O congreso internacional PATORREB marcará un “antes e un despois” en materia de rehabilitación

Presentacin_PATORREBPrevese a asistencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e da ministra de Fomento, Ana Pastor

Reunirá a máis de 500 participantes de diversos puntos de España, Portugal, Brasil e Arxentina, con 22 relatorios e 165 charlas técnicas

Jorge Duarte, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia:

“É un foro de reflexión sobre a profesión, centrado na rehabilitación para sensibilizar e pedir ás distintas Administracións máis financiamento”

Celestino García Braña, director do congreso:

“En España o investimento en rehabilitación roza o 24%, mentres que en Alemaña as cifras alcanzan o 60%, ou mesmo chegan ao 80% en países nórdicos como Dinamarca onde hai un contorno urbano que causa envexa”

O Colexio de Arquitectos de Galicia presentou hoxe o programa científico da cuarta edición do Congreso Internacional de Patoloxía e Rehabilitación de Edificios (PATORREB 2012), que terá lugar no Palacio de Congresos e Exposición de Galicia en Santiago de Compostela entre os días 12 e 14 de abril. Este evento conta coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o Concello de Santiago, a Universitat de Catalunya (UPC), a Facultade de Engenheria do Porto (FE.UP) e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC). O programa foi detallado polo decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte, e o director da comisión organizadora do congreso, Celestino García Braña.

Este congreso ten como obxectivo primordial divulgar as técnicas e as preocupacións da rehabilitación. O punto de partida será una reflexión sobre a patoloxía da construción e a súa combinación coa rehabilitación arquitectónica. Presentaranse os últimos avances da investigación e execución, mediante propostas que traten as estratexias para a rehabilitación, as metodoloxías de diagnose, o dictamen e proxecto, a adecuación á normativa vixente, a recuperación de espazos públicos e as súas infraestruturas, a adaptación enerxética, o reforzo de estruturas, a eficiencia das instalacións, as técnicas de reparación, así como a análise de casos concretos de proxectos e obras rehabilitadas.

Duarte describiu o congreso como un evento para a formación de técnicos onde se realizarán máis de 200 comunicacións entre relatorios e charlas técnicas, marcando un antes e un despois no ámbito da rehabilitación. O decano dos arquitectos anunciou a presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na inauguración o xoves-12, e a posible asistencia da ministra de Fomento, Ana Pastor, á clausura do congreso o sábado-14, ás 19:00 horas. “É un foro de reflexión sobre a profesión, centrado na rehabilitación para sensibilizar e pedir ás distintas Administracións máis financiamento, xa que é máis eficiente e económico rehabilitar que construír vivenda nova” –apuntou–.

Pola súa parte, García Braña destacou o carácter científico do congreso que servirá para a posta a punto dos especialistas en materia de rehabilitación. “O congreso ten o don da oportunidade, porque o sector atravesa unha situación crítica no que se refire á obra nova. A rehabilitación é a saída máis factible” –indicou–. Ademais, o director do congreso explicou que a rehabilitación dos últimos trinta anos entendíase como unha intervención no patrimonio histórico, pero neste momento hai “unha dobre preocupación, a rehabilitación monumental e a rehabilitación do parque de vivendas construídas” nos anos 50 e 60 que perderon a súa condición de habitabilidade.

“Falamos dun patrimonio de vivenda que non está axeitadamente dimensionado debido ás políticas e circunstancias enerxéticas que obrigan a considerar este parque como pouco axeitado, polas emisións de gases de efecto invernadoiro e o avellentamento das instalacións das vivendas –cociñas, aseos e comunicacións verticais por ascensores. Hoxe en día non se vende unha vivenda que non teña ascensor ata a primeira planta” –dixo García Braña.

Nesta liña, Braña salientou que resolver na actualidade un problema de rehabilitación non é ir edificio a edificio, hai que establecer unha estratexia de longo alcance nos cascos históricos das ciudades, aplicando plans de renovación urbana que comprendan a cidade no seu conxunto. “En España o investimento en rehabilitación roza o 24% do total, mentres que en Alemaña as cifras alcanzan o 60%, ou mesmo chegan ao 80% en países nórdicos como Dinamarca onde hai un contorno urbano que causa envexa” –argumentou–.

Ámbito internacional con participantes de España, Portugal e Brasil

O congreso reunirá a máis de 500 participantes chegados de diversos puntos de España e de países como Portugal (Oporto, Lisboa e Coimbra), Brasil, Arxentina, Italia ou Rumanía. Celebraranse 22 sesións plenarias ou relatorios sobre temas de rehabilitación urbana e enerxética, mantemento, uso, durabilidade e vida útil das edificacións e expoñeranse estudos concretos de casos. Outra das temáticas dos relatorios será a patoloxía, centrada no aspecto estrutural, da envolvente estanca e térmica, dos materias e elementos construtivos e a Inspección Técnica de Edificios.

Entre os relatores destaca o director da ETSA da Coruña, Fernando Agrasar, que ofrecerá unha conferencia titulada “Os fins e os medios. Industria e artesanía na rehabilitación arquitectónica contemporánea”. Outro dos relatores invitados será o portugués José António Raimundo Mendes da Silva, profesor da Facultade de Ciencias e Tecnoloxía da Universidade de Coimbra, que falará sobre rehabilitación e cidade. Tamén intervirá Javier Neila, catedrático da Universidad Politécnica de Madrid (UPM) para explicar a rehabilitación enerxética: o edificio de enerxía cero. Tamén dentro da temática rehabilitación e enerxía participará no congreso o profesor da ETSA da Coruña, Antonio Raya de Blas, cunha conferencia sobre “A transversalidade da reparación e a rehabilitación: a envolvente térmica”. Dentro da área temática de inspección técnica de edificios contarase coa participación do catedrático de Construcións Arquitectónicas da Universidad Politécnica de Cataluña (UPC), César Díaz Gómez.

De xeito paralelo á celebración das sesións plenarias presentaranse 165 comunicacións ou charlas técnicas de profesionais adscritos á Universidad de Sevilla, Universidad de Granada, Universitat de Catalunya (UPC), Universidad Politécnica de Madrid (UPM), Grupo de Vibroacústica, Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Instituto de Ciencias de la Construcción Eduardo Torroja (CSIC), Facultade de Engenheria do Porto (FE.UP), Laboratório Nacional de Engenharia Civil (LNEC-Lisboa), Universidad de Aveiro e a Escola Politécnica da Universidade Federal do Rio de Janeiro (UFRJ).