O Colexio de Arquitectos de Galicia invita aos amantes do sétimo arte a participar nun certame de curtametraxes urbanas

TripoWoman1O concurso, Tripomant na Cidade 2.0, patrocinado por unha empresa de Mos, presentouse en Vigo no Salón da Construción de Galicia

  • O gañador recibirá 1.500 euros, o segundo premiado obterá 1.000 euros e o premio do público gratificarase con 500 euros
  • O prazo de entrega dos filmes remata o 31 de xullo e o xurado emitirá o seu fallo o 21 de setembro

O Colexio de Arquitectos de Galicia presentou esta tarde a segunda edición do concurso de curtametraxes Tripomant na Cidade 2.0 no Salón da Construción de Galicia (SICO 2012). No acto, que se celebrou no recinto feiral de Vigo (IFEVI), estiveron presentes o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte; e Karme García, membro do comité organizador do concurso. O certame está organizado de maneira conxunta polo Colexio de Arquitectos de Galicia, o estudo de arquitectura k2c arquitectas e a empresa de illamentos  Tripomant con sede no concello pontevedrés de Mos.

A finalidade do concurso é seleccionar  unha curtametraxe na que se conte unha experiencia urbana, documental, de ficción ou de animación, que teña lugar en calquera época. Con esta nova edición os organizadores pretenden seguir indagando nas distintas formas de habitar a cidade contemporánea, reflectido a forma de vivir nestes contornos urbanos.

Nas curtametraxes debe aparecer reflectida a empresa Tripomant a través dos seus produtos, características dos seus illamentos ou o logotipo da firma durante a trama, audio ou imaxes do  traballo audiovisual. Ademais, deberá ter unha duración de entre un e dez minutos, incluídos os títulos de crédito e poderá participar todo tipo de público. En canto ao idioma, os traballos poderán presentarse en galego ou en castelán.

O prazo de entrega das curtas rematará o 31 de xullo. Como expectativas, a organización agarda que se presenten máis participantes que na anterior edición, onde conseguiron reunir nove proxectos audiovisuais.

Na elección dos gañadores, ademais da decisión do xurado, integrado por representantes das entidades organizadoras, terase en conta o voto do público a través da web do concurso –www.tripomantnacidade.com–. O xurado emitirá o seu fallo o 21 de setembro. Os seus criterios de valoración basearanse na calidade e orixinalidade das propostas, que deberán cumprir as condicións técnicas que se recollen na base do concurso e, en particular, a historia deberá desenvolverse nun contorno urbano.

Concederanse tres premios. O gañador recibirá 1.500 euros, o segundo premiado obterá 1.000 euros e o premio do público gratificarase con 500 euros. A entrega dos premios e proxección dos traballos terá lugar en Santiago de Compostela na semana do 1 ao 5 de outubro.

A primeira edición

Na presentación proxectaranse as dúas curtametraxes gañadoras da primeira edición de 2011. O primeiro premio, así como a distinción do público, foi para Tripo[wo]man [t]iempos de supervivencia, unha curtametraxe realizada por Carlos di Felice e Marcos Hermida na Coruña, que centrou o seu argumento no percorrido dunha muller vagabunda polas rúas da cidade, representando a urbe tralo boom inmobiliario. O segundo premio recaeu no traballo Time lapses 2, de Jesús Antonio Ben, realizado con imaxes aceleradas do ensache de Santiago de Compostela. Finalmente o decano dos arquitectos abriu un coloquio sobre “reflexións na cidade”.