O Colexio de Arquitectos de Galicia pon en marcha un novo servizo de formación a distancia con cursos on-line

onlineUtiliza a plataforma moodle e conta coa colaboración do Colegio de Arquitectos de Madrid e a empresa In-Nova

O primeiro dos cursos, técnicas construtivas para unha arquitectura sostible, comezará a impartirse a partir do 14 de maio

O Colexio de Arquitectos de Galicia amplía a súa oferta global de formación cun novo servizo a distancia para cursos on-line, a través da plataforma moodle, para introducir unha nova clase de cursos non presenciais en formato e-learning (formación a distancia). Para ofrecer este novo servizo formativo, o Colexio galego conta co apoio do Colegio de Arquitectos de Madrid (COAM) e da empresa In-Nova.

Todos os cursos que integran esta formación virtual seguen unha metodoloxía enfocada a involucrar aos participantes nunha dinámica e hábito totalmente integrado no seu traballo diario. “Os cursos están dirixidos principalmente aos arquitectos que queiran obter unha formación de alto nivel, coa comodidade e economía que permite a formación a través de Internet, así como a outros técnicos interesados nas materias tratadas, evitando os desprazamentos aos centros tradicionais de estudo e obtendo o nivel axeitado de formación” –explican desde o departamento de formación do Colexio.

Ademais dos docentes haberá un seguimento específico de cada curso por parte dun equipo de persoas destinadas a orientar, animar e axudar os alumnos con todas as dificultades non académicas, seguindo unha estratexia one-to-one. Este equipo está composto polos dinamizadores da empresa In-Nova,  que seguirán a evolución diaria de cada un dos alumnos. In-Nova desenvolveu un método pedagóxico propio e un proceso docente das accións formativas que cumpren a adecuación á Norma UNE 66181.

Os alumnos non necesitarán cumprir cun horario concreto, pero é recomendable acceder á plataforma todos os días para seguir o nivel de actividade do curso. O horario será libre e as unidades didácticas (UD) formuladas terán unha data de comezo e de fin. A carga lectiva que se formula con carácter xeral nas UD implica unha dedicación aos cursos de entre 8 e 10 horas semanais.

Con carácter xeral, para a superación dun curso, esixirase a obtención de polo menos o 50% no total das cualificacións obtidas ao longo dos exercicios e actividades formuladas en cada UD, así como a realización obrigatoria e superación positiva do caso final integrador. Unha vez superado o curso, os alumnos recibirán un diploma en formato electrónico que poderán descargar a través do portal de servizos da web do Colexio de Arquitectos de Galicia: www.coag.es.

Máis información e inscricións en http://www.coag.es/formacion