As vivendas visadas en Galicia continúan en descenso pola crise económica, a desconfianza dos mercado e a falta de liquidez

Duarte_visadosNo primeiro semestre deste ano, o Colexio de Arquitectos visou 1.650 proxectos, un 30% menos que no período anterior e a peor cifra dos últimos trinta anos

Jorge Duarte, decano do Colexio de Arquitectos:

O arquitecto ten que aportar sentido común, racionalidade e economía, executando un papel silencioso de asesoramento aos promotores”

O decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte, presentou esta mañá os datos e a publicación sobre a Evolución da actividade de visado e do estado urbanístico das comarcas e concellos de Galicia no primeiro semestre de 2012. Os datos de visados son un indicador relevante que adiantan o comportamento a curto prazo da evolución das vivendas que poidan obter licenza, ser construídas e postas no mercado. A actividade de visado de vivendas en Galicia continúa o seu descenso, tras un certo estancamento e comportamento plano en 2011.


 

 

Segundo o informe estatístico, a actividade de visado colexial pechouse nos seis primeiros meses deste ano cun total de 1.650 vivendas visadas, cunha media mensual de 275 vivendas/mes, dato que segue a traxectoria das 203 vivendas/mes rexistradas en decembro de 2011, resultados motivados pola crise económica, a desconfianza nos mercados e a falta de liquidez. De continuar con esta tendencia, a finais de ano contaríanse 3.300 vivendas visadas, o que suporía unha baixada do 30% con respecto aos últimos períodos analizados. “Os visados en Galicia reflicten unha situación dramática, cos datos máis baixos dos últimos trinta anos” –anunciou Duarte–. Ao igual que anos anteriores, nestes primerios seis meses do ano foron 89 concellos onde non se rexistrou ningún visado, representando o 28% do total de concellos de Galicia, o dato máis elevado da década [listaxe máis abaixo].

Esta situación esténdese porque a economía española volveu entrar en recesión, coa correspondente baixada da actividade económica, o aumento do desemprego e a desconfianza da demanda. No eido inmobiliario o stock de vivendas novas da comunidade segue en niveis altos (32.000, segundo datos da Xunta de Galicia a decembro de 2011) e non se aprecian indicios para darlles saída nos próximos anos. “O sobrante sen vender, as vivendas de segunda man postas á venda polas entidades bancarias por impagos inmobiliarios e a contrición do crédito non animan aos inversores a promover edificacións colectivas, o verdadeiro motor do sector”–explicou o decano–. Outro dos aspectos relevantes que acaeceron neste primeiro semestre de 2012 foi a aprobación da nova Lei de Vivenda de Galicia, onde se inclúen medidas para garantir o acceso á vivenda a toda persoa que o precise, seguindo os principios de igualdade e transparencia no acceso ás vivendas protexidas e ás axudas públicas para cumprir un triplo obxectivo social, urbanístico e arquitectónico.

O contexto económico e inmobiliario indica que a recuperación non parace vir, con datos que continúan á baixa, tras un certo estancamento en 2011, sen visos claros dunha tendencia positiva. “Continuaremos inmersos nun ciclo de peche na expansión ilimitada das cidades, unha oportunidade clara para realizar operacións de remate das pezas urbanas, das unidades de execución con maior interese e de necesaria rehabilitación das zonas degradadas e do mantemento do parque edificado” –indicou Duarte–.

A peor das provincias, Ourense con só 123 vivendas visadas

Por provincias, o número de vivendas visadas no primeiro semestre do ano polo servizo de control e supervisión documental do Colexio de Arquitectos foi de 687 na provincia da Coruña (41,64%); 559 en Pontevedra (33,88%); a de Lugo con 281 rexistradas (17,03%); e Ourense con tan só 123 vivendas visadas (7,45% do total). Os datos da provincia de Ourense coinciden co desplome dos datos correspondentes coa súa capital, debido á crise económica e á anulación do seu PXOM en 2003.

O número de vivendas visadas nas sete maiores cidades galegas foi o máis baixo dos útlimos trinta anos. A cidade de Ourense destaca en negativo con só 17 vivendas visadas, xunto a Ferrol que presenta 30 rexistros e Pontevedra con 58. Só supera as expectativas Santiago de Compostela, con 138 vivendas visadas nos primeiros seis meses de 2012, Vigo con 128, Lugo con 108 vivendas e A Coruña cun total de 107.

Dentro da baixa actividade rexistrada no Colexio de Arquitectos, os concellos limítrofes e do contorno das cidades tamén presentan datos moi pesimistas, sen superar o 40% do total da comarca na que se atopan con respecto á súa urbe de referencia. A única excepción é Ferrol, onde os seus concellos próximos representan un 52% do total, ao igual que Ourense cun dato significativo do 58%.

Ames e Ribadumia, únicos concellos con vivenda protexida

No caso concreto da vivenda visada de protección oficial porcentualmente é case nula. Segundo datos do Colexio de Arquitectos, no primeiro semestre do 2012 rexistrouse o visado de tan só 16 vivendas acollidas a algún réxime de protección pública. Isto representa menos dun 1% do total das promocións, rexistrando o valor mínimo sumado nos últimos doce anos. As únicas promocións de vivenda pública rexistráronse no concello de Ames, con 15 viviendas, e no concello de Ribadumia con só unha.

Rexistráronse 454 visados de proxectos de rehabilitación

O camiño iniciado pola rehabilitación no segundo semestre de 2010 situou esta actividade do sector en case un 25% do total visado. Xa en 2011 este dato descendeu oito puntos, para volver con forza neste primerio semestre do ano ata situarse no 27,52%, posiblemente polo efecto da Lei estatal de Economía Sustentable ou o Real Decreto Lei de Medidas de apoio e impulso á rehabilitación, ademais de polas políticas de rehabilitación do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), levadas a cabo polas 57 oficinas de rehabilitación municipais galegas declaradas e que afectan a 128 concellos. Así, neste último semestre visáronse en Galicia 454 proxectos de rehabilitación.

Segundo se extrae do informe, esta porcentaxe non é homoxénea posto que na provincia de Lugo é dun 52% sobre o total, na de Ourense dun 42%, en Pontevedra sitúase cun 27%, e a provincia da Coruña amosa tan só un 15%. En detalle, os concellos máis rehabilitadores son: Lugo, con 71 actuacións de vivenda; Vigo con 48; A Coruña con 17; Santiago con 16; Vilagarcía con 15; Foz con 12; e Ferrol e Ribadeo cada un con 9 proxectos rehabilitados.

Segundo Jorge Duarte, é preciso recoñecer a importancia da rehabilitación en operacións de longo alcance que deriven en medidas de accesibilidade, habitabilidade, eficiencia enerxética e calidade arquitectónica, ademais de artellar normas legais, financeiras e fiscais para atraer investimentos e incentivar o proceso rehabilitador. Así se manifestou nas conclusións do 4º Congreso de Patoloxía e de Rehabilitación de edificios (PATORREB), celebrado en Santiago o pasado mes de abril, organizado polo Colexio de Arquitectos de Galicia. “Os edificios dos anos 50, 60 e 70 precisan de actuacións de profunda rehabilitación para mellorar a eficiencia enerxética. O sector da edificación debería alcanzar no 2050 unha diminución do 50% das súas emisións de CO2 , segundo certos informes estatais. Desde o Colexio de Arquitectos esiximos ao Goberno un Selo Básico do Edificio que certifique as medidas de seguridade e de enerxía pertinentes, co apoio financiero de empresas enerxéticas” –dixo o decano do Colexio de Arquitectos–.

Santiago, á cabeza en vivenda colectiva

O visado da tipoloxía colectiva verifica o descenso no número de promocións. A porcentaxe contabilizada para este tipo de vivenda no período analizado volve a baixar, situándose cun 38%, é dicir 631 vivendas colectivas, cifra moi inferior ao 77% de media rexistrado entre os anos 2000 a 2007. Porcentualmente o maior número de vivendas colectivas danse nos concellos de Santiago con 107 vivendas (17% do total de Galicia), A Coruña con 103 (16%), Lugo con 75 (12%), Vigo con 62 (10%), Pontevedra con 41 (6%), e o concello coruñés de Ponteceso con 38 vivendas colectivas (6%).

No caso do visado da vivenda unifamiliar segue tendo un marcado ritmo asimétrico respecto ao resto de variables analizadas. Segundo explica o informe de visados, lonxe de promocións por lote, a tipoloxía unifamiliar illada cumpre unha función de expectativa individual, na que a economía persoal xoga un papel moi importante. A media de vivendas unifamiliares visadas sitúase en  case 170 por mes, inferior en trinta unidades con respecto aos anteriores semestres, e moi lonxe das 550 de media por mes rexistradas en períodos normais de actividade edificatoria.

A vivenda unifamilar convértese na tipoloxía máis estendida

O número total de vivendas unifamiliares visadas no primeiro semestre de 2012, foi de 1.019, o que marca a porcentaxe anual do 61,76% respecto das vivendas totais visadas, sendo esta porcentaxe a máxima rexistrada nas series dos últimos doce anos. O maior número de vivendas unifamiliares dáse nos seguintes concellos: Vigo con 64 (o que supoñe o 7% do total de Galicia, nese período), Lugo con 30 (3%), Santiago con 30 (3%), Sanxenxo 16 (2%), Cangas con 15 (2%) e Pontevedra con 15 (2%). Ademais, a tipoloxía de vivenda unifamiliar copa case a totalidade das tipoloxías presentes nos concellos de Sanxenxo, Cangas, Narón, Redondela, Baiona e Oleiros.

Apertura dos arquitectos á sociedade

A pesar da situación dramática que atravesa o sector da edificación, o Colexio de Arquitectos de Galicia reivindica unha serie de medidas para incentivar a recuperación da profesión a través de políticas activas de fomento da rehabilitación da cidade construída e as vivendas sometidas a algún réxime de protección. “O arquitecto ten que aportar sentido común, racionalidade e economía, abrindo o colectivo a toda a sociedade e executando un papel silencioso de asesoramento aos promotores” –matizou Jorge Duarte–

Nesta liña de difusión da arquitectura galega, o Colexio de Arquitectos de Galicia colabora na organización das Xornadas de Arquitectura e Crítica 2012, da Fundación Compostela Arquitectura (CAinstitute), onde Santiago de Compostela será durante o mes de agosto referente da reflexión arquitectónica. A primeira das conferencias celebrarase o próximo martes, 31 de xullo, ás 20:00 horas no CGAC, e estará protagonizada polo arquitecto Fulvio Irace.

A segunda acción dirixida á cidadanía será un programa de divulgación e formación que organiza a entidade colexial no mes de setembro, “Xentes, espazos e lugares”, para ofrecer unha visión plural e complexa dos espazos e lugares que se habitan, da arquitectura e das ciudades.

Consutar Informe visados primeiro semestre 2012: http://www.coag.es/informacion/novedades/vernovedad.aspx?idnoticia=1c592e8c-3128-4679-a738-fb5ebf5699cc

Anexo: Concellos onde non se visou ningunha vivenda no primeiro semestre de 2012: http://www.vialactea.es/pdf/anexo_concellos_onde_non_se_visou_ningunha_vivenda_i_sem_2012.pdf