O Colexio de Arquitectos de Galicia colabora nun taller internacional de verán que se celebrará a finais de agosto en Guimarães

cityO curso ofrece a oportunidade de vivir e contribuír a un proxecto real nesta cidade histórica, Capital da Cultura 2012

Coas conclusións do traballo de investigación desenvolverase un catálogo do patrimonio construído e natural da cidade portuguesa

O prazo de inscrición rematará o próximo 30 de xuño

Os arquitectos Aurora Armental e Stefano Ciurlo, da plataforma de arquitectura City Laboratory, organizan un taller internacional de verán “Caminho da Cidade. Estudos na cidade histórica de Guimarães” entre o 27 de agosto e o 7 de setembro, en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia, a Câmara Municipal de Guimarães, a Divisão MAPa2012, a Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación del Consorcio de Santiago. Este taller ofrece a oportunidade de vivir e contribuír a un proxecto real na cidade histórica e o paisaxe cultural de Guimarães, Cidade Patrimonio da Humanidad pola UNESCO e Capital da Cultura en 2012.

O obxectivo desta acción formativa é desenvolver metodoloxías para o estudo, comprensión e interpretación do territorio, considerando aspectos cualitativos do lugar. Os métodos utilizados inclúen debuxo de paisaxe, fotografía, levantamentos detallados, análise cartográfica e creación de imaxes e debuxos que permitirán alcanzar “unha descrición e representación da riqueza do patrimonio arquitectónico, cultural e natural de Guimarães e a súa paisaxe” –explican os seus coordinadores–.

O curso, que se impartirá en inglés, está dirixido a estudantes e profesionais interesados en traballar en contextos cun alto valor cultural e histórico nos campos da arquitectura, renovación urbana, patrimonio, paisaxe e estratexia territorial. O taller intensivo, de doce días de duración, constará de relatorios, obradoiros prácticos, visitas, discusións de grupo e presentacións que servirán como marco teórico e práctico para o desenvolvemento dun catálogo do patrimonio construído e natural e no desenvolvemento dun proxecto territorial colaborativo. Hai 24 prazas dispoñibles e o prazo de inscrición rematará o próximo 30 de xuño.

Cidades e territorios de gran valor histórico e cultural

City Laboratory é unha plataforma de arquitectura dedicada á exploración das metodoloxías e prácticas de deseño contemporáneo para as cidades e territorios de gran valor histórico e cultural. Foi creada por Stefano Ciurlo Walker e Aurora Armental Ruiz para desenvolver ideas e proxectos a través da investigación académica, talleres, eventos e publicacións. A súa finalidade é achegar a investigación académica aos proxectos reais para explorar novos modelos de colaboración entre a academia e a práctica profesional, mediante a observación, interpretación e avaliación do pasado.

Para máis información e inscrición pódese contactar con Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou visitar a web www.citylaboratory.org