Compostela Arquitectura trae a Santiago a William J.R. Curtis, Jacques Gubler, Fulvio Irace e Juhani Pallasmaa como conferenciantes distinguidos nas xornadas de Arquitectura e Crítica 2012

caiO primeiro dos relatorios será mañá martes, 31 de xullo, da man do arquitecto italiano Fulvio Irace [CGAC, 20:00 horas]

Son charlas do curso internacional de verán que se estenderá ata o 10 de agosto en San Martiño Pinario, coa participación dunha treintena de estudantes de catorce nacionalidades distintas e docentes do prestixio de Alvaro Siza

A Fundación Compostela Arquitectura (CAInstitute) celebra por terceiro ano consecutivo o seu curso internacional de verán,  COMPOSTELAs Summer program,  que se iniciou o 23 de xullo en San Martiño Pinario para finalizar o 10 de agosto. Un selecto grupo de estudantes de USA, Colombia, México, China, República Checa, Vietnam, España e varios países europeos participarán nas diversas clases, talleres e visitas programadas. Este curso pretende, segundo a organización, “unha reflexión sobre a cidade contemporánea a partir das presenzas da historia”.

 

 

Ao mesmo tempo, a Fundación Compostela Arquitectura organiza as xornadas de Arquitectura e Crítica 2012, coa colaboración de diversas institucións como son o Concello de Santiago, a Universidade de Santiago, o Colexio de Arquitectos de Galicia, a Embaixada Suíza ou o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Esta iniciativa ten por obxecto achegar a opinión e visión de críticos internacionais á cidadanía, nunhas conferencias cun formato de foro de debate aberto. O Colexio de Arquitectos de Galicia colabora nesta iniciativa para incentivar a recuperación da profesión a través de políticas activas, integrando á sociedade nestas accións respaldadas polo sentido común e racionalidade dos arquitectos. O primeiro dos relatorios celebrarase mañá martes, 31 de xullo, no CGAC ás 20:00 horas, da man do arquitecto italiano,  Fulvio Irace. Á presentación asistirán o director do curso, Carlos Seoane; o coordinador Óscar Fuertes; e o decano do Colexio de Arquitectos, Jorge Duarte.

Obxectivos das xornadas

A liña de acción baséase en atraer a Galicia a recoñecidos “opinion makers”, xeradores de opinión sobre a arquitectura contemporánea, principalmente críticos e profesores das universidades máis prestixiosas que logran trascendencia internacional en todos os seus escritos e artigos, xerando atención, debate e importancia en todo aquilo sobre o que reflexionan publicamente.

Estas xornadas serán unha boa oportunidade para provocar un debate crítico sobre a arquitectura contemporánea, pero a súa vez marcan unha renovada atención sobre o patrimonio arquitectónico de Galicia.

COMPOSTELAs summer program 2012

O COMPOSTELAs summer program aproveita a cidade de Santiago como un laboratorio de arquitectura para aprender da súa excelente tradición de arquitectura histórica e contemporánea, así como para reflexionar sobre a complexidade urbana. “Compostela é un exemplo vivo que permite aos estudantes interactuar e aprender das experiencias arquitectónicas”, segundo explica a Fundación, que se centra no desenvolvemento de habilidades fundamentais para un arquitecto, como a materialidade, a tectónica, o debuxo e os modelos feitos a man. Entre os docentes deste curso destaca o prestixioso arquitecto portugués Alvaro Siza.

Seguintes conferencias das Xornadas de Arquitectura e Crítica 2012 [CGAC, 20:00 horas]:

  • Juhani Pallasmaa, xoves-2 de agosto: “Atmospeheres”
  • William J.R. Curtis, venres-3 de agosto: “Platform and horizon”
  • Jacques Gubler, luns-6 de agosto: “Nationalism & Internationalism in the modern architecture in Switzerland”

A Fundación

A Fundación Compostela Arquitectura ten por obxecto xenérico e principal a promoción e defensa do patrimonio arquitectónico e paisaxístico de Galicia, a nivel nacional e internacional. Apoiada pola Universidade e o Concello de Santiago, desenvolve programas didácticos, potenciando a cidade compostelá e o patrimonio galego como un elemento fundamental na formación dun arquitecto.