“As rúas de Compostela ábrense como cauces a todas as memorias”, segundo afirma o arquitecto americano Carlos Jiménez

Carlos_JimnezImpartirá unha conferencia sobre o espazo público no Centro Cultural Novacaixagalicia de Santiago, mañá xoves ás 20 horas

O acto forma parte do novo programa Xentes, espazos e lugares promovido polo Colexio de Arquitectos de Galicia

O Colexio de Arquitectos de Galicia organiza mañá xoves, ás 20 horas, no Centro Cultural Novacaixagalicia (rúa do Vilar, 19. Santiago), a conferencia de Carlos Jiménez (San José de Costa Rica, 1959), que falará sobre o espazo público no marco de Xentes, espazos e lugares, un programa de actividades divulgativas e de formación no regrada, vencellado ao Proxecto Terra, co que se pretende implicar á sociedade galega no coñecemento do territorio e a realidade urbana. Carlos Jiménez é arquitecto e catedrático na Escola de Arquitectura Rice University de Houston (Texas-EE.UU.), cidade onde se formou e fundou o seu estudo en 1983.

O conferenciante defende a cidade como a invención “máis extraordinaria” do ser humano e afirma que o futuro pertence á cidade como espazo público: “O mundo monocultural dos suburbios e os seus desolados espazos non son o futuro que tanto se vendeu co apoxeo do automóbil. Veño dunha cidade como Houston onde hai que pagar polo espazo público. Acabo de estar en Cádiz e agora estou en Santiago, e as dúas urbes amosan o placer infinito do espazo público”. Jiménez agrega que a cidade de Internet, como espazo público, non consola na vida, “porque distrae moito coa súa ilusión de fuxida e fantasía virtual”. E conclúe que o espazo público é un lugar colectivo que provoca e desata innumerables experiencias.

O arquitecto americano exclama que Santiago é unha cidade de “suma” beleza que acolle a chuvia coma se fose un material efémero, construída de granito e rúas que se abren como cauces a todas as memorias, ao tempo que engade que o granito como material lle dá a súa “inigualable” textura, pero tamén o placer de camiñar, segundo matiza. “Santiago amosa que a cidade crece sobre os seus cimentos básicos, e máis aínda cando estes miran ao tempo e non a solucións frenéticas ou de inmediato consumo” –sostén.

Jiménez teima en que cómpre medir a arquitectura polos seus actos xenerosos e non mirala como “simplemente” un pedestal ao ego do arquitecto: “As boas obras transcenden esta mortal vaidade e convértense en referencias esenciais da súa cultura e tempo”. Tras cualificar como falta de respecto aos seus cidadáns, “e non só aos arquitectos”, as declaracións de Esperanza Aguirre –“Habería que matalos porque as súas obras duran toda a vida”–, conclúe que “a nosa é unha profesión que na súa maioría trata de aliviar os problemas da cidade e o seu público”.

PREVISIÓN INFORMATIVA

ASUNTO                 Conferencia do arquitecto Carlos Jiménez. Ciclo Xentes, espazos e lugares

ORGANIZA             Colexio de Arquitectos de Galicia

RELATOR               Carlos Jiménez. arquitecto

LUGAR                    Centro Cultural Novacaixagalicia. rúa do Vilar, 19 –Santiago–

DATA                       Mañá xoves, 13 de setembro

HORA                      20:00 horas

http://proxectoterra.coag.es/index.php/xentes-espazos-e-lugares/encontros.html