Desastre medioambiental e social nas Fragas do Eume

fuegoO Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a través da súa Delegación de Ferrol, ven de facer chegar aos veciños dos concellos da Comarca do Eume, e no seu nome, ás corporacións locais, a súa solidariedade fronte ao desastre medioambiental e social que están a sufrir.

Ampliando as informacións que se están a dar respecto do valor deste Espazo Natural, o Colexio quere subliñar o indubidable valor que representa o patrimonio construido que acollen as Fragas do Eume, nas que ademais de arquitecturas dun gran valor como o Mosteiro de Caaveiro, ou as arquitecturas das aldeas que se diseminan polo seu territorio, agocha pequenas construcións que, en forma de pontes, muíños, machucos, sebes, balados e corredoiras, falan da estreita relación do home co espazo no que se asenta, conformando un hábitat que é exemplo de aproveitamento sustentable do territorio, máis aínda tendo en conta as sucesivas agresións que a ruptura dese equilibrio se veñen producindo ou mesmo ameazan a súa pervivenza.

Patrimonio Natural, arquitectónico e, por riba de todo social, xa que non podemos esquecer o valor histórico que no artellamento da comarca constitúen os Mosteiros de Caaveiro e Monfero, o Foro de fundación da Vila de Pontedeume e as 30 parroquias que o integraban e, como non, o Condado de Andrade, como conformador da identidade comarcal.

Serva este desastre ecolóxico e social para amosar, una vez máis, a necesaria xestión territorial sustentable, onde o equilibrio ecolóxico, a identidade territorial e o benestar social se artellen coa lóxica e sentido común cos que este espazo se foi desenvolvendo ao longo da historia.