O historiador da USC Federico López Silvestre explicará en Pontevedra os conceptos de paisaxe e patrimonio

silvestreFederico López Silvestre:

“Sempre pensei que o bo arquitecto e o bo urbanista caracterízanse por ter poucas premisas e moito tacto”

O ciclo Xentes, espazos e lugares do Colexio de Arquitectos de Galicia ofrece mañá na Casa das Campás de Ponteveda esta conferencia, ás 19:30 horas

O Colexio de Arquitectos de Galicia continúa mañá en Pontevedra co ciclo Xentes, espazos e lugares, un programa de actividades vencellado ao Proxecto Terra co que se pretende implicar á sociedade galega no coñecemento do territorio e a realidade urbana. O historiador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Federico López Silvestre, ofrecerá mañá xoves, 27 de setembro, ás 19:30 horas, unha conferencia na Casa das Campás (rúa D. Filiberto, 9-11), titulada “Ser patrimonio, devenir paisaje”.

No seu relatorio, López Silvestre explicará as diferenzas entre a paisaxe e o patrimonio, partindo das figuras do arquitecto e o urbanista. O profesor apunta que o patrimonio é o herdado e a paisaxe depende do ollo que a contempla; ademais, afirma que se se identifica exclusivamente a paisaxe coa patrimonialización pódese acabar destruíndo. Para evitar esta catrástrofe, o historiador lembra que ao longo do tempo o avance do poder da técnica non sempre foi asimilado correctamente por arquitectos e urbanistas, que deberían ter en conta que a técnica está aí para usala na súa xusta medida, sen levala sempre ao extremo, e sen chegar a confundir medios e fins.

 

“Sempre pensei que o bo arquitecto e o bo urbanista caracterízanse por ter poucas premisas e moito tacto, para estudar os casos con atención e presentar solucións para problemas concretos” –indica López Silvestre–. Segundo o profesor, un arquitecto debe ter en conta o contorno á hora de facer o seu traballo, para integralo na súa mirada e intentar crear paisaxe.

Por outra parte, López Silvestre relaciona os temas da paisaxe e o patrimonio no mundo contemporáneo cos sentimentos. En primeiro lugar, o concepto de paisaxe pecha dous sentimentos diferentes e case contrarios: o apego ao lugar coñecido –a topofilia–, e a busca do novo ou descoñecido, mesturados no mundo da paisaxe.

Federico López Silvestre é profesor de Historia da Arte e de Historia das Ideas Estéticas na Universidade de Santiago de Compostela (USC) desde 1999. É Premio extraordinario de doutoramento en Historia da Arte na mesma universidade e doutoramento en Filosofía da Universidade de Salamanca. Publicou libros e artigos sobre realidade virtual, arte contemporáneo, microloxías artísticas, bioestética e teoría e historia da paisaxe. Destacan entre eles, El paisaje virtual (2004), Os límites da paisaxe (2008), A emerxencia da paisaxe (2009) e Micrologías. Historia breve de artes mínimas (2012). Co-dirixe o Máster de Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC e a colección “Paisaje y teoría” da editorial Biblioteca Nueva (Madrid).

López Silvestre realizou estadías de investigación na École des hautes études en sciences sociales de París, na Université Lumière Lyon-2 e na Universidad de Santiago de Chile, e participou en congresos e seminarios en España, Portugal, Francia, Italia, Alemaña, Finlandia, Brasil, Arxentina, Chile ou a Polinesia. Dirixiu varios proxectos financiados sobre as paisaxes contemporáneas e entre 2006 e 2009 coordinou a liña de traballo “A construción da paisaxe” do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). É membro da Sección de Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega.

Xentes, espazos e lugares ponse en marcha cun ciclo de conferencias polas cidades galegas, abertas ao público e de carácter gratuíto, no que se abordan a paisaxe, a cidade, a ocupación do territorio, o urbanismo ecolóxico, a xeografía urbana e mesmo arquitectura para nenos.