A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos organiza este mes o ciclo de documentais Cinemautor
- Detalles
- Categoría: Colexio Arquitectos Galicia
- Published: Luns, 11 Xuño 2012 15:06
- Visitas: 665
Estas proxeccións pretenden difundir a obra de artistas galegos para afianzar á delegación como punto de encontro entre as vangardas culturais
A primeira cinta, “Contra a morte”, reproducirase este venres, ás 19:00 horas na sala de cultura do Colexio herculino
A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia organiza este mes de xuño o ciclo Cinemautor coa proxección de varios documentais galegos. O ciclo organízase en dúas xornadas, os venres 15 e 29 de xuño, ás 19:00 horas na sala de cultura da delegación (rúa Federico Tapia nº 62, baixo).
Marta Trasancos, presidenta da comisión de cultura da delegación coruñesa, explica que este ciclo pretende respaldar e difundir a obra de artistas do panorama audivisual galego, alonxados dos circuítos máis convencionais, co obxectivo de afianzar á delegación como punto de encontro entre as vangardas culturais. Esta actividade cultural está aberta a todos os públicos e continuará celebrándose despois dos meses de verán. A entrada será gratuíta e con aforo limitado. Ao acabar de ver cada documental celebrarase unha mesa redonda cos autores.
A primeira proxección, este vernes 15 de xuño, será “Contra a morte”, documental dirixido e co guión de Alexandre Cancelo e Iago Martínez. É unha cinta documental que xira arredor da figura do poeta Lois Pereiro, que narra un testemuño que percorre os lugares e convive coas persoas da súa vida, trazando un arco xeracional para se achegar á persoa e ao seu tempo. Segundo os seus autores, Lois Pereiro é a presenza constante dun símbolo, un poeta que apostou pola independencia da súa voz fronte á poesía canónica e profesoral, un home que viviu a vida intensamente.
Monforte, Madrid, Berlín, A Coruña e O Incio son os lugares polos que os autores transitan perseguindo unha presenza, as voces que narran o paso de Lois Pereiro entre os vivos. “Homenaxeado co Día das Letras Galegas no ano 2011, son moitos os ángulos escuros na biografía dun poeta que encarna a modernidade na nosa cultura, o risco, o punk e o underground” –indica Alexandre Cancelo–.
|
O documental que se proxectará o vindeiro 29 de xuño é PIC-NIC, de Eloy Enciso. Segundo conta o autor, cada amencer, os protagonistas deste documental lánzanse á conquista dunha quimera de sol e descanso. “Desenfundando antucas no canto de pistolas, tirando de hamacas no canto de cabalos e alforxas, estes homes representan unha peculiar versión do afastado Oeste, na que cada centímetro de praia e minuto contan” –detalla Enciso–.
Con esa loita, a promesa de descanso convértese nunha carreira polo tempo e o espazo, a mesma carreira ancestral do home agora tamén durante as vacacións. Os conquistadores desta praia, homes castizos e con panza, calan as súas gorras e entornan os ollos, falan parco e claro. Evocan, sen eles sabelo, aos heroes do CinemaScope. “Son antiheroes, xentes de xestos e xeitos que recordan a un tipo afastado ou a un coñecido do barrio. Representan o ocaso dunha epopeia, unha España cañí (con sabor a Tati) que se extingue –pecha Eloy Enciso–.
PIC-NIC foi premio ao mellor documental galego no Play-Doc de Tui 2008. Actualmente, Eloy Enciso está en fase de posprodución da súa segunda longametraxe, Arraianos.
|