A Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos inaugura mañá unha exposición de fotografías decorativas a detalle de José Pardo

pardoEstá composta por sete instantáneas de gran tamaño que recollen elementos de rúa como un camión, unha escaleira mecánica ou un farol

José Pardo, fotógrafo e autor da mostra FOTODECÓ:

“Son todas instantáneas decorativas, moi planas e frontais que non teñen elemento humano”

A Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia inaugura mañá sábado, 9 de xuño, a exposición fotográfica de José Pardo, FOTODECÓ. O acto, que terá lugar na planta baixa da delegación, comezará ás 19:00 horas e contará coa presenza, respaldando ao autor, do presidente da Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos, Raúl Veiga; o secretario, José Luis Sanmiguel; e a tesoureira e responsable de cultura, Celia Fajar.

O fotógrafo ferrolán José Pardo estrea en Lugo esta exposición, composta por sete imaxes a toda cor de gran tamaño, que alcanzan e mesmo superan o metro de altura. A mostra consta de imaxes de detalle, tamén coñecidas como fotografías conceptuais, que recollen elementos cotiás e de rúa como a dianteira dun camión, unha escaleira mecánica, a boia dun barco, unha sombra nunha parede ou un farol enmarcado sobre unha palmeira. “Son todas instantáneas decorativas, moi planas e frontais que non teñen elemento humano” –explica Pardo–. O fotógrafo sacou as imaxes nestes últimos anos e agora reúne todo o seu traballo nunha mostra que espera teña un logo camiño e itinerancia por toda Galicia.

Esta exposición dá continuidade á liña de traballo aberta nestes últimos tempos pola Xunta Directiva da Delegación de Lugo, onde se ve necesario “manter aberto o Colexio aos usos de difusión cultural, en diálogo aberto e de debate cultural con toda a cidadanía, sendo como é á institución un foco máis de cultura da cidade de Lugo” –apunta Raúl Veiga–.

José Pardo (Ferrol, 1969) estudou fotografía e rematou a súa titulación en 1992. Tras colaborar co Diario 16 en Galicia, comeza a traballar en 1993 para o xornal La Voz de Galicia e cofunda a empresa de servizos fotográficos Aspa.

Ademais do seu traballo ininterrompido como fotógrafo de prensa, participa en exposicións colectivas e individuais e colabora en diversas publicacións, gardando especial interese a exposición titulada “SAIAS” (2007), patrocinada pola organización do Festival Celta de Ortigueira; a achega ao libro e proxección de retratos "FERROL, A CIDADE VIVIDA" (2008), editado pola Concellaría de Cultura do Concello de Ferrol; o libro "JOFRE" (2005), conmemorativo da reinauguración do devandito teatro na súa cidade natal; "A MAGDALENA" (2010); ou recentemente "As MENINAS DE CANIDO" (2011).

A mostra permanecerá aberta ata o 10 de xullo e poderá visitarse de luns a venres, en horario de 10:00 a 15:00 horas.