O Concello de Sober e o Colexio de Arquitectos convocan un concurso de ideas para a remodelación e acondicionamento da praza municipal

prazaJorge Duarte, decano do Colexio de Arquitectos:

“Búscase o mellor proxecto para Sober, tendo en conta a funcionalidade e a relación co contorno, a calidade e sustentabilidade da intervención, ademais do axuste ás limitacións económicas

Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober:

“O concurso servirá de plan director para facer as futuras urbanizacións inmediatas a esta área, ademais de incluír a reforma integral da propia praza”

O alcalde do Concello lucense de Sober, Luis Fernández Guitián, e o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte, acompañado polo presidente da Delegación de Lugo da entidade colexial, Raúl Veiga, asinaron esta mañá na casa consistorial do municipio o convenio de colaboración para a convocatoria dun concurso de ideas para a remodelación da praza do Concello no Campo da Feira de Sober.

Segundo Jorge Duarte, esta convocatoria está orientada para ofrecer axuda cualificada e especializada ao Concello de Sober, aliviando as tarefas complexas que implican un concurso de ideas e asegurando un correcto desenvolvemento de todo o proceso. “Búscase o mellor proxecto para Sober, tendo en conta a funcionalidade e a relación co contorno, a calidade e sustentabilidade da intervención, ademais do axuste ás limitacións económicas”– indicou Duarte–. Tamén explicou que o concurso garantizará a igualdade entre todos os participantes, respectando o seu anonimato e sendo obxectivos cos criterios de valoración.praza

Pola súa parte, Fernández Guitián explicou que a localidade naceu entorno a unha gran praza, onde está a casa consistorial e a maioría dos establecementos comerciais da vila, converténdose no centro neurálxico do lugar. “Ao redor desta praza xira estética, cultural e comercialmente a actividade do Concello, pois nela celebramos as feiras mensuais do 12 e 28 de cada mes, as festas patronais e a gran Feira do Viño de Amandi” –indicou o alcalde–. Ademais, preténdese que dita actuación actúe de centro dinamizador e de partida da Ribeira Sacra.

Nesta mesma praza celébrase a tradicional Feira do Viño de Amandi, declarada hai dez anos festa de interese turístico pola Xunta de Galicia, e que se considera o certame vitícola máis antigo da Ribeira Sacra alcanzando este ano a súa trixésimo segunda edición.

“É fundamental facer unha ordenación para o futuro da praza. O concurso servirá de plan director para facer as futuras urbanizacións inmediatas a esta área, ademais de incluír a reforma integral da propia praza” –manifestou o edil–.

Bases do concurso

É un concurso de ideas, estruturado en dúas fases que contará coa valoración dun xurado profesional e experto, composto por un mínimo de tres membros cualificados, que terá en conta a funcionalidade das propostas e a súa relación co contorno, a calidade e sustentabilidade do proxecto, a súa adecuación ao programa de necesidades cumprindo a normativa e respectando o límite económico do concurso.

Nunha primeira fase selecionaranse entre tres e cinco ideas. Nos vindeiros días sairán publicadas as bases do concurso na circular ou na web colexial, e no DOGA. A partir da derradeira data de publicación, os interesados disporán de 15 días para presentar, na primeira fase do concuro, as súas propostas de ideas de forma sinxela. Posteriormente, os elexidos terán que desenvolver e redactar o anteproxecto nun prazo mínimo de 30 días, polo que recibirán unha compensación de aproximadamente 1.000 euros. Deste grupo saíra o gañador que finalmente redactará o proxecto básico e de execución e dirección de obra. Para este fin, o arquitecto gañador terá que deseñar un proxecto cun presuposto estimado de 1.500.000 euros para cubrir os 12.786 m2 de superficie da praza. Espérase poder fallar o concurso antes do mes de agosto deste ano.

O Colexio de Arquitectos redactará os pregos administrativos e técnicos do concurso, maquetará toda a documentación e creará unha web do concurso, aloxada na páxina oficial do Colexio de Arquitectos (www.coag.es) e enlazada coa web do concello. Ademais, a entidade colexial ofrecerá asesoramento aos participanes e velará polos seus dereitos. Segundo as bases do concurso, poderán participar arquitectos, de xeito individual ou agrupados en UTE ou formando equipos multidisciplinares.