O Colexio de Arquitectos de Galicia ponse á vangarda da formación especializada con novos servizos telemáticos

Curso-OnlineO decano, Jorge Duarte, afirma que se busca “a calidade e excelencia dos nosos servizos como Colexio e como profesionais comprometidos coa sociedade”

Técnicas construtivas e Dirección de obras son os dous primeiros cursos on line que comezarán o vindeiro 21 de maio

O Colexio de Arquitectos de Galicia reforza o seu departamento de formación con prestacións avanzadas a través de Internet, que inclúe unha programación de cursos especializados. A incorporación da formación a distancia vía electrónica sitúa ao Colexio de Arquitectos na “vangarda da oferta colexial e profesional, en sintonía cunha ampla e profunda remodelación da entidade, tanto en servizos á sociedade como aos propios colexiados, na que estamos metidos dende hai anos”, segundo explica o decano, Jorge Duarte.

A plataforma web do Colexio de Arquitectos é unha ferramenta en constante actualización de contidos e funcionalidades, “na que pretendemos facer converxer todas as xestións con terceiros e os colexiados, así como pór á súa disposición a información relevante e necesaria para o mellor desenvolvemento da profesión”, engade Duarte, e pon outros exemplos salientables como a tramitación telemática de licenzas urbanísticas, un proxecto de longo recorrido que pretende inteconectar os concellos galegos, Xunta de Galicia, promotores, arquitectos e o Colexio profesional; ou a aplicación informática para a redacción de memorias técnicas dos proxectos e que posúe un blog propio de consultas con máis de doce mil usuarios de toda España.

“A idea de fondo é simplificar e axilizar ao máximo procesos burocráticos e legais que son farragosos, pero ao mesmo tempo, outorgar rango de máxima transparencia e seguridade xurídica a trámites complicados nos que interveñen distintos actores. Todo isto redunda directamente na calidade e excelencia dos nosos servizos como Colexio e como profesionais comprometidos coa sociedade”, conclúe o decano.

Todos os cursos que integran esta nova formación virtual seguen unha metodoloxía enfocada a involucrar aos participantes nunha dinámica e hábito totalmente integrado no seu traballo diario. Están dirixidos principalmente aos arquitectos que queiran obter unha formación de alto nivel, coa comodidade e economía que permite a formación a través de Internet, así como a outros técnicos interesados.

O vindeiro 21 de maio comezan os dous primeiros cursos, un sobre técnicas construtivas para unha arquitectura sostible e outro sobre dirección e execución de obra. Con carácter presencial, o Colexio impartiu en 2011 un total de 44 cursos e charlas técnicas aos que asistiron 933 persoas.