A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos celebra unha conferencia sobre a construción de vivendas sociais en Gautemala con tecnoloxía e materiais vernáculos

casa_ruralO relator, o enxeñeiro guatemalteco Javier Quiñónez, dedícase a mellorar a habitabilidade dos máis desfavorecidos de América Latina

Arquitectos Sen Fronteiras, organizador da charla, traballa nun proxecto na costa sur do país

A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia celebra hoxe a conferencia do enxeñeiro civil guatemalteco, Javier Quiñónez, “Tecnoloxía e responsabilidade social. Experiencias en Guatemala”, organizada pola ONG Arquitectos Sen Fronteiras (ASF-Galicia). A conferencia comezará ás 20:00 horas na sala de cultura da delegación coruñesa.

Quiñónez explicará a problemática social que existe en Guatemala e como está relacionada coa habitabilidade básica. Ademais, falará da súa experiencia en proxectos onde actúan elementos importantes como a valoración e mellora da tecnoloxía vernácula e a utilización de desfeitos agroindustriais para a produción de materiais e compoñentes de vivenda social. Tamén fará unha exposición final da visión que Guatemala ten da axuda exterior.

Javier Quiñónez: “El 85% de las viviendas en Guatemala se construyen de manera informal”

Segundo apunta o enxeñeiro, a situación da habitabilidade en Guatemala está diferenciada entre a zona rural e a zona urbana, onde se realizan dous tipos de arquitectura: a formal, asociada a un contorno urbano e dirixida por arquitectos e enxeñeiros; e unha informal que se emprega nas zonas rurais e se desenvolve grazas ao esforzo e traballo dos seus habitantes que dispoñen de escasos recursos económicos. “El 85% de las viviendas en Guatemala se construyen de manera informal” –indicou Quiñónez–.

Javier Quiñónez indica que actualmente se construe no sector informal con tecnoloxía vernácula, baseada na construción con terra, como o adobe, e un sistema chamado bajareque, unha masa entretecida a base de paus, canas e barro. A construción informal utiliza xeralmente materiais e man de obra locais. Actualmente se investigan tecnoloxías alternativas para a construción a partir de materiais volcánicos, moi abundantes no país.

Perfil profesional

Francisco Javier Quiñónez de la Cruz (Antiga Guatemala, 1954) é enxeñeiro civil con especialización en investigación científica, profesor titular na Facultad de Ingeniería de la Universidad Nacional de San Carlos de Guatemala e aspirante a Doutor en Ciencias Técnicas no Instituto Superior Politécnico “Juan Antonio Echevarría” da Habana.

Participou en diferentes proxectos de investigación e de mellora habitacional con organismos internacionais como a Fundación Internacional para la Ciencia de Suecia, a Red del Hábitat ECOSUR, o Centro Internacional de Investigaciones para el Desarrollo de Canadá, o Programa Iberoamericano de Ciencia y Tecnología para el Desarrollo e Arquitectos Sin Fronteras de España.  Desde a súa posición como profesor universitario e membro da ONG AVAT, Quiñónez tenta buscar a mellora da situación de habitabilidade dos menos favorecidos economicamente en América Latina.

Arquitectos Sen Fronteiras en Guatemala

Esta charla organizada por ASF-Galicia pretende amosar como as ferramentas dos técnicos xunto coa participación social da poboación son fundamentais para a axuda ao desenvolvemento e mellora das condicións de vida e habitabilidade das sociedades menos favorecidas.

Arquitectos Sen Fronteiras traballa desde hai catro anos nun proxecto de habitabilidade básica na costa sur de Guatemala, dentro do programa "Oxlajuj Tz´ikin" financiado pola Xunta de Galicia.