A dimensión económica, enerxética e social ocupou hoxe as sesións do evento, no que tamén se avogou por homoxeneizar as inspeccións de edificios

Vasco_Peixoto_de_FreitasO cuarto Congreso Internacional de Patoloxía e Rehabilitación de Edificios (PATORREB 2012) celebrou hoxe a súa segunda xornada no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago para continuar coa presentación de propostas en materia de rehabilitación de edificios, tanto desde a perspectiva da investigación como da execución.

 

O PATORREB conta coa asistencia duns cincocentos arquitectos e técnicos de España e Portugal. Este evento está organizado polo Colexio de Arquitectos de Galicia, en colaboración coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o Concello de Santiago, a Universitat de Catalunya (UPC), a Facultade de Engenheria do Porto (FE.UP) e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC). Están previstas un total de 22 sesións plenarias sobre temas de rehabilitación urbana e enerxética, mantemento, uso, durabilidade e vida útil das edificacións e expoñeranse estudos concretos de casos. Outra das temáticas dos relatorios será a patoloxía, centrada no aspecto estrutural, da envolvente estanca e térmica, dos materias e elementos construtivos e a inspección técnica de edificios. De xeito paralelo, presentaranse 165 comunicacións ou charlas técnicas de profesionais adscritos a diversas universidades.

 

Panero afirma que compaxinar a conservación do patrimonio coa habitabilidade é un mandato profesional

O arquitecto do Consorcio de Santiago, Ángel Panero, lanzou na súa intervención do xoves no congreso unha serie de reflexións concretas e contundentes sobre filosofía e prácticas rehabilitadoras, e non dubidou en cualificar de “fracaso estrepitoso” o que se fixo nas cidades nos últimos cincuenta anos: “Onde hai unha periferia que funcione ben?”.

Ángel Panero apuntou que os arquitectos “nos formamos como creacionistas, pero estamos obrigados a traballar nun contexto evolucionista”, ao tempo que se amosou combativo fronte a dous dogmas, o do patrimonio e o da normativa, “contra os que hai que loitar, porque o noso mandato profesional pasa por compaxinar a conservación do patrimonio coa habitabilidade”, segundo advertiu.

Por outra parte, Panero afirmou que a rehabilitación urbana ten unha gran capacidade de xerar riqueza e economías de escala, “unha actividade onde o 70 por cento do investimento revirte na man de obra, e ademais falamos de emprego de calidade e sostido, unha vez que damos o salto necesario da rehabilitación ao mantemento preventivo”, precisou.

Vasco de Freitas advirte de que a durabilidade dos edificios novos é menor que as hipotecas

O catedrático de Construcións da facultade de Enxeñaría de Porto e creador do Patorreb en 2003, Vasco de Freitas, intervirá mañá sábado cun relatorio sobre as humidades en edificios antigos, e explicará os detalles e rendemento dunha técnica propia que leva aplicando desde hai quince anos en varias igrexas de Portugal, entre as que se atopa a da cercana localidade de Camiña, “con resultados moi positivos”. O seu modo de combater as humidades, acreditada por unha patente internacional que se chama humivent, baséase na combinación da ventilación interior e exterior.

O profesor Freitas sinala que a rehabilitación hai que estendela a catro ámbitos: patrimonio monumental; edificios antigos de pedra, madeira e cal; edificios dos anos cincuenta, sesenta e setenta feitos con estrutura de formigón, “porque están degradados”; e os edificios recentes que empezan a presentar diversas patoloxías. Neste último ámbito, advirte dun problema que “será tema das vindeiras edicións do Patorreb, que consiste en que a durabilidade dos edificios novos é moito menor que as hipotecas a trinta e corenta anos” que están a asinar os bancos cos propietarios.

O enxeñeiro indica que en Portugal a maioría dos cascos históricos son obxecto de programas de rehabilitación: “En Coímbra, Porto e Lisboa hai unha enorme preocupación por voltar a dar vida aos centros históricos”.

Manuela Almeida: “Os edificios e todas as construcións consumen un 40% da enerxía da UE”

A profesora de Enxeñería Civil da Universidade do Minho (Guimarães-Portugal), Manuela Almeida falou hoxe da rehabilitación en dirección aos edificios de enerxía e emisións cero, que investiga a través dun proxecto da Axencia Internacional da Enerxía (International Energy Agency-IEA). Este proxecto, que comezou en 2011 e se estenderá ata 2015, loita contra o cambio climático e a redución das emisións de CO2. Nesta liña, Almeida lembrou que a UE estableceu a enexía case cero en edificios, concepto que xurdiu no contexto da refundición da directiva relativa á eficiencia enerxética dos edificios (Energy Performance of Buildings Directive-EPBD). Tal directiva determina que en 2020, todos os edificios novos deben ser enerxía case cero e todos os Estados membros deben desenvolver políticas e tomar medidas para estimular a transformación. “Os edificios e todas as construcións consumen un 40% da enerxía da UE. Non podemos esquecer aos edificios existentes, porque son os que precisan máis atención polo seu maior consumo enerxético” –explicou–.

Segundo indicou a profesora, os novos edificios cun balance enerxético case nulo terán que ser edificacións con menor demanda enerxética e abastecidos con enerxías renovables. “Hai que rehabilitar edificios de forma eficaz e eficiente, de maneira económica” –apuntou Almeida–.

Para alcanzar este obxectivo, Manuela Almeida apuntou que hai que combinar dous tipos de medidas: a redución de emisións de carbono e a aplicación da eficiencia enerxética, sempre optimizando custo e beneficio.

“A rehabilitación dun casco antigo ten que estar asociada a un proxecto social e económico”, explica Mendes da Silva

O profesor de Enxeñería Civil da Universidade de Coímbra (FCTUC), José António Raimundo Mendes da Silva, realizou esta mañá unha exposición sobre a rehabilitación en centros urbanos antigos, poñendo como exemplo o núcleo urbano de Coímbra composto por 1.200 edificios e declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Segundo este experto, o primeiro paso para rehabilitar un núcleo antigo é coñecer os edificios e o seu contorno, aplicando, como é preciso para o caso de Coímbra, un plan estratéxico para toda a cidade.

Ademais, Mendes da Silva manifestou que o reto na rehabilitación do casco antigo de Coímbra sería intervir ata 2050 dez edificios ao ano, pero a realidade demostra que un 45% dos edificios non recibirán ninguna intervención. “A rehabilitación dun casco antigo ten que estar asociada a un proxecto social e económico” –apuntou–.

“Existe la necesidad de establecer protocolos con administraciones públicas, colegios profesionales y universidades para aplicar y homogenizar correctamente las ITES”, indica César Díaz

Por outro lado, o catedrático de Construcións Arquitectónicas da Universidade Politécnica de Cataluña, César Díaz, abordou no seu relatorio desta mañá o tema das lesións aparentes dos inmobles e da necesidade dunha inspección técnica da edificación (ITE). Os principais obxectivos destas inspeccións é reducir os riscos do parque edificado, detectar as lesións graves e leves, mellorar as condicións de mantemento dos edificios e controlar as situacións de inseguridade, as baixas condicións de habitabilidade e accesibilidade, coa instalación de ascensores, e a mellora da eficiencia enerxética.

Para detectar a tempo estes problemas construtivos (fisuras ou deterioro do revestimento de fachadas) precísase unha observación visual directa dos danos e un establecemento das causas a través da  súa localización.

Finalmente, César Díaz concluíu que para alcanzar unha maior eficiencia en traballos de diagnose, sería conveniente complementar a información facilitada pola visión directa dos danos, co uso de aparatos e utillaxe que permita ter un maior coñecemento do estado de elementos construtivos non visibles e unha verificación primaria dos danos ocultos. “Existe la necesidad de establecer protocolos con administraciones públicas, colegios profesionales y universidades para aplicar y homogenizar correctamente las ITES” –indicou Díaz–.