O programa educativo sobre arquitectura Maushaus utiliza accións construtivas para que os nenos perdan a individualidade e a vergonza

maushausO ciclo Xentes, espazos e lugares do Colexio de Arquitectos ofrece mañá o relatorio sobre o proxecto pedagóxico dos donostiarras Anabel Varona e Carlos Arruti, na Fundación Barrié da Coruña, ás 20:00 horas

Esta escola de arquitectura programa para o sábado un taller infantil para estimular a curisidade espacial dos nenos

O Colexio de Arquitectos de Galicia continúa mañá na Coruña co ciclo Xentes, espazos e lugares, un programa de actividades vencellado ao Proxecto Terra co que se pretende implicar á sociedade galega no coñecemento do territorio e a realidade urbana. Os arquitectos Anabel Varona e Carlos Arruti ofrecerán mañá venres, 21 de setembro, ás 20:00 horas, unha conferencia na Fundación Barrié (rúa Cantón Grande, 9) titulada “Maushaus: arquitectura para tod@s”, onde explicarán as principais virtudes desta iniciativa educativa sobre arquitectura. O sábado-22 celebrarase un obradoiro infantil, ás 11:00 horas no mesmo escenario, chamado “O espírito da colmena”.

Maushaus é un proxecto dedicado á educación artística-técnica dos máis novos, onde a partir de talleres se establecen relacións coa arquitectura e a cidade mediante o estudo dos seus elementos constituíntes, desde a curiosidade espacial e o respecto polo medio urbano como escenario do vivir. Maushaus desenvolve un primeiro curso de arquitectura para nenos, e actualmente, compaxinado coa labor de edición na revista de arquitectura infantil Amag!, e a elaboración dun segundo curso avanzado de arquitectura para nenos, así como programas e contidos educativos para profesores. Dirixen o proxecto, creado en San Sebastián en 2009, Anabel Varona e Carlos Arruti, arquitectos pola ETSASS e membros fundadores do estudio Rulot.

O curso de Maushaus propón un novo espazo educativo onde favorecer a práctica lúdica de actividades técnicas e artísticas, con toques de  abstracción, mediante procedementos que axuden á comprensión da esencia arquitectónica de maneira sinxela. Esta iniciativa organiza exposicións coas obras dos nenos e nenas, visitas a edificios e espazos na cidade, ademais de dispoñer de material bibliográfico e dixital especializado. Os máis pequenos coñecen as técnicas básicas de debuxo, modelismo, fotografía, muralismo e infografía como ferramentas de desenvolvemento do proxecto.

“Para atraer la atención de los niños ponemos en práctica acciones constructivas, de tipo colectivo, donde se pierde absolutamente la individualidad y las vergüenzas ayudando a la integración de los pequeños en el grupo de manera ideal. Además, siendo la arquitectura un asunto espacial, usamos maquetas para el aprendizaje” –explican os arquitectos de Maushaus–.

Para concienciar aos máis pequenos da importancia de respectar o ecosistema urbano, os arquitectos de Maushaus intentan crear un paralelismo entre as actitudes de respecto dos animais ante a natureza, para manter o equilibrio e supervivencia do medio, en similitude coas actitudes humanas. “Transponiendo esas actitudes respetuosas y sostenibles al hecho urbano, la cuestión queda patente: aprendemos del ecosistema las estrategias que nos ayuden a sobrevivir en armonía” –indican Varona e Arruti–.

Exemplo tipo empregado no curso:

Os gorilas de montaña chegan a un bosque de bananeiros con fame. Para saciarse podería cada individuo tomar un bananeiro e comer ata encherse pero, con moita conciencia do medio, só arrasan unha das árbores e acaban con todos os seus plátanos. O resto do bosque queda intacto e servirlles para alimentarse a próxima vez que volvan ao lugar.

O espírito da colmena

Durante este curso de outubro a xuño, dividido en talleres trimestrais, desenvólvese o programa completo mediante unha sesión semanal con exercicios dentro e fóra do taller. Maushaus deseña e celebra talleres ocasionais para eventos culturais e pedagóxicos co obxectivo de que os nen@s teñan unha experiencia lúdica sobre a arquitectura e deperten a súa curiosidade cara ela.

O sábado-22 terá lugar na Fundación Barrié, entre as 11:00 e as 13:00 horas, un taller para nenos chamado “O Espírito da Colmena”. Este obradoiro trata de despertar e estimular a curiosidade espacial nos nenos, para poder así percibir e respectar o medio urbano. O taller é gratuíto e de acceso exclusivo para quince nenos de entre seis e once anos, previa inscrición e firma de consentimento dos pais ou titores legais.

Xentes, espazos e lugares ponse en marcha cun ciclo de conferencias polas cidades galegas, abertas ao público e de carácter gratuíto, no que se abordan a paisaxe, a cidade, a ocupación do territorio, o urbanismo ecolóxico, a xeografía urbana e mesmo arquitectura para nenos.