Arquitectos composteláns conseguen o premio internacional de rehabilitación Veteco

ArrokabeO estudio Arrokabe foi galardoado pola rehabilitación do Centro de recursos para persoas con discapacidade de Meledo, en Silleda

Tamén recibiron unha mención os arquitectos encargados da rehabilitación do Hotel Moure

O estudio compostelán Arrokabe arquitectos, dos irmáns Óscar e Iván Andrés Quintela, ubicado na rúa de San Pedro, recibiu o premio internacional Veteco/Asefave na categoría de rehabilitación pola súa obra do Centro de recursos para persoas con discapacidade en Meledo, no Concello de Silleda, promovida pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). Este premio inclúe o recoñecemento á empresa de Vila de Cruces Carpinsecoya como fabricante da carpintería exterior do edificio.

Cando comezaron a deseñar o proxecto, os arquitectos apreciaron que a construción e o seu contorno constituían un exemplo de arquitectura popular de indudable calidade, tanto polas súas características construtivas como pola súa implantación. Segundo indican os seus autores, o obxecto básico da rehabilitación foi adaptar un conxunto de edificios tradicionais, que no seu día constituían o centro dunha unidade de produción agrícola, a un uso moi específico e aparentemente distinto. “Partimos da base de que a intervención requiría manter integramente a volumetría e características tipolóxicas das edificacións preexistentes” –explica Iván Andrés–.

A obra esixía ampliar a superficie construída, con pezas dotadas dunha serie de conexións e servizos, para crear un único edificio accesible, adaptándose ás necesidades espaciais con flexibilidade e sen provocar alteracións significativas. Para alcanzar o nivel de accesibilidade desexado, os arquitectos conservaron os niveis das pezas orixinais, e adaptaron o novo volumen a eles. O resultado foi un edificio con múltiples posibilidades de uso e unha intensa relación co seu contorno, coa que se incide na experiencia sensorial, “un factor –lembran os arquitectos– especialmente importante nun edificio para usuarios con discapacidade”.

A nova ampliación conectou as diferentes pezas servíndose dunha xeometría máis orgánica. “A ampliación supedítase ás pezas preexistentes, atendendo a referencias como a topografía ou a vexetación que as colonizaba ao estar abandonadas. Esta nova xeometría, máis orgánica, permite diferenciala da rotundidade das edificacións que atopábamos, ao mesmo tempo que a súa materialidade establece unha relación directa coa intervención sobre elas” –indican os autores–.

Óscar e Iván Andrés Quintela comparten despacho profesional, Arrokabe Arquitectos, na rúa santiaguesa de San Pedro, nº 94. Neste último ano, o estudio conseguiu varios recoñecementos como o Premio Manuel Gómez Román 2011, concedido pola Fundación Setestrelo, pola rehabilitación da Escola de deportes naúticos de Abelleira, en Muros. Recibiron tamén un accésit nos Premios Juana de Vega 2011 pola vivenda en Sabugueira do Carballal (Lavacolla, Santiago de Compostela). Ademais, Arrokabe foi seleccionado, xunto a outros dez estudio galegos, para a exposición colectiva Metagénesix. Nova arquitectura da Galiza, que se inaugurou o pasado setembro en Lisboa.

Mención para o Hotel Moure de Santiago

Por outra parte, os arquitectos Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso conseguiron a mención de honor pola rehabilitación do Hotel Moure (rúa San Loureiro, 6), situado no centro histórico de Santiago de Compostela. Os arquitectos realizaron dúas actuacións fundamentais na planta baixa, rebaixando unha parte na entrada para favorecer a accesibilidade, e perforando ao fondo un patio que polariza as áreas de estancia, ofrecendo luz e ventilación. No resto da planta colocáronse unha serie de caixas de madeira para delimitar espazos auxiliares. Este mesmo esquema repítese nas plantas superiores. “Intervir sobre o xa intervido intégranos no devenir do edificio” –explican os seus autores. Esta obra xa recibira un accésit na categoría de Decoración e Interiorismo dos Premios COAG 2010.

A celebración do Salón Internacional de la Ventana y el Cerramiento Acristalado  (VETECO), que terá lugar entre os días 8 e 11 de maio no IFEMA de Madrid, coincide con outros dous certames, o Salón Internacional de la Construcción (CONSTRUTEC) e a Feria Internacional de la Piedra Natural (PIEDRA). As tres citas formarán parte da I Semana Internacional da Construción. Entre os actos e celebracións que se desenvolverán no marco da feira destaca a exposición da décima edición dos Premios VETECO-ASEFAVE.