Guimarães recibe a exposición do proxectoterra, que recolle as características máis destacadas da diversidade paisaxística de Galicia

ilustraPresentáronse a guía e o mapa “Guimarães- Proxectoterra”, que se incorporan aos materiais didácticos do programa educativo, ampliando o ámbito de actuación á eurorrexión de Galicia-Norte de Portugal

Con motivo da Capitalidade Europea da Cultura 2012 na cidade portuguesa de Guimarães, o Colexio de Arquitectos de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas presentaron esta mañá na Câmara Municipal o programa educativo sobre territorio e arquitectura, proxectoterra. O acto estivo presidido polo presidente da Câmara Municipal de Guimarães, António Magalhães; o director Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia (IGVS), Antonio Boné; o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte; e o coordinador do proxecto, Xosé Manuel Rosales.

O Colexio de Arquitectos asinou en outubro de 2011 un convenio de colaboración coa Câmara Municipal de Guimarães para programar conxuntamente actividades didácticas do proxectoterra para as etapas da educación obrigatoria, con accións de intercambio territorial para tomar consciencia da diversidade do territorio construído. O obxecto deste acordo é introducir ao alumnado galego e portugués, concretamente aos estudante de secundaria do Concello de Guimarães e a súa comarca, no mundo da arquitectura, da súa ordenación integrada no territorio e do seu impacto na calidade de vida da poboación.

Jorge Duarte explicou que este proxecto non debe ser unicamente un referente en educación, tamén ten que converterse nun “punto de encontro que contribúa a un maior coñecemento de como se constrúe o país, alimentando a necesidade de reflexionar criticamente sobre o patrimonio construído, sobre a tradición herdada da que hai que aprender e as prácticas arquitectónicas e de ocupación territorial que se deben evitar”.

Guía e mapa de Guimarães

No transcurso do acto, presentáronse a guía e o mapa “Guimarães- Proxectoterra”, no ámbito da colaboración da Câmara Municipal de Guimarães co Colexio de Arquitectos de Galicia para a divulgación do coñecemento nas áreas de historia, arquitectura e ordenación do territorio que hai máis de mil anos presenta esta cidade portuguesa. Estes documentos de consulta para os escolares foron elaborados pola oficina MAPa 2012 da Câmara Municipal, e incorporáronse aos materiais do proxectoterra [Xúntase guía e mapa de mostra]. “A nosa intención é que a vivencia e coñecemento dos espazos que habitamos se amplíe ao ámbito da eurorrexión de Galicia-Norte de Portugal –apuntou Rosales–”.

Exposición “Proxectoterra: O lugar onde vivimos”

Por outra parte, a delegación galega inaugurou a exposición “Proxectoterra: O lugar onde vivimos”. Esta mostra, composta por unha serie de paneis ilustrativos, recolle a diversidade paisaxística do territorio galego, desde as vilas do interior ata as paraxes máis fermosas do litoral galego. “Galicia ten unha paisaxe diversa e contrastada desde o punto de vista físico, humano e económico. O resultado desta diversidade queda plasmada nunha chea de paisaxes que teñen características moi diferentes. Ademais, a pegada do ser humano ao logo da historia é o que precisamos coñecer para tratar de entender como é o territorio no que vivimos, construíndo desde o sentimento e o coñecemento –indicou Rosales–”.

A exposición itinerante ten por obxecto amosar o traballo e os resultados logrados a modo de balance dos máis de dez ano de vida do proxecto. A mostra recolle todo o material elaborado ata o momento, a documentación impresa e visionado audiovisual en catro grandes monitores.

Compromiso ata 2013 da Consellería de Medio Ambiente

Proxectoterra naceu en xaneiro do ano 2000 co ánimo de contribuír a que os escolares e toda a cidadanía  perciban a arquitectura e o territorio como piares básicos da cultura. Durante esta primeira década foi fundamental a colaboración que a Xunta ofreceu ao Colexio de Arquitectos a través da sinatura de sucesivos convenios con distintas Consellerías. Na actualidade, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas reforza o compromiso institucional co proxecto ata o 2013, nun período que permitirá a súa consolidación e extensión na educación secundaria, así como a súa difusión xeralizada na educación primaria. Ademais de contar co apoio da Xunta de Galicia, tamén colaboran outras institucións como a ONCE, TVE ou Nova Escola Galega.

A iniciativa, concibida como un programa de intervención educativa, axudou a mellorar o coñecemento que os escolares deben ter da arquitectura e identidade territorial de Galicia. As vías de intervención dentro da unidade do proxecto pasan pola elaboración de unidades didácticas e materiais de apoio para os escolares de primaria e secundaria, na formación do profesorado, a través de cursos e xornadas de formación, e pola realización de visitas guiadas de arquitectura e intercambios territoriais.

Un dos puntos máis atractivos do proxecto son as actividades complementarias, con visitas guiadas de arquitectura. Desde o curso 2006 ata a actualidade, téñense realizadas unhas 500 actividades cunha participación de  23.000 escolares de educación secundaria (ESO), o que supón unha participación do 40% dos centros públicos e o 10% dos concertados. As visitas desenvólvense en cada unha das sete cidades galegas durante unha xornada completa. Os intercambios territoriais permítenlle aos escolares achegarse ao descoñecido mediante a visita a distintas formas de asentamento.

En relación aos cursos e xornadas de formación do profesorado, xa participaron uns 2.000 profesores de secundaria e mestres de primaria ao longo dos últimos cinco anos. Os materiais didácticos entregáronse a 324 centros públicos de ESO (100%) e 114 centros concertados e privados (70%) de toda Galicia. “Estes niveis de difusión permiten á totalidade do alumnado de ESO de Galicia ter acceso aos materiais e actividades complementarias do proxectoterra. En maio de 2011 rematamos o envío gratuíto dos materiais aos 923 centros de Primaria de Galicia” –explicou Rosales–.

As actuacións a levar a cabo ata 2013 comprenden a elaboración, edición e distribución de materiais para educación infantil, os cursos de formación do profesorado para a presentación dos materiais elaborados en educación primaria, e o desenvolvemento da oferta de visitas guiadas de arquitectura e intercambios territoriais en educación secundaria.

Ademais, estanse a elaborar novos materiais  para o proxecto interdisciplinar do 1º ciclo da ESO, relativos a “O lugar onde vivimos”. Trátase dun material con contidos novos sobre a paisaxe e a sustentabilidade do territorio. Todo o material elaborado no proxecto pódese descargar libremente na súa páxina web (http://proxectoterra.coag.es).

As ideas que vertebran o proxectoterra son a universalidade, globalidade, integración curricular, xeralidade, permanencia, diversidade, experimentación, interdisciplinaridade, vivencia e interterritorialidade. En outubro de 2010 o proxectoterra recibiu o galardón en materia de Urbanismo no Concurso Nacional de Arquitectura e Urbanismo do Ministerio de Fomento. Tamén o 22 de outubro de 2011, a Fundación Premios da Crítica de Galicia concedeulle o Premio de Iniciativas Culturais.