O Colexio de Arquitectos organiza un debate para “repensar o papel actual do arquitecto”
- Detalles
- Categoría: Colexio Arquitectos Galicia
- Published: Mércores, 20 Xuño 2012 12:49
- Visitas: 749
Este encontro aberto entre arquitectos e cidadáns celebrarase mañá xoves e o venres, 22 de xuño, na sala de exposicións da delegación
Luciano Alfaya, director do Laboratorio de ideas do Colexio de Arquitectos:
“Hai que intentar que no futuro se recoñeza o papel do arquitecto como mediador, capaz de escoitar e optimizar os desexos dos clientes e da Administración, desde a responsabilidade e a coherencia”
O Colexio de Arquitectos de Galicia impulsa desde hai uns meses un Laboratorio de Ideas para conectar a arquitectos e cidadáns, dentro do ciclo de actividades Xentes, Espazos e Lugares. A situación actual dos arquitectos nada ten que ver coa de hai catro anos. É coñecido o alto índice de desemprego, o escaso número de novas construcións e tamén os esforzos de parte do colectivo para reciclarse cara outras opcións profesionais, ademais da crecente busca de oportunidades no estranxeiro.
Co fin de mellorar esta situación, durante as tardes de mañá xoves-21 e o venres-22 de xuño celebraranse, na sede da Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos, catro mesas redondas de debate organizadas co obxecto de achegar a figura dos arquitectos á cidadanía. Para alcanzar esta meta tratarase de responder a unha pregunta xeral: que aporta un arquitecto á sociedade actual?, e intentaranse buscar alternativas a unha situación profesional herdada desde hai moitos anos.
“O actual escenario pode levar á desaparición dos colexios profesionais, e mesmo á obrigatoriedade de contratar arquitectos para certas obras. Resulta conveniente valorar que acontecería se o arquitecto non fose imprescindible, senón unha opción voluntaria dos clientes en busca dunha mellor calidade da súa vivenda, xa sexa en obra nova ou rehabilitación” –explica Luciano Alfaya–. Sobre este tema versará a primeira mesa de debate.
Segundo apuntan desde o Laboratorio de Ideas, noutros casos, como na configuración de moitos espazos urbanos, a Administración prescindiu, case sempre, do arquitecto, optando por solucións máis sinxelas e de escasa calidade. A segunda das mesas de debate avaliará os motivos que levaron a esta situación, na que o arquitecto se asocia a miúdo a máis complexidade e un custo máis elevado, en lugar de estar asociado a unha maior calidade e valor engadido dos espazos que xera.
A terceira das mesas, que terá lugar o venres-22 ás 16:30 horas, tratará de explicar todo o que pode facer un arquitecto, ademais de edificar. “Neste momento só unha porcentaxe pequena de arquitectos está a traballar no mundo da construción, pero a formación actual permítelle adicarse a outros ámbitos profesionais de forma eficaz, mesmo internacionalmente” –matiza Alfaya–.
Por último, os asistentes reflexionarán sobre as razóns que levaron a un certo distanciamento ou separación dos arquitectos coa sociedade, sinalando unicamente un tipo de arquitectura e arquitectos como exemplo positivo, que unido a unha práctica pouco responsable por unha parte do colectivo, distorsionou o papel destes profesionais como pezas clave para lograr edificacións de calidade e unha axeitada e correta planificación das cidades e do territorio.
O Laboratorio de Ideas do Colexio de Arquitectos de Galicia creu conveniente revertir esta situación e intentar que, no futuro, se recoñeza “o papel do arquitecto como mediador, capaz de escoitar e optimizar os desexos dos clientes particulares e da Administración, desde a responsabilidade e coherencia duns profesionais amplamente preparados e cunha imprescindible visión transversal dos problemas”.
Nas mesas de debate, ademais dos vinte arquitectos coordinadores que sentaron as bases do debate desde o Laboratorio de Ideas, participarán dezaseis invitados externos ou relatores, entre os que se atopan algúns dos editores dos blogs máis influíntes de España, como Fredy Massad, Santiago de Molina, Stepienybarnó ou Arquitextonica.
Para máis información:
http://www.laboratoriodeideasdelcoag.com /// Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.