Os estudios galegos Arrokabe e Trespes e o arquitecto Jacobo Bouzada son finalistas do premios internacionais Arquitectura Plus

compotaxeForon seleccionados o Centro de recursos para persoas con discapacidade de Silleda, unha área de compostaxe no campus coruñés da Zapateira e o Cetal de Lugo

  • Os galardoados comparten edición co premio Pritzker e Príncipe de Asturias das Artes Rafael Moneo

  • O arquitecto Víctor López Cotelo recibirá a distinción á mellor traxectoria profesional
Dous estudios galegos, o compostelán Arrokabe Arquitectos e o coruñés Trespes Arquitectos, e Jacobo Bouzada Jaureguízar son finalistas dos Premios Arquitectura Plus. Nesta terceira edición presentáronse 163 proxectos enviados por 90 estudios de arquitectura. O xurado seleccionou 24 propostas finalistas nas categorías de espazos públicos e infraestruturas, edificos para o traballo, edificios para a educación, arquitectura deportiva e cultural, vivenda de promoción pública ou privada, arquitectura sanitaria, hoteleira, sostible e efémera, ademais dos premios extraordinarios A+ á mellor traxectoria profesional e ao estudio xove de arquitectura máis prometedor.

O estudio Arrokabe, dos irmáns Óscar e Iván Andrés Quintela, ubicado na rúa de San Pedro de Santiago, foi seleccionado para a final na categoría de mellor edificio para a educación, xunto á obra  de Rafael Moneo (premio Pritzker en 1996 e Príncipe de Asturias das Artes en 2012) con Moneo Brock Studio, o Northwest Science Building de Manhattan (Nova YorK). O terceiro finalista é o estudio Paredes e Pedrosa, pola obra da Escuela UPI de Gandía. Arrokabe presentou a este premio o proxecto de rehabilitación do Centro de recursos para persoas con discapacidade en Meledo, no Concello de Silleda, promovida pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).

O papel da accesibilidade

Según os arquitectos as construcións existentes e o seu contorno constituían un exemplo de arquitectura popular de indudable calidade, tanto polas súas características construtivas como pola súa implantación. Segundo indican os seus autores, o obxecto básico da rehabilitación foi adaptar un conxunto de edificios tradicionais, que no seu día constituían o centro dunha unidade de produción agrícola, a un uso moi específico e aparentemente distinto.

A obra esixía ampliar a superficie construída, con pezas dotadas dunha serie de conexións e servizos, para crear un único edificio accesible, adaptándose ás necesidades espaciais con flexibilidade e sen provocar alteracións significativas. Para alcanzar o nivel de accesibilidade desexado, os arquitectos conservaron os niveis das pezas orixinais, e adaptaron o novo volumen a eles. “O resultado foi un edificio con múltiples posibilidades de uso e unha intensa relación co seu contorno, coa que se incide na experiencia sensorial, un factor especialmente importante nun edificio para usuarios con discapacidade” –explica Iván Andrés–.

Óscar e Iván Andrés Quintela comparten despacho profesional, Arrokabe Arquitectos, na rúa santiaguesa de San Pedro, nº 94. Neste último ano, o estudio conseguiu varios recoñecementos como o premio VETECO na categoría de rehabilitación, o Premio Manuel Gómez Román 2011, concedido pola Fundación Setestrelo, pola rehabilitación da Escola de deportes naúticos de Abelleira (Muros)  e recibiron un accésit nos Premios Juana de Vega 2011, pola vivenda en Sabugueira do Carballal (Lavacolla, Santiago de Compostela). Ademais, Arrokabe foi seleccionado, xunto a outros nove estudios galegos, para a exposición colectiva Metagénesix. Nova arquitectura de Galicia, que se inaugurou o pasado setembro en Lisboa.

Un edificio efémero de servizos

Pola súa parte, o estudio Trespes Arquitectos da Coruña resultou finalista na categoría ao mellor proxecto de arquitectura efémera, pola súa obra da área de compostaxe no Campus da Zapateira, deseñada para transformar en compós os residuos orgánicos orixinados nas cafeterías das facultades. Esta instalación concibiuse para aloxar, de maneira temporal, a maquinaria e os aparatos necesarios para a transformación da materia orgánica. “Deseñamos unha instalación con táboas de madeira de pino, apiladas como nos tradicionais secadoiros de madeira” –apunta Carlos Mosquera, arquitecto do estudio Trespes–. Este sistema construtivo de madeira facilita a ventilación e iluminación da instalación.

O estudio Trespes (rúa San Andrés, nº 22- 2º E) naceu en 2005 da man dos arquitectos Carlos Mosquera, Alberte Pérez e Enrique Iglesias, que entenden o oficio de arquitecto dun xeito transversal, desde o estritamente profesional ata a divulgación cultural. Foron finalistas nos V Premios ENOR e seleccionados nos premios ARQUIA/Próxima 2010. Coordinan desde 2008 o programa de difusión cultural INTEMCIOM da libraría Formatos da Coruña e son comisarios, xunto con Felipe Trillo e Ana Amado, do proxecto expositivo Metagénesix. Nova arquitectura de Galicia, que recolle vinte traballos de dez arquitectos/equipos seleccionados a partir dunha convocatoria aberta á que se presentaron máis de 200 obras.

Potenciación da eficiencia enerxética nun edificio

Tamén o arquitecto de Vilagarcía de Arousa, Jacobo Bouzada, conseguiu ser finalista en dúas categorías, ao mellor proxecto de arquitectura de edificios para o traballo e de arquitectura sostible, pola obra do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal). Este edificio consegue integrarse co seu contorno e maximizar a eficiencia enerxética, "como un auténtico invernadoiro, entre xardín e horta, que produce un microclima controlado e regula a relación dos espazos de traballo co exterior" –indica Bouzada–.

Bouzada Jaureguízar é arquitecto pola Escuela de Arquitectura de Navarra (ETSAUN). Colaborou no estudio Cano Lasso (Madrid) en proxectos como o Museo de las Colecciones Reales, a sede da EMT e o Madrid Arena 2012 - Rockodromo da Casa de Campo. Con estudio propio desde 2004 en Madrid (rúa Benito Gutiérrez, 14), Bouzada Jaureguízar obtivo máis de 20 distincións en concursos de ideas e unha ducia de primeiros premios entre os que destacan a ampliación do Parlamento de La Rioja, o Centro Comarcal de Noia, as Bodegas Martín Códax ou o Centro de Interpretación de la Naturaleza do Cabo Peñas.

Ademais, nesta edición dos Arquitectura Plus Víctor López Cotelo recibirá o premio á mellor traxectoria profesional. Estes galardóns están organizados polo Grupo Vía para difundir o talento e a creatividade dos arquitectos españois. A elección final do proxecto gañador de cada categoría recaerá no voto do público profesional do sector que asistirá á cerimonia de entrega dos premios, que terá lugar o martes, 19 de xuño, no Roca Madrid Gallery.