A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos organiza este mes o ciclo de documentais Cinemautor

Estas proxeccións pretenden difundir a obra de artistas galegos para afianzar á delegación como punto de enconCINEMAUTORtro entre as vangardas culturais

A primeira cinta, “Contra a morte”, reproducirase este venres, ás 19:00 horas na sala de cultura do Colexio herculino

A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia organiza este mes de xuño o ciclo Cinemautor coa proxección de varios documentais galegos. O ciclo organízase en dúas xornadas, os venres 15 e 29 de xuño, ás 19:00 horas na sala de cultura da delegación (rúa Federico Tapia nº 62, baixo).

 

Marta Trasancos, presidenta da comisión de cultura da delegación coruñesa, explica que este ciclo pretende respaldar e difundir a obra de artistas do panorama audivisual galego, alonxados dos circuítos máis convencionais, co obxectivo de afianzar á delegación como punto de encontro entre as vangardas culturais. Esta actividade cultural está aberta a todos os públicos e continuará celebrándose despois dos meses de verán. A entrada será gratuíta e con aforo limitado. Ao acabar de ver cada documental celebrarase unha mesa redonda cos autores.

A primeira proxección, este vernes 15 de xuño, será “Contra a morte”, documental dirixido e co guión de Alexandre Cancelo e Iago Martínez. É unha cinta documental que xira arredor da figura do poeta Lois Pereiro, que narra un testemuño que percorre os lugares e convive coas persoas da súa vida, trazando un arco xeracional para se achegar á persoa e ao seu tempo. Segundo os seus autores, Lois Pereiro é a presenza constante dun símbolo, un poeta que apostou pola independencia da súa voz fronte á poesía canónica e profesoral, un home que viviu a vida intensamente.

Monforte, Madrid, Berlín, A Coruña e O Incio son os lugares polos que os autores transitan perseguindo unha presenza, as voces que narran o paso de Lois Pereiro entre os vivos. “Homenaxeado co Día das Letras Galegas no ano 2011, son moitos os ángulos escuros na biografía dun poeta que encarna a modernidade na nosa cultura, o risco, o punk e o underground” –indica Alexandre Cancelo–.

Ficha técnica: Dirección e guión: Alexandre Cancelo e Iago Martinez. Produción: AC/E, IB Cinema, TVG e Agadic. Fotografía: Vanessa Amoedo, Justo Guisasola. Duración: 83 min.

O documental que se proxectará o vindeiro 29 de xuño é PIC-NIC, de Eloy Enciso. Segundo conta o autor, cada amencer, os protagonistas deste documental lánzanse á conquista dunha quimera de sol e descanso. “Desenfundando antucas no canto de pistolas, tirando de hamacas no canto de cabalos e alforxas, estes homes representan unha peculiar versión do afastado Oeste, na que cada centímetro de praia e minuto contan” –detalla Enciso–.

Con esa loita, a promesa de descanso convértese nunha carreira polo tempo e o espazo, a mesma carreira ancestral do home agora tamén durante as vacacións. Os conquistadores desta praia, homes castizos e con panza, calan as súas gorras e entornan os ollos, falan parco e claro. Evocan, sen eles sabelo, aos heroes do CinemaScope. “Son antiheroes, xentes de xestos e xeitos que recordan a un tipo afastado ou a un coñecido do barrio. Representan o ocaso dunha epopeia, unha España cañí (con sabor a Tati) que se extingue –pecha Eloy Enciso–.

PIC-NIC foi premio ao mellor documental galego no Play-Doc de Tui 2008. Actualmente, Eloy Enciso está en fase de posprodución da súa segunda longametraxe, Arraianos.

Ficha técnica: Dirección: Eloy Enciso. Guión: Eloy Enciso e Elena Arroyo. Produción: IB Cinema, Salto de eje. Fotografía: Mauro Herce. Duración: 77 minutos. (España, 2007).