os conceptos de Smithson arredor do sitio, o desprazamento e a localización en relación coas obras de arte, o grupo Chévere propón para esta obra pensar o espazo escénico como un “non lugar”, un espazo concebido para non ser habitado, impersoal e de tránsito, ao igual que ocorre coa denominada arquitectura-espectáculo.
Desta concepción do espazo como negación do lugar xorde a relación entre o espazo escénico e a arquitectura-espectáculo que se quere desenvolver neste proxecto. “O obxecto do concurso é cuestionarse a arquitectura deseñada para non ser habitada e só contemplada e visitada, como expresión máxima do exercicio do poder, que en Galicia está representada pola Cidade da Cultura” –apuntou Xesús Ron–. En conclusión, o director de Chévere manifesta a posibilidade de que actualmente se esté a facer arquitectura, teatro ou cultura pensadas para persoas en tránsito ou “turistas da vida”.
Eurozoone é un thriller político sobre o fin da idea de Europa, a historia dun grupo de persoas que coas súas actuacións e decisións poden acabar co estado de benestar e modificar substancialmente o proceso de unificación europea, pero cun tratamento dramatúrxico inspirado no cine de Tarantino: un grupo de oito persoas acaban de cometer o atraco do século en Europa, pero inesperadamente algo sae mal e teñen que dispersarse. Aos poucos, os personaxes van chegando ao espazo de reunión acordado, un lugar de arquitectura espectacular que está abandonado porque ninguén lle atopou un uso. Estrearase o 31 de xaneiro.
Requisitos técnicos
Segundo as bases, o concurso de ideas é aberto, anónimo e nunha única fase. Está dirixido a arquitectos e estudantes de Arquitectura, como persoas físicas ou xurídicas, ademais de equipos, mesmo multidisciplinares. Os estudantes de Arquitectura poderán participar como integrantes dun equipo. No caso de propostas presentadas por persoas xurídicas ou por equipos deberá designarse un Arquitecto como director do proxecto. Conta cun orzamento final de 6.500 euros máis IVE (5.000 euros para o custe de execución material e 1500 en concepto de execución de montaxe).
O proxecto debe establecer un diálogo crítico coa arquitectura-espectáculo. Trátase de deseñar un espazo escénico, non exclusivamente un decorado de fondo. Establécese un premio único consistente no encargo do proxecto escénico así como a dirección da execución da montaxe, remunerado económicamente.
A selección da proposta gañadora será realizada por un xurado integrado polo director artítico do espectáculo, Xesús Ron, un membro do equipo do grupo Chévere, o decano do Colexio de Arquitectos, Jorge Duarte, e o presidente da Comisión de Cultura do Colexio, Fernando Martínez. O xurado terá en consideración a claridade conceptual e singularidade da solución proposta, valorando a imaxinación do diálogo entre o espazo arquitectónico e o espazo teatral; a adecuación do proxecto ao contorno estético e dramatúrxico do espectáculo e a capacidade do proxecto para exercer unha reflexión crítica sobre a arquitectura-espectáculo; o impacto visual e simbólico dos elementos propostos; e o potencial do proxecto para estimular a acción escénica e para permitir e facilitar a iluminación das escenas, así como o tráfico e movementos dos actores e actrices.
Os participantes terán de prazo de presentación das propostas ata o día 12 de novembro. A resolución do concurso farase pública antes do día 23 de novembro e o prazo de execución do espazo escénico rematará o 14 de xaneiro. Máis información do proxecto na páxina web do Colexio de Arquitectos http://www.coag.es/profesion/concursos/chevere/