O fotógrafo Amador Iravedra monta unha composición artística polas rúas de Santiago para promocionar a súa exposición de sofás londinenses

IravedraUn 600 vermello cun sofá acoplado servirá de reclamo para animar aos viandantes a visitar a mostra

As inauguracións serán ás 20:00 horas na Galería Metro e ás 21:00 horas no Colexio de Arquitectos de Galicia

O Colexio de Arquitectos de Galicia acolle esta tarde a exposición fotográfica Sofás Iravedra,  do fotógrafo Amador Iravedra. As instantáneas, que foron tomadas polas rúas de Londres, teñen como foco central unha serie de sofás abandonados. A inauguración celebrarase ás 21:00 horas na sala de exposicións do Colexio (Casa da Conga. Praza da Quintana, 3).

Previamente á inauguración na Casa da Conga, a Galería Metro (rúa Nova, 24) abrirá as súas portas con máis fotografías de Iravedra ás 20:00 horas. Trátase dun evento de dobre inauguración cunha intervención artística ou “happenning”, que se desenvolverá entre ambas mostras, polas rúas da zona vella compostelá, para invitar aos viandantes a participar, utilizando como reclamo un Seat 600 de 1959 en cor vermella cun sofá na baca do coche e cos logotipos da marca ficticia Sofás Iravedra. Esta montaxe contará co acompañamento dun grupo de mozos e mozas con camisetas da exposición para animar aos transeúntes a visitar as mostras.

Segundo explica Amador Iravedra, “ruar por Londres é un agasallo para os ollos”, onde se recibe moita información en infinidade de imaxes que se amontoan na cabeza. O fotógrafo sentiu un frechazo ao ver o seu primeiro sofá tirado nunha rúa de Londres, e de maneira impulsiva colleu a súa cámara e fixo un encadre frontal, directo, e deixando que se apreciara o gris background londinense tan característico. Esta moble doméstico é para Iravedra “un cálido elemento do fogar que te acolle nos seus brazos sempre que o necesitas e que antes ou despois soe acabar na rúa, ás veces ten unha segunda oportunidade e alguén o recolle” –define–.

Co carrete en marcha e cheo de sofás abandonados, Iravedra comezou a fixar a súa atención nos catálogos de sofás e o seu mundo ideal de fogares e familias felices. “Inspirado por esa publicidade de sofás decidín montar a miña propia campaña ficticia, Sofás iravedra, coa axuda da cartelería e de amigos que visten camisetas da marca para percorrer as rúas da cidade expositora e despistar ao espectador para que visite a serie fotográfica na súa galería correspondente” –indicou–.

A exposición da Casa da Conga permanecerá aberta desde hoxe ata o próximo 13 de xullo, de luns a venres en horario de 11:00 a 14:00 horas.

Para máis información: http://ineditoant.wordpress.com/amador-iravedra/. Unha acción similar celebrouse na Coruña en xuño de 2011. Ver vídeo: http://vimeo.com/43884374