A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos organiza o próximo luns unha PinkSlipParty, un evento “espontáneo” de networking entre empresas e arquitectos

Leandro_FernndezParticiparán dez empresas que interactuarán con aproximadamente 80 demandantes de emprego

A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia celebra o próximo luns, 23 de abril, unha sesión de networking, coñecida como PinkSlipParty, ás 19:00 horas nas súas instalacións. Trátase dun evento dirixido a persoas en desemprego, que xa se celebrou con éxito en distintas cidades españolas, pero neste caso centrado nos profesionais da arquitectura. Asistirán o presidente da Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos, Xosé Manuel López Mihura; o secretario da Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos, Víctor Ramos, e a tesoureira, Marta Trasancos. A actividade está organizada por Xosé Alberte Cea e o seu grupo de colaboradores (Xesta, Xestión de Emprego e Persoas).

A PinkSlipParty é unha acción sen ánimo de lucro na que se pretende poñer en contacto a persoas desempregadas e profesionais de relacións públicas e selección de persoal coa excusa de escoitar a un relator de renome. Esta actividade naceu en Madrid e foise estendendo a outras cidades con moito éxito de participación e asistencia.

Prevese unha participación de aproximadamente 80 demandantes que interacturarán con dez empresas de forma espontánea e respectando a ratio de 7-8 persoas por empresa. “O obxecto principal desta actividade é establecer contactos. Os demandantes de emprego portarán un gomet rosa e as empresas un punto verde para identificar o seu papel” –explicou o organizador da actividade, Xosé Alberte Cea.

O evento contará co relatorio “O momento é agora: pasa á acción”, a cargo do consultor, formador, coach e xerente de Ágama Consultoría e Aprendizaxe, Leandro Fernández. Falará sobre o desenvolvemento profesional, centrado en novos servizos, a presentación ante o mercado laboral e as súas saídas. Ocupará parte do seu discurso falando das alternativas laborais. “Con esta actividade pretendemos fomentar a busca activa de emprego” –indicou–.

O networking é o establecemento de contactos de interese, neste caso para mellorar a busca de emprego, e o posicionamento no mercado. Ademais, é unha gran oportunidade para obter información de primeira man e coñecer o que está a pasar no mercado laboral.

Programa:

19:00 Presentación e benvida á PinkSlipParty

19:15 Relatorio central "O momento é agora: pasa á acción", a cargo de Leandro Fernández

19:45 Presentación dos reclutadores asistentes e inicio do networking

20:30. Peche e agradecementos

Leandro Fernández

Consultor, formador, coach e xerente de Ágama Consultoría e Aprendizaxe. Especialista en xestión de persoas, xestión do cambio, liderado, desenvolvemento profesional. Licenciado en Dirección e Administración de empresas en Wolverhampton, New York, máster en Dirección de RRHH por Icade e profesor de Eneagrama.