O Colexio de Arquitectos solicita ao presidente da Xunta de Galicia un gran pacto polo territorio en materia de urbanismo e arquitectura

Jorge_Duarte_1

Jorge Duarte, decano do Colexio de Arquitectos:

“Necesitamos unha aposta clara e decidida pola rehabilitación”

A directiva colexial reuniuse esta mañá co presidente do Goberno galego para manifestarlle as inquedanzas profesionais

A Xunta de Goberno do Colexio de Arquitectos de Galicia, encabezada por Jorge Duarte, foi recibida esta mañá polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a quen lle trasladaron as súas preocupacións e inquedanzas pola situación que vive a profesión e o sector da construción. Os arquitectos tamén manifestaron ao presidente Feijóo a vontade de compromiso e colaboración do Colexio de Arquitectos para alcanzar un gran pacto polo territorio, a través de accións racionais e sostibles nos eidos do deseño do territorio, o urbanismo e a arquitectura.

Segundo indicou Jorge Duarte, o colectivo profesional dos arquitectos ofrece a súa colaboración ao Goberno galego para acadar unha Lei do Solo “máis prestacional e menos prescritiva”. De feito, o Colexio de Arquitectos suxire formar unha comisión para reflexionar sobre a situación urbanística actual e consensuar un documento completo e con permanencia no tempo. Neste punto, Duarte propón á Xunta traballar nos plans urbanísticos, apostando pola calidade dos mesmos e as súa adaptación real ás necesidades de cada concello ou conxunto de concellos. “Temos que incidir na sustentabilidade ambiental e económica dos planeamentos, con medidas que obriguen aos concellos a relacionar o seu crecemento coa efectiva dotación de servizos urbanísticos básicos e o seu mantemento, a rehabilitación dos centros históricos e o parque edificado e a harmonización da dotación das vivendas protexidas coa demanda real” –indicou Duarte–.

Duarte aposta pola tramitación telemática das licenzas para axilizar a aprobación dos planeamentos urbanísticos

Jorge Duarte valorou positivamente o esforzo que está a realizar a Administración autonómica para dotar dun plan urbanístico ao maior número posible de concellos, poñendo á súa disposición máis de 40 millóns de euros destinados á redacción ou actualización do planeamento municipal. A pesar destas medidas, os tempos para a tramitación dun planemento xeral aínda son moi prolongados, con sete anos de media ou nalgúns casos rozando os dezasete anos de tramitación.

“Para axilizar a aprobación de planeamentos cómpre introducir a tramitación telemática coordinando os informes preceptivos para aforrar tempo e custos e garantir a transparencia urbanística. Outra das propostas sería redactar plans resumidos para municipios con pouca complexidade urbanística ou planeamentos por fases” –explicou Duarte–.

Máis reflexións que se puxeron enriba da mesa na reunión co presidente da Xunta foi a necesidade de integrar a figura do arquitecto no corpo técnico dos concellos galegos, para mellorar a capacidade de xestión urbanística municipal. Así, o Colexio de Arquitectos colabora coa iniciativa piloto da Consellería de Presidencia para a creación de servizos técnicos supramunicipais que permitan unha utilización racional e eficiente dos recursos públicos. Ademais, Duarte destacou a necesidade de controlar as contratacións ou consursos públicos de arquitectura en termos de liberdade, transparencia e igualdade entre os candidatos para evitar que os traballos se concentren nas mesmas mans. “É preciso apostar por un concurso público de arquitectura onde primen a calidade e racionalidade dos proxectos sobre a baixa económica dos honorarios” –expuxo–.

Desde o Colexio de Arquitectos de Galicia solicitan unha política de vivenda que beneficie o aluguer e apoie a rehabilitación baixo os principios de calidade e sostibilidade, tal como se concluíu no recente congreso sobre patoloxía e rehabilitación de edificios (PATORREB) que organizou o Colexio de Arquitectos o pasado mes de abril. “Cómpre unha aposta clara e decidida pola rehabilitación, combinada cun crecemento controlado para dar resposta á demanda real de vivenda nova onde sexa preciso, sempre cun prezo razoable, e optando polo aluguer” –apostilou Duarte–.

Neste campo da rehabilitación, o Colexio promove mellorar as condicións de habitabilidade, accesibilidade e eficiencia enerxética das vivendas, entendidas dun modo global fronte ás axudas puntuais para caldeiras, ventas ou ascensores. Duarte destacou que a entidade colexial cre firmemente nas Inspeccións Técnicas de Edificios (ITE’s) en materia non só de seguridade, senón tamén de eficiencia enerxética e accesibilidade.

Finalmente, o decano dos arquitectos apuntou que sería necesario introducir nos investimentos de I+D+i un paquete de axudas para os proxectos arquitectónicos e solicitou ao Goberno galego colaboración para proseguir nunha liña de maior valorización das obras e do territorio construído por parte da cidadanía. Así o demostra o Proxectoterra, un programa educativo sobre arquitectura e territorio impulsado hai máis de doce anos polo Colexio de Arquitectos en colaboración coa Xunta de Galicia e outras institucións, que ten demostrado o seu éxito a través de diversos premios. Neste aspecto, a Xunta de Goberno do Colexio pide a  colaboración do Goberno autonómico para poder estender estes valores ao resto da sociedade a través do proxecto “Xentes, Espazos e Lugares”.