O Colexio de Arquitectos edita un novo número da revista Obradoiro, dedicado ao límite en arquitectura e urbanismo

lmiteA publicación, única en Galicia, recolle máis de vintecinco proxectos coas súas respectivas fotografías, planos e maquetas

A presentación será o  xoves, 14 de xuño, ás 11:30 horas, na sede compostelá do Colexio de Arquitectos de Galicia

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta o próximo xoves, 14 de xullo, o número 34 da revista OBRADOIRO “O LIMITE”. O acto celebrarase ás 11:30 horas na sala de exposicións do Colexio (Casa da Conga. Praza da Quintana, 3. Santiago de Compostela), e contará coa presenza do decano, Jorge Duarte, e o presidente da Comisión de Cultura, Fernando Martínez.

A publicación está considerada un mosaico representativo da arquitectura galega contemporánea que ten por obxecto proxectar a dimensión cultural da arquitectura. A publicación amosa unha extraordinaria expresividade visual grazas á súa gran cantidade de fotografías, planos e maquetas, que a fan realmente atractiva. A revista será distribuída entre todos os colexiados, en institucións académicas e en librarías especializadas e de gran alcance.

Os seus directores, Carlos Pita e Carlos Quintáns explican que Obradoiro 34 quere indagar na necesidade de definir o “límite” e na intensidade que xera a súa presenza. Existen límites naturais ou construídos que marcan fronteiras e territorios, tamén límites de seguridade, límites agrícolas coñecidos como marcos, límites urbanos que separan o público do privado, ou mesmo límites marcados polo clima e os costumes sociais e culturais.

A revista Obradoiro é a única publicación especializada en arquitectura que hai en Galicia, foi elaborada durante o inverno de 2009 pero non conseguiu ver a luz ata agora debido a crise económica destes últimos anos. Malia este contratempo, os seus directores aseguran que os contidos deste número seguen tendo vixencia e interese. Pita e Quintáns repiten experiencia tras dirixir xa o anterior número da revista onde se abordaba “o pequeno, a pequena escala”.

De feito, aparece con carácter póstumo unha reflexión de Juan Luis Dalda, falecido en 2011, sobre a proposta de Andrés Fernández-Albalat de 1968 sobre “A cidade das rías”, na que este procuraba a integración e comunicación da área A Coruña-Ferrol. Dalda asinou  en outubro de 2008 o artigo titulado: “A CIDADE DAS RÍAS. A anticipación dunha idea de planifiación rexional. A súa expresión actual nas directrices de ordenación do territorio de Galicia”.

Obradoiro 34 preséntase nun volume de 18,8 x 24,4 centímetros, con portada protagonizada por unha fotografía do galego Vari Caramés, ten 370 páxinas, numerosas fotografías e planos ilustrativos dos proxectos, ademais de debuxos e bocetos. A descrición dos proxectos vai acompañada dun texto explicativo do propio autor, ou mesmo da memoria que se xunta a cada proxecto. A maioría das veces, a opinión dun arquitecto completa a reseña.

Nesta edición recóllense máis de 25 proxectos onde se reflicten numerosas obras de arquitectos galegos. Así, pódense atopar obras de Irisarri e Piñera, Creus e Carrasco, Manuel Gallego Jorreto, Jorge Meijide e Fernando Martínez, entre outros. Tamén destacan obras de arquitectos estranxeiros como Solano Benítez, os do estudio A12, Germán del Sol, Marcela Correa, Paffarrd Keating-Clay, Gabetti Isola ou Óscar R. Tenreiro. A partir do venres 15 de xuño, esta publicación estará á disposición dos colexiados que teñan subscrito o servizo de publicacións, nas súas respectivas Delegacións.


FICHA TÉCNICA

  • Directores: Carlos Pita e Carlos Quintáns
  • Consello editorial: David Barro
  • Fotografía: Vari Caramés
  • Idiomas: galego e castelán
  • Número de páxinas = 370
  • Formato = 18,8 x 24,4 cm, en papel de 115 gramos a 4 tintas, con portada de 300 gramos
  • Tirada = 2.500 exemplares
  • Difusión = colexiados, en institucións académicas e en librerías especializadas e de gran alcance

O primeiro Obradoiro, en 1978

En 1978 a Comisión de Cultura do Colexio de Arquitectos editaba o primeiro número da revista Obradoiro, instrumento aberto de información, estudo e discusión sobre todo o relacionado coa arquitectura, urbanismo, construción e medio ambiente.

Coa súa política de publicacións, o Colexio de Arquitectos de Galicia pretende estar presente de forma activa na sociedade galega en todas aquelas cuestións que garden relación coa calidade de vida, patrimonio histórico e cultural colectivo e coa ordenación e desenvolvemento de Galicia. O Colexio aposta polo seu labor editorial establecendo lazos de colaboración con institucións, organismos ou entidades que permitan o aproveitamento de sinerxias no ámbito da investigación. Realizáronse coedicións e colaboracións con universidades e institucións culturais, consellerías da Xunta de Galicia, Administración local, fundacións e editoriais, outros colexios de arquitectos, a ETSA da Coruña ou o Docomomo, entre outras entidades.