O Colexio de Arquitectos presenta Obradoiro 34, unha publicación que reflexiona sobre o feito e o pensamento arquitectónico galego e internacional

obraJorge Duarte, decano do Colexio de Arquitectos:

“É importante que a sociedade valore o traballo dos arquitectos, cultural e economicamente”

Carlos Quintáns e Carlos Pita, directores da revista:

“É un espazo de reflexión, onde hai tempo para botar unha mirada máis intensa á realidade arquitectónica, con liberdade expresiva”

O Colexio de Arquitectos de Galicia presentou hoxe o número 34 da revista OBRADOIRO “O LIMITE”. O acto contou coa presenza do decano do Colexio de Arquitectos, Jorge Duarte; o presidente da Comisión de Cultura, Fernando Martínez; e os directores da revista, Carlos Quintáns e Carlos Pita, ademais doutros arquitectos colexiados que asistiron á presentación.

 

A publicación está considerada un mosaico representativo da arquitectura galega contemporánea que ten por obxecto proxectar a dimensión cultural da arquitectura; e amosa unha extraordinaria expresividade visual grazas á súa gran cantidade de fotografías, planos e maquetas, que a fan realmente atractiva. A revista será distribuída entre todos os colexiados, en institucións académicas e en librarías especializadas e de gran alcance. A partir de mañá venres, 15 de xuño, estará á disposición dos colexiados que teñan subscrito o servizo de publicacións nas súas respectivas Delegacións.

Jorge Duarte manifestou a súa satisfacción por este número, que segundo apuntou sae á rúa en tempos de crise para o sector da construción, para o Colexio de Arquitectos e para todos. “É un momento no que hai que reivindicar traballos serios, de reflexión e profundos que aporten coñecemento”– indicou Duarte–.

O decano subliñou que o Colexio de Arquitectos aposta polo labor de difusión da cultura arquitectónica, un dos seus obxectivos básicos “irrenunciables”. “Achegar a cultura arquitectónica á sociedade permitirá que esta actúe, cando sexa necesario, con maior coñecemento sobre o territorio e que valore moito máis o que poden aportar os arquitectos” –matizou–.

Sobre a situación do mercado inmobiliario, Jorge Duarte explicou que o colectivo dos arquitectos está, ao igual que o resto da sociedade, “asustado, en pausa e espera” pola situación económica mundial, intentando sobrevivir e exercendo o máis dignamente posible a profesión. “É importante que a sociedade valore o traballo dos arquitectos, cultural e economicamente” –apuntou–.

Segundo Duarte, unha saída para os arquitectos é apostar por pequenas obras, rehabilitacións, a conservación do existente, cambiando o modelo de construción para fixar a vista sobre o xa edificado, sempre aportando sentido común e solucións económicas para os clientes.

Un espazo para a reflexión

A revista Obradoiro é a única publicación especializada en arquitectura que hai en Galicia. Foi elaborada durante o inverno de 2009 pero non conseguiu ver a luz ata agora debido a crise económica destes últimos anos. Malia este contratempo, os seus directores aseguran que os contidos deste número seguen tendo vixencia e interese. Pita e Quintáns repiten experiencia tras dirixir xa o anterior número da revista onde se abordaba “o pequeno, a pequena escala”.

Os seus directores explican que Obradoiro 34 quere indagar na necesidade de definir o “límite” e na intensidade que xera a súa presenza. Existen límites naturais ou construídos que marcan fronteiras e territorios, tamén límites de seguridade, límites agrícolas coñecidos como marcos, límites urbanos que separan o público do privado, ou mesmo límites marcados polo clima e os costumes sociais e culturais.

Quintáns destacou a importancia de transmitir a información e todo o material da revista en formato papel, para que o público en xeral poida gozar da reflexión sobre o límite que impoñen as edificacións xa construídas.

Pola súa parte, Carlos Pita lembrou que a revista Obradoiro non pretende seguir a actualidade arquitectónica, sinxelamente “é un espazo de reflexión, onde hai tempo para botar unha mirada máis intensa á realidade arquitectónica, con liberdade expresiva”.

Anécdotas da personalidade e obra do alemán de Camelle

Entre os principais contidos da publicación destaca un artigo sobre a vida e obra artística de Manfred Gnädinger, coñecido en terras galegas como Man de Camelle. “Sobrevoamos os aspectos máis anecdóticos da súa personalidade e profundizamos no seu legado artístico”. Para elaborar o documento tiveron acceso a un arquivo oculto, agochado na casa que o artista alemán tiña no Concello de Camelle, e que agora a fundación que leva o seu nome está catalogando. “Apreciamos situacións persoais postas ao límite da creatividade e da vida propia” –salientou Quintáns–.

Igualmente, a revista Obradoiro recolle a pegada artística de Romualda, unha muller holandesa afincada en cabo de Gata, cunha obra moi próxima a de Man, que tampouco se impón límites á hora de expandir a súa creación artística.

A revista tamén inclúe o feito arquitectónico galego e obras a nivel internacional,  ademais de artigos sobre o pensamento arquitectónico dos profesionais galegos. Recóllense máis de 25 proxectos onde se reflicten numerosas obras de arquitectos galegos. Así, pódense atopar proxectos de Irisarri e Piñera, Creus e Carrasco, Manuel Gallego Jorreto, Jorge Meijide e Fernando Martínez, entre outros. Tamén destacan obras de arquitectos estranxeiros como Solano Benítez, unha figura destacada nos últimos anos na arquitectura latinoamerica, os do estudio A12, Germán del Sol, Marcela Correa, Paffarrd Keating-Clay, Gabetti Isola ou Óscar R. Tenreiro.

Obradoiro 34 preséntase nun volume de 18,8 x 24,4 centímetros, con portada protagonizada por unha fotografía do galego Vari Caramés, ten 370 páxinas, numerosas fotografías e planos ilustrativos dos proxectos, ademais de debuxos e bocetos. A descrición dos proxectos vai acompañada dun texto explicativo do propio autor, ou mesmo da memoria que se xunta a cada proxecto. A maioría das veces, a opinión dun arquitecto completa a reseña.



FICHA TÉCNICA

  • Directores: Carlos Pita e Carlos Quintáns
  • Consello editorial: David Barro
  • Fotografía: Vari Caramés
  • Idiomas: galego e castelán
  • Número de páxinas = 370
  • Formato = 18,8 x 24,4 cm, en papel de 115 gramos a 4 tintas, con portada de 300 gramos
  • Tirada = 2.500 exemplares
  • Difusión = colexiados, en institucións académicas e en librerías especializadas e de gran alcance 

O primeiro Obradoiro, en 1978

En 1978 a Comisión de Cultura do Colexio de Arquitectos editaba o primeiro número da revista Obradoiro, instrumento aberto de información, estudo e discusión sobre todo o relacionado coa arquitectura, urbanismo, construción e medio ambiente.

Coa súa política de publicacións, o Colexio de Arquitectos de Galicia pretende estar presente de forma activa na sociedade galega en todas aquelas cuestións que garden relación coa calidade de vida, patrimonio histórico e cultural colectivo e coa ordenación e desenvolvemento de Galicia. O Colexio aposta polo seu labor editorial establecendo lazos de colaboración con institucións, organismos ou entidades que permitan o aproveitamento de sinerxias no ámbito da investigación. Realizáronse coedicións e colaboracións con universidades e institucións culturais, consellerías da Xunta de Galicia, Administración local, fundacións e editoriais, outros colexios de arquitectos, a ETSA da Coruña ou o Docomomo, entre outras entidades.