Os arquitectos demandan medidas legais, financeiras e fiscais que incentiven a rehabilitación

patorrebsabadoApuntan fórmulas como créditos e microcréditos nas conclusións do congreso

A directora xeral de Arquitectura do Ministerio de Fomento destacou o potencial de crecemento do sector xa que España está trece puntos por debaixo da UE en investimento en rehabilitación

O conselleiro de Medio Ambiente destacou que o proxecto de Lei de Vivenda potenciará a rehabilitación dos edificios co obxecto de “recuperar e manter as construcións existentes”

O cuarto Congreso Internacional de Patoloxía e Rehabilitación de Edificios (PATORREB 2012) clausúrase esta tarde no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago coa presentación das conclusións do evento sobre a situación do sector e, en concreto, da rehabilitación de edificios. PATORREB contou coa asistencia duns cincocentos arquitectos e técnicos de España e Portugal. Este evento estivo organizado polo Colexio de Arquitectos de Galicia, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o Concello de Santiago, a Universitat de Catalunya (UPC), a Facultade de Engenheria do Porto (FE.UP) e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC).

A comisión organizadora do congreso elaborou unha conclusións que resumen os obxectivos e perspectivas do futuro da rehabilitación [xúntanse documento]. Recomendan a confección progresiva de bancos de datos que recompilen e estruturen o contido das inspeccións técnicas e das intervencións derivadas para conseguir protocolos de traballo, que tendan a homoxeneizar os procedementos de inspección, criterios para a diagnose do estado dos edificios e as pautas de intervención para a súa reparación e mellora.

Outro dos aspectos que concluíron foi recoñecer a importancia da rehabilitación en operacións de longo alcance que deriven en medidas de accesibilidade, habitabilidade, eficiencia enerxética e calidade arquitectónica. Ademais, destacaron a necesidade de articular medidas legais, financeiras e fiscais para atraer investimentos e incentivar o proceso rehabilitador. “As administracións deben orientar este proceso impulsando operacións piloto, capaces de converterse en modelos dun amplo proceso rehabilitador, concitando a empresas enerxéticas, entidades financeiras a través de créditos e microcréditos, construtoras e usuarios” –explicaron–.

Rexeneración urbana e vivenda de aluguer

Na xornada de hoxe participou a directora General de Arquitectura, Vivienda y Suelo do Ministerio de Fomento, Pilar Martínez, que centrou o seu discurso nas novas prioridades das políticas de vivenda e solo de España. A súa intervención foi presentada polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.

Na súa intervención, Pilar Martínez explicou as prioridades en política de vivenda e solo do Goberno español, centradas nun cambio de modelo que abandone o urbanismo desarrollista dos últimos anos para centrarse na rexeneración urbana baseada na vivenda de aluguer, cunha orientación do sector profesional que deixa de lado a construción de obra nova para aunar esforzos en rehabilitación. “Es un modelo más integrado socialmente y más sostenible económicamente. España tiene un mercado de alquiler de vivienda del 17%, muy por debajo de la media europea que se sitúa en un 33%” –matizou–.

Neste punto, Pilar Martínez indicou que España, no seu balance global de investimento no sector da construción, se sitúa trece puntos por debaixo da Unión Europea na súa asignación para rehabilitación (41% na UE, fronte ao 28% de España). “La rehabilitación tiene una gran capacidad para generar empleo. Con un millón de euros de inversión se crean 67 puestos de trabajo” –destacou–.

Segundo Martínez, estas prioridades alcanzaranse a través de tres instrumentos fundamentais: a reforma lexislativa, o Plan Estatal de Vivienda e o consenso entre administracións, sociedade civil e as forzas políticas. Os obxectivos principais serán ofrecer un marco normativo para levantar o sector da construción, clave na economía española, eliminar cargas e trabas urbanísticas para a rexeneración urbana, fomentar a calidade e sostibilidade e garantir o dereito ao acceso a unha vivenda en réxime de aluguer, e reforzar a transparencia xurídica para atraer o investimento e superar o stock de vivenda, cifrado en 2010 en 700.000 unidades. Este novo Plan de Vivienda, elaborado a través dun grupo motor de expertos urbanistas, estará tramitado antes do verán.

Finalmente, Martínez apuntou que o congreso PATORREB, ademais de fomentar o valor da rehabilitación, é un atractivo para ensalzar a marca Galicia.

Pola súa parte, o conselleiro destacou o papel do proxecto de Lei de Vivenda, aprobado o pasado xoves polo Consello da Xunta. Segundo Hernández, a nova lei potenciará a rehabilitación dos edificios co obxecto de “recuperar e manter as construcións existentes e racionalizar o uso do espazo e do noso territorio”. Indicou que non se pode seguir ocupando o territorio dunha forma extensiva mentres o patrimonio construído se deteriora.

Este proxecto de lei regula, segundo palabras de Hernández, as actuacións directas da Xunta de Galicia a través da adquisición e rehabilitación de edificios e vivendas cun triplo obxectivo social, urbanístico e arquitectónico. Nesta liña, especificou que neste proceso as áreas e oficinas de rehabilitación, teñen  unha especial importancia pola súa proximidade aos problemas dos cidadáns. Ademais, este proxecto prevé a posibilidade de expropiación en casos de deterioro grave de edificacións nos que se desatenderase a súa rehabilitación.

Joseba Escribano demanda que as administracións promovan un estudo xeral da edificación

O profesor de Construción Arquitectónica da Universidade do País Vasco, Joseba Escribano, que falou pola mañá sobre cimentación e consolidación do solo, apuntou que en fachadas e cubertas é onde se localizan as principais patoloxías “por su exposición a las oscilaciones climáticas, tranquilamente más de quince grados de diferencia entre el día y la noche, el sol, la lluvia, el viento, etcétera”, segundo precisou.

O profesor vasco, que analizou máis de mil cincocentos exemplos de edificios con deficiencias de toda España na súa tese de doutoramento nos anos noventa, concretou que as queixas máis frecuentes dos usuarios son as humidades, mentres que desde o punto de vista técnico o defecto recorrente é o desprazamento da estrutura, “cuyos síntomas suelen ser grietas y fisuras, abombamientos y deformaciones”, explicou.

Ás administracións cómpre mentalizalas da necesidade de estudos previos, agrega Escribano, polo que lles pide que promovan un estudo xeral da edificación “para indagar en las causas de las deficiencias y saber por que se producen en cada caso concreto”, afirma. Tamén avoga por darlle maior profundidade á inspección técnica de edificios: “Hay que hacer un levantamiento gráfico del edificio, y a partir de aquí hacer una investigación experimental para llegar a un diagnóstico correcto. Y, claro, este informe no cuesta 800 euros”.