Estudos de estabilidade e resistencia dos mosteiros de Monfero, Bonaval e Ribas de Miño serán expostos polo catedrático de Estruturas da Escola de Arquitectura de A Coruña, Juan Pérez Valcárcel

ngel_PaneroA recente e “intensa” rehabilitación da compostelá Casa do Cabido será presentada no congreso polo arquitecto do Consorcio de Santiago Ángel Panero

O catedrático de Estrutruras da Escola Técnica Superior de A Coruña, Juan Pérez Valcárcel, defende modelos sinxelos á hora de analizar as estruturas dos edificios monumentais, idea central do seu relatorio en PATORREB, que ilustrará con casos reais. Falará do mosteiro de Monfero, na provincia de A Coruña, no que se analizou a resistencia dos distintos muros, así como do refectorio e o escritorio; o do mosteiro de San Domingos de Bonaval (Santiago), no que se estudou a viabilidade de executar un saneamento que permitise resolver un problema de humidades, sen que a intervención non afectase á estabilidade dos muros; e, finalmente, un caso “moi curioso”, o da igrexa románica de San Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao, Lugo), na que se construíran dous arbotantes ou contrafortes apoiados na igrexa, pero para soster un muro posterior, “demostrando os nosos cálculos que o monumento a salvagardar non precisaba os devanditos reforzos”, tal como explica o profesor.

As actuacións da rehabilitación monumental afectan a moi distintos eidos da arquitectura –sinala Pérez Valcárcel–, como os aspectos xeotécnicos e de cimentacións, estruturais, construtivos, de instalacións “e por suposto funcionais, cuxa importancia é manifesta e moitas veces se asumen con gran frivolidade”. O catedrático coruñés engade que cando se trata de intervir no patrimonio monumental cómpre dispoñer dunha información “completa e exhaustiva, porque un edificio monumental  é, pola súa propia natureza, irrepetible, así que calquera actuación debe ser coidadosamente planificada”.

O profesor Valcárcel tamén analizou, en 1994, os claustros das catedrais de Santiago e Lugo e concluíu que ningún dos dous tiña problemas estruturais. No caso de Compostela tratábase de saber se unha posible excavación arqueolóxica no patio podía supór risco, e a conclusión foi que “non habería problemas a curto prazo, pero si podería habelos a longo prazo, polo que se propuxeron unhas obras de consolidación”, explica o profesor. En canto a Lugo, di que o claustro da catedral tiña serios problemas, non estruturais, “senón de filtracións de auga, polo que se propuxo que cumpría limpar regularmente os canalóns que estaban obstruídos pola vexetación, ademais de revisar a impermeabilización da cuberta”.

“Na rehabilitación e mantemento de edificios hai potencial económico e emprego de calidade”, afirma Panero

O arquitecto do Consorcio de Santiago Ángel Panero presentará en PATORREB 2012 a recente rehabilitación da Casa do Cabido (1755-1759), ubicada na compostelá praza das Praterías, como “o resultado dun esforzo colectivo, porque a clave de calquera rehabilitación son as persoas, todas as persoas que interveñen”. Na “intensa” rehabilitación da casa do Cabido participaron duascentas persoas, foron necesarios once meses de obra e o metro cadrado saíu a 1.269,66 euros, segundo explica Ángel Panero, que repasará no seu relatorio as solucións de cuberta, forxados, envolvente, carpinterías e instalacións, “que se intentaron formular en coherencia coa lóxica enerxética e construtiva da arquitectura preindustrial”, tal como subliña Panero.

O arquitecto do Consorcio de Santiago é máis partidario de falar de “habitabilidade” que de rehabilitación, “e da enerxía precisa para garantila, incluíndo a que se usa nos propios procesos construtivos”. Afirma que a conservación do patrimonio é compatible coa “irrenunciable” mellora da habitabilidade e aposta por unha “tecnoloxía coherente e intelixente”. Malia as dificultades dos tempos, Panero é optimista en canto á profesión: “No ámbito da rehabilitación e mantemento de edificios hai potencial económico e emprego de calidade, porque este sector traslada directamente o investimento ao salario dos profesionais”.

De España, Portugal, Brasil, Arxentina, Italia e Rumanía

O congreso reunirá a máis de 500 participantes de España, Portugal, Brasil, Arxentina, Italia ou Rumanía. Celebraranse 22 sesións plenarias ou relatorios sobre rehabilitación urbana e enerxética, mantemento, uso, durabilidade e vida útil das edificacións. Outras sesións abordarán as patoloxías estruturais, a envolvente estanca e térmica, os materiais e elementos construtivos e a inspección técnica de edificios.