O programa Xentes, espazos e lugares do Colexio de Arquitectos de Galicia chega a Lugo coa conferencia do colectivo Zuloark

ZuloarkEste ciclo pretende implicar á sociedade no coñecemento do territorio e a realidade urbana

A charla será o próximo xoves-11, ás 19:30 horas na Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos

O Colexio de Arquitectos de Galicia continúa a semana próxima en Lugo co ciclo Xentes, espazos e lugares, un programa de actividades vencellado ao Proxecto Terra co que se pretende implicar á sociedade galega no coñecemento do territorio e a realidade urbana. Charlas, encontros, debates e obradoiros conforman esta iniciativa de divulgación e formación non regrada que busca a participación non só de arquitectos e urbanistas, senón tamén de artistas plásticos, xeógrafos, xornalistas, escritores, sociólogos e de toda a sociedade.
O Colectivo Zuloark ofrecerá o próximo xoves, 11 de outubro, ás 19:30 horas, unha conferencia na Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos (rúa Puro Cora Xornalistas, 1. Lugo) titulada “Urbanleaks”. Zuloark é un colectivo formado maioritariamente por estudantes de arquitectura que traballan experimentando a arquitectura en todas as súas formas posibles e incorporándoa á vida cotiá da cidade en modos imaxinativos e moi participativos. Algúns dos seus traballos tiveron o recoñecemento da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo.
Xentes, espazos e lugares ponse en marcha cun ciclo de conferencias polas cidades galegas, abertas ao público e de carácter gratuíto, no que se abordan a paisaxe, a cidade, a ocupación do territorio, o urbanismo ecolóxico, a xeografía urbana e mesmo arquitectura para nenos.

http://proxectoterra.coag.es/index.php/xentes-espazos-e-lugares/encontros.html