As estratexias rehabilitadoras están determinadas pola “expresión do propio tempo”, segundo o profesor e director da ETSA de A Coruña, Fernando Agrasar, que intervirá no evento

Fernando_AgrasarO profesor de Composición e director da Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña, Fernando Agrasar, falará no congreso PATORREB sobre a industria e artesanía na rehabilitación arquitectónica contemporánea. “Fronte á arquitectura autosatisfeita que se impón formalmente ao existente, podemos considerar actuacións de carácter ‘pobre’, que introducen materiais e técnicas convencionais utilizadas dun modo inesperado. Este salto do anónimo ao específico abre novas posibilidades na rehabilitación arquitectónica contemporánea”, explica Agrasar no resumo do seu relatorio.

O profesor afirma que as intervencións poden falar en voz baixa ou a berros, e engade que case sempre hai que ser educados, “pero en ocasións cómpre alzar a voz”, matiza. Sobre as estratexias rehabilitadoras di que están determinadas pola “expresión do propio tempo: Agora non rehabilitamos como a principios de século, e dende logo non o facemos como dentro de cincuenta anos”. En canto a materiais e procedementos, asegura que non é cuestión de modas nin de tendencias, “senón do diálogo, non sempre doado, entre o existente e o novo”. E con respecto á fórmula da reversibilidade da actuación, tan aceptada, “non estou seguro da súa idoneidade en todos os casos”, segundo advirte.

Agrasar sostén que “sempre construímos sobre o construído, pero se estimamos canto, como e que debemos construír nos vindeiros anos, seguro que concluímos que a rehabilitación debe ter un peso moi importante no currículum académico dun arquitecto” –precisa–. O profesor Agrasar recoñece “moitas diferencias” entre rehabilitar un edificio histórico ou corrente, pero quere lembrar que “vemos os edificios como obxectos e, realmente, son procesos complexos, polo que así debemos consideralos”; e conclúe que unha rehabilitación é un capítulo máis nese proceso, “que só finaliza coa demolición”, engade.

O congreso reunirá a máis de 500 participantes de España, Portugal, Brasil, Arxentina, Italia ou Rumanía. Celebraranse 22 sesións plenarias ou relatorios sobre temas de rehabilitación urbana e enerxética, mantemento, uso, durabilidade e vida útil das edificacións. Outra das temáticas dos relatorios será a patoloxía, centrada no aspecto estrutural, da envolvente estanca e térmica, dos materias e elementos construtivos e a inspección técnica de edificios.