Arquitectos, profesores e administracións coinciden en sinalar a importancia da rehabilitación do patrimonio construído como motor de renovación urbana e crecemento económico

inauduracionO decano do Colexio de Arquitectos, Jorge Duarte, apostou polo aforro enerxético na “reutilización das nosas cidades”

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, lembrou que nos últimos tres anos se destinaron 90 millóns de euros a rehabilitación

O cuarto Congreso Internacional de Patoloxía e Rehabilitación de Edificios (PATORREB 2012) arrincou esta mañá no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago coa a asistencia duns cicocentos arquitectos e técnicos de España e Portugal. No evento presentaranse propostas en materia de rehabilitación de edificios, tanto dende a perspectiva da investigación como da execución. O seu obxecto é divulgar as técnicas e as preocupacións da rehabilitación e actualizar a formación e coñecementos sobre a materia. Ao acto de apertura asistiron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández; o tenente de alcalde de Santiago Ángel Curras; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Xosé Luís Armesto Barbeito; e o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte.

O evento está organizado polo Colexio de Arquitectos de Galicia, en colaboración coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o Concello de Santiago, a Universitat de Catalunya (UPC), a Facultade de Engenheria do Porto (FE.UP) e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC).

Celebraranse 22 sesións plenarias sobre temas de rehabilitación urbana e enerxética, mantemento, uso, durabilidade e vida útil das edificacións e expoñeranse estudos concretos de casos. Outra das temáticas dos relatorios será a patoloxía, centrada no aspecto estrutural, da envolvente estanca e térmica, dos materias e elementos construtivos e a inspección técnica de edificios. De xeito paralelo, presentaranse 165 comunicacións ou charlas técnicas de profesionais adscritos a diversas universidades.

Rehabilitación no presente e futuro inmediato

Durante a inauguración, o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte, destacou a importancia da rehabilitación desde diversas perspectivas, reflexionando sobre a patoloxía da construción e os seus múltiples ámbitos específicos. Salientou o peso da rehabilitación no sector da contrución desde o punto de vista profesional por ser un “importante ámbito de traballo no presente e no futuro inmediato”. Tamén lembrou o papel da rehabilitación desde un enfoque ambiental e de compromiso universal coa redución de emisións de CO2. “Tentaremos reutilizar a cidade construída, evitando grandes consumos de materiais e mellorando a eficiencia enérxetica  do existente” –matizou–.

Ademais, Duarte indicou que é necesario concienciar á sociedade para recuperar a cultura do mantemento e a reparación para manter a habitabilidade. Noutra liña, describiu a rehabilitación como un compoñente urbanístico e de ordenación territorial, “que evita ocupacións innecesarias do territorio favorecendo a aparición dun urbanismo responsable”.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que dixo crer “profudamente” na rehabilitación no acto de apertura, afirmou en alusión ao pasado recente que se “rehabilitásemos moito máis e edificado moito menos, seguro que teríamos unhas cidades máis competitivas, que xerarían máis ingresos, e unhas cidades máis aptas para o turismo, vivir e gozar”. Núñez Feijóo indicou que esta mañá no Consello da Xunta se aprobara o proxecto de Lei de Vivenda de Galicia, que dedica –agregou– un capítulo “importantísimo” á rehabilitación.

O titular da Xunta subliñou que Galicia foi pioneira en España coa declaración de 44 áreas de rehabilitación en 38 concellos, e o ano pasado “incorporamos todos os concellos que bordean os camiños de Santiago”; lembrou que nos últimos tres anos o Goberno galego dedicou 90 millóns de euros á rehabilitación; e puxo como exemplo rehabilitador a intervención no barrio da Tinería, no concello de Lugo, que serviu de “estímulo” para otros lugares como Vigo, Ourense, Vilalba, Mondoñedo, Betanzos, o poboado mineiro de Fontao (Vila de Cruces) ou Mazoi (Lugo).

O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto Barbeito, destacou a necesidade de formación “neste proceso en que a rehabilitación mira non só aos cascos históricos, senón a todas as construcións”.

Pola súa parte, o tenente de alcalde de Santiago Ángel Currás, ponderou o labor do Consorcio da cidade “polas súas brillantes actuacións rehabilitadoras” e afirmou que Compostela “cre no futuro sostible”. Currás, que agradeceu a elección de Santiago como cidade “propicia” para a celebración de congresos, convidou aos asistentes a “transitar e descubrir  varias urbes: a contemporánea, barroca e a medieval”.

“O resultado de toda rehabilitación debe ser unitario”, advirte García Braña

O director de PATORREB 2012 e profesor de Composición Arquitectónica da ETSA de Coruña, Celestino García Braña, abriu o congreso cunha intervención na que avogou decididamente pola rehabilitación como “camiño de saída nun sector depauperado”, se ben teimou en que as novas solucións non deben ser só en perspectiva económica, senón tamén na procura duna “resposta urbanística e arquitectónica”.

García Braña debullou a súa proposta para o Muro de San Lorenzo co que gañou un concurso de ideas do Concello de Xixón no ano 2000 para intervir na fronte marítimia da urbe asturiana con edificios de dez e doce plantas, pero que non se chegou a executar. “O problema non son as alturas, senón entender os mil trescentos metros de fachadas nun paseo de corenta e dous metros de ancho como un todo”, afirmou o arquitecto, que recurriu a unha “envolvente arquitectónica” para ocultar as vellas fachadas. E engadiu que non se trataba de tirar nada, “mesmo había que construír algo máis para rematar algunhas composicións” –matiza.

García Braña teimou na idea de que o resultado de toda rehabilitación “debe ser unitario e non a suma de resultados parciais”, polo que son necesarios perfís profesionais diversos e complementarios, agrega. O arquitecto e profesor, que puxo a Santiago como exemplo por ser quen de fixar historicamente un parcelario e unha trama urbana, concluíu que o debate e reflexión sobre os modos de abordar unha rehabilitación “non os imos resolver aquí con carácter definitivo, porque dentro de cinco anos se fará doutra forma, e dentro de vinte doutra distinta”.