O estudio vigués BMJ arquitectos consegue unha mención especial dos premios Europa Nostra polo proxecto do xardín sensorial de Castrelos

castrelosEste espazo verde foi deseñado para que persoas con discapacidade visual poidan gozar con autonomía da beleza do lugar

A arquitecta Belinda Besada recollerá mañá o galardón nun acto oficial no Palacio de El Pardo de Madrid

O estudio vigués BMJ arquitectos, de Belinda Besada e Marister Failde, recibirá mañá en Madrid unha mención especial dos premios de Patrimonio Cultural da Unión Europea (Europa Nostra 2012), na categoría de Educación, formación e sensibilización, polo seu proxecto do percorrido sensorial polo xardín histórico do Pazo de Castrelos en Vigo. O acto de entrega de premios celebrarase mañá no Palacio Real de El Pardo, en Madrid. A arquitecta Belinda Besada recibirá o galardón de mans da Reina Doña Sofía, presidenta de honra de Hispania Nostra. En representación do Concello de Vigo asistirá o seu alcalde, Abel Caballero.

O xurado dos premios valorou o esforzo realizado polas autoras do proxecto para facilitar a visita ao xardín de persoas con deficiencias visuais, “mediante estímulos táctiles e olfativos innovadores” que lles permiten apreciar e gozar da beleza e os segredos deste espazo natural. Ademais, o xurado indicou a destacable contribución desta candidatura en favor da conservación e mellora do patrimonio.

O percorrido sensorial: a cinta guía

As arquitectas Belinda Besada e Marister Failde crearon un xardín para que as persoas con discapacidade visual poidesen gozar da zona verde xa existente, apreciando a súa riqueza sensorial e do paseo de forma autónoma. Para proporcionar a independencia e orientación dos seus usuarios compuxeron unha senda cunha cinta guía que habilitaba un percorrido de ida e volta.

A ruta péchase coa creación dun xardín aromático, recuperando uns maceteiros pre-existentes que se utilizaron para a plantación de diversas especies elexidas polos seus aromas, colorido e texturas. Tamén deseñaron unha mesa dos sentidos onde, con vocación didáctica, se instalaron uns pequenos recipientes para diferentes produtos naturais segundo as estacións do ano.

A intervención no xardín histórico de Castrelos inclúese dentro da obra de melloras de accesibilidade dos equipamentos públicos do Concello de Vigo, acollida á convocatoria 2010 do PLAN E nacional. O encargo inicial partiu da Consellería de Benestar do Concello de Vgo.

Na convocatoria deste ano presentáronse 226 proxectos, procedentes de 31 países europeos, para as catro categorías dos premios: Conservación do Patrimonio, Investigación, Dedicación á conservación do Patrimonio, e a última Educación, formación e sensibilización. Concedéronse un total de 28 premios. España obtivo cinco medallas e tres mencións especiais. Todos os galardoados reciben unha placa ou un trofeo e os gañadores dos seis premios especiais unha gratificación económica de 10.000 euros. Europa Nostra é unha ONG paneuropea que actúa como a voz do patrimonio cultural en Europa. Reúne e representa a duascentas cincuenta organizacións non gubernamentais de máis de cincuenta países europeos, alcanzando uns cinco millóns de cidadáns afiliados. Conta co apoio de máis de cento cincuenta entidades públicas e corporacións asociadas e máis de mil cincocentros membros individuais. A súa extensa rede de profesionais e voluntarios dedícase con entrega á salvagarda do patrimonio cultural europeo para as xeracións presentes e futuras.

Este proxecto foi presentado nas propostas culturais do Colexio de Arquitectos de Galicia, recibindo o seu apoio institucional.