O Colexio de Arquitectos e a Fundación Luis Seoane colaboran nun obradoiro infantil sobre arquitectura e urbanismo

smfO ciclo Sen moverte do sofá conectará virtualmente a rapaces de distintas cidades españolas que compartirán coñecementos sobre o seu contorno

O Colexio de Arquitectos de Galicia, a través do seu programa educativo proxectoterra, organiza na Fundación Luis Seoane da Coruña o obradoiro de arquitectura infantil Sen moverte do sofá. Este obradoiro forma parte do curso Nenoarquitectura, unha actividade que pretende dar a coñecer conceptos de arquitectura e urbanismo aos máis pequenos de xeito lúdico a través do Sistema de Construcción Lupo.

O ciclo Sen moverte do sofá constará de catro sesións, realizadas polo Colexio de Arquitectos de Galicia en colaboración cunha serie de equipos didácticos, compostos por arquitectos situados nas ciudades de Madrid, Valencia, Barcelona e Santiago de Compostela. Con esta actividade os nenos poderán viaxar polo territorio nacional sen moverse do sofá e compartir experiencias con rapaces doutros lugares de modo simultáneo e a través das conexións en directo vía skype, mantendo unha auténtica comunicación aberta.

A través destas conexións virtuais e coa axuda das novas tecnoloxías (Goolge Earth, Street view, Skype,…), os participantes convértense en turistas en busca de parecidos e diferencias entre as urbes, estudando a súa historia, estrutura, modelos de crecemento e outras singularidades, que fan das “cidades interesantes labirintos onde indagar, aprender e divertirse” –indica o responsable do Sistema Lupo­ e arquitecto, Fermín Blanco–.

Esta actividade está composta de tres unidades didácticas: o recoñecemento das ciudades; o traballo de campo, mediante a confección dunha maqueta esquemática dunha cidade para analizar a súa morfoloxía, crecemento e puntos característicos a nivel urbano e patrimonial; e o apartado Adiviña quen son, onde os rapaces deseñarán un sombreiro ou careta que representará un edificio característico, para que todos os participantes adiviñen as diferentes localizacións e resolvan as súas dúbidas sobre a arquitectura tradicional e contemporánea. Para pechar o obradoiro, os rapaces escribirán unha tarxeta postal que enviarán aos seus compañeiros de viaxe para compartir o traballo realizado e os mellores momentos da xornada.

Este obradoiro infantil impartirase nas instalacións da Fundación Luis Seoane para un grupo máximo de 20 nenos con idades comprendidas entre os 6 e os 9 anos, que os  sábados 12 e 26 de maio e o 9 de xuño, en horario de 11-14:00 horas, descubrirán o marabilloso mundo da arquitectura e o urbanismo.

Nenoarquitectura

O resto de sesións do curso Nenoarquitectura comezarán a impartirse a partir de mañá sábado, 5 de maio. Terán un carácter transversal, mesturando a arquitectura con  outras disciplinas artísticas, como a pintura ou a escultura. Utilizando os bloques construtivos de Sistema Lupo, os nenos e nenas farán grandes murais de autores como Luis Seoane ou Isaac Díaz Pardo, e coñeceranse as creación do Laboratorio de Formas ou a relación entre a arquitectura e a escultura de gran formato. Como colofón, a Fundación Luis Seoane propón un obradoiro familiar para a construción conxunta entre pais e fillos, onde a arquitectura, o arte e a creatividade en xeral serán os protagonistas da didáctica.