A Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos inaugura unha exposición sobre “imaxes equilibradas de arquitectura” de Santos-Díez

Foto_de_Santos-Dez_2O peso documental e a súa construción como reportaxes son dúas premisas desta fotografía arquitectónica

A mostra inaugúrase esta tarde, ás 20:00 horas, na sala de exposicións do Colexio e estará aberta ata o 27 de abril

A Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia inaugura esta tarde, ás 20:00 horas, a exposición “Santos-Díez, fotografía de arquitectura”, unha mostra da obra do fotógrafo Héctor Santos-Díez. O acto celebrarase na sala de exposicións e contará coa presenza do presidente da Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos, Martín de Comingues. Esta exposición, organizada pola Comisión de Cultura do Colexio vigués, está cofinanciada polas empresas Viroc, Sutega Mobiliario e Reprogalicia.

A inauguración contará cunha conferencia de Héctor Santos-Díez na que falará dos traballos expostos e da súa labor como fotógrafo de arquitectura e da relación que se establece entre ambas disciplinas. A mostra permanecerá aberta ata o 27 de abril, en horario de 19:00 a 21:00 horas.

A exposición consta de dúas partes diferenciadas, a proxección de resumos de reportaxes realizadas nos últimos anos de obras de arquitectos galegos, e unha mostra de 17 fotografías de distintos edificios, cun tamaño aproximado de 50x70 cm montadas sobre dibond.

Limpeza de liñas, equilibrio e control da luz e do espazo

Segundo o fotógrafo, dúas das principais premisas da fotografía de arquitectura son o seu peso documental e a súa construción como reportaxes. As súas fotos responden a unha carga de utilidade e pertenencia a un grupo, pero as súas reportaxes están compostas por imaxes que dan un paso máis alá e teñen outro tipo de valores por si mesmas, xa que individualmente a compoñente plástica prevalece sobre a documental.

Ademais, Santos-Díez destaca que o seu obxectivo principal é mostrar a obra do arquitecto, e nun segundo nivel de lectura plasmar as súas propias obsesións a través de aspectos formais da linguaxe fotográfica como a limpeza de liñas, o equilibrio e o control da luz e do espazo.

“Cuando afronto un reportaje intento pensar en cuáles son los aspectos reseñables de la obra, tanto en general como de cada una de sus partes. Debo proporcionar material gráfico que permita contar la relación con el entorno, si tiene o no una estructura marcada, cómo se organiza el acceso, o cómo se juega con los volúmenes, todo ello normalmente en al menos un día para aprovechar el soleamiento idóneo para cada parte del edificio” –explica Santos-Díez–.

Para realizar este tipo de fotografías concretas, útiles pero potentes, o autor elixe o punto de vista e o momento máis axeitados e procura ser o máis preciso posible na composición. Santos-Díez usa a xeometría dunha obra de arquitectura para crear outra xeometría propia dentro dos límites da foto, concedendo importancia ao que queda dentro e ao que deixa fóra, ao formato ou ao equilibrio e masas que hai no interior da imaxe. “Lo que más busco en mi trabajo son imágenes equilibradas” –indica o fotógrafo–.

Santos-Díez, fotógrafo especializado en arquitectura

Héctor Santos-Díez (www.santos-diez.com) naceu na Coruña en 1973, onde cursou estudos na Escola Técnica Superior de Arquitectura, que deixou incompletos para dedicarse á fotografía. Pertence ao colectivo de fotografía Ollo de Vidro, da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, desde o ano 1994. As súas reportaxes publicáronse en libros e revistas nacionais e estranxeiras, tales como Diseño Interior, On Diseño, AV, Detail, Tectónica, El País Semanal, Interior Design, Casabella, A10 ou Bauwelt.

É socio fundador da axencia BISimages (Built In Spain images). BISimages é a primeira axencia española nacida da unión de fotógrafos especializados en arquitectura co fin de difundir a nivel global as súas reportaxes –www.bisimages.com–.