O Colexio de Arquitectos premia 15 obras galegas de nova planta, rehabilitación, decoración ou espazos abertos, entre outras categorías

Os gañadores recibirán o seu galardón esta tarde nun acto que se celebrará na sede do COAG en Santiago, a partir das 20:00 horas

Premios_COAG_Arquitectura
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) entrega esta tarde os Premios COAG de Arquitectura, que cumpren a súa decimoterceira edición co obxectivo de distinguir ás melloras obras da arquitectura galega do último bienio. O acto de entrega de premios e a inauguración da exposición das obras premiadas terá lugar ás 20:00 horas na Casa da Conga de Santiago. Estarán presentes o decano do COAG, Celestino García Braña; o secretario, Alfredo González Cascallana; e o seu tesoureiro, José Antonio González. Ademais, está prevista a asistencia do alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, e da concelleira de Cultura da cidade, Socorro García.
Estes premios chegan a súa decimoterceira edición co recoñecemento de todos os ámbitos da sociedade, cumprindo así a función coa que se crearon, para contribuír á función social que desempeña a arquitectura. Nesta ocasión, foron cinco as obras que acadaron o máximo galardón destes premios, nove obtiveron accésits e dúas recibiron mencións especiais, sumando un total de 15 obras premiadas de diversas zonas de Galicia (Camariñas, Oleiros, Vigo, A Coruña, Fisterra, Ames, Muros, Frades, Padrón, Ferrol, Verín e Leiro). As sete categorías nas que se premiaron as obras deste último bienio son as seguintes:

-    Premio de obra de nova planta
-    Premio de rehabilitación
-    Premio de decoración e interiorismo
-    Premio espazos abertos públicos (prazas, paseos, parques, etcétera)
-    Arquitecturas efémeras
-    Arquitecturas de baixo custo
-    Obra primeira, obra de arquitectos no comezo da súa carreira profesional

O decano do COAG, Celestino García Braña, apunta que se trata dunha cerimonia de longa traxectoria que se renova cada dous anos “e coa que se pretende celebrar, xunto cos colegas que en cada ocasión foron distinguidos, os mellores resultados do quefacer profesional”. Braña destaca que co paso tempo apréciase un maior grao de madurez no traballo e a emerxencia de novos protagonistas en cada edición. “Parece síntoma de reflexión colectiva que logo se concretará en cada obra e, ao mesmo tempo, de riqueza renovada  da canteira”.

Ademais, o represtante dos arquitectos galegos asegura que o labor do seu colectivo é a día de hoxe construír para seguir intentando dar respostas ás necesidades dunha sociedade, esquecendo parámetros económicos e tecnolóxicos. “O valor dun edificio non pode derivar das rendibilidades inmediatas, sexan económicas, de imaxen de poder ou de notoriedade” –indica García Braña; “só na sobriedade e austeridade debe fundamentar a arquitectura as súas razóns económicas”.

En definitiva, para non esquecer o que a arquitectura significa, o decano dos arquitectos sostén que é necesario articular políticas públicas e privadas que actúen na dirección do seu recoñecemento, capaces de impulsar o seu valor social, de incentivar a esixencia da súa constante presenza desde o espacio público ao rincón do privado. Un dos obxectivos primordiais do Premios COAG de Arquitectura e dos seus arquitectos é divulgar os valores da arquitectura nun sentido ético e comprometido co oficio entre a sociedade.

No acto de entrega dos premios inaugurarase unha mostra cunha montaxe de produción propia do Colexio que recolle as obras premiadas, accésits, mencións e finalistas desta edición. Estará composta por fotografías acompañadas por unha ficha técnica, planos e unha proxección audiovisual. Tamén se presentará un catálogo que recolle os premios desta edición. Trátase dunha exposición itinerante que visitará as diferentes delegacións galegas do Colexio de Arquitectos.

A mostra permanecerá aberta na Casa da Conga de Santiago desde hoxe e ata o 31 de maio, de luns a venres, de 11:30 a 13:30 horas e de 19:00 a 21:00 horas.