O Colexio de Arquitectos rexistra un descenso do 90% no visado de vivendas en Galicia entre os anos 2006 e 2011

Alberto_Escobar_e_Jorge_Duarte_na_presentacinO ano pasado certificou 4.687 proxectos, 118 menos que en 2010

A vivenda unifamiliar e a rehabilitada acaparan a escasa actividade construtiva

Jorge Duarte, decano do Colexio de Arquitectos:

“Hai que incentivar a rehabilitación, apostando por mellorar as edificacións residenciais existentes, a súa accesibilidade, habitabilidade, eficiencia enerxética e seguridade”

O decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte, acompañado polo coordinador técnico da entidade colexial, Alberto Escobar, presentou esta mañá os datos e a publicación sobre a Evolución do visado e o estado urbanístico de todas as comarcas e concellos de Galicia no segundo semestre de 2011 e acumulado anterior. Os datos de visados axudan a anticipar a actividade construtiva que se pode realizar nun futuro inmediato, xa que representan o número de vivendas que nos próximos meses se poderán executar de novo ou rehabilitar nos diferentes concellos galegos, logo de conseguir a correspondente licenza municipal.

 

Segundo o informe estatístico, a actividade de visado colexial segue a rexistrar valores mínimos. O Colexio pechou 2011 cun total de 4.687 vivendas visadas en Galicia –2.312 no primeiro semestre e 2.375 no segundo–, lixeiramente inferior ás 4.805 vivendas visadas en 2010. Esta situación compréndese debido ao stock de vivendas da comunidade (preto de 40.000, segundo datos do Ministerio de Fomento) e ao estado de contratación do crédito, que non anima aos inversores a promover novas actuacións de vivenda colectiva. “Atopámonos nun estancamento xeralizado pola situación dramática da crise económica xeral e do sector da construción, a desconfianza nos mercados e a falta de liquidez” –explicou o decano–. Como exemplo desta tesitura, o pasado mes de decembro rexistrouse un mínimo histórico en doce anos, visándose só 203 vivendas.

Con estas cifras, a recuperación semella difícil e indica que o sector está inmerso nun ciclo de peche na expansión ilimitada das cidades. Así, Galicia rexistrou unha baixada do 90% no número de visados, pasando de 46.881 vivendas visadas en 2006 a só 4.687 en 2011. Aínda que o informe revela unha lixeira evolución no segundo semestre do ano, o decano dos arquitectos apuntou que non estamos nunha liña ascendente, xa que “tocamos fondo e así será o panorama nos próximos tempos”.

Segundo Jorge Duarte, ante esta situación de crise do sector da construción débese facer unha aposta por parte de todas as Administracións, as entidades financeiras e a sociedade en xeral para incentivar a rehabilitación, apostando por mellorar as edificacións residenciais existentes, mellorando a súa accesibilidade, a habitabilidade e a eficiencia enerxética, ademais da seguridade. Esta aposta pola rehabilitación podería xerar a recuperación de postos de traballo no sector, o máis afectado polas cifras de paro nos últimos anos cun millón e medio de parados. En concreto, a taxa de paro entre os arquitectos galegos é do 40%, porcentaxe que se incrementa cos profesionais liberais que traballan por conta propia.

“Precisamos un cambio de modelo. Debemos asumir que o número de vivendas alcanzado anos atrás, 46.000 vivendas/ano, era excesivo para a demanda real e non podemos pensar na súa volta, pero temos que apostar por facilitar o acceso á vivenda destinada a residencia habitual, tanto na sometida a algún rexime de protección con prezos accesibles, como para o aluguer” –indicou Duarte­–. Como máximo, Galicia poderá asumir nun futuro 20.000 vivendas por ano.

Nesta liña, Jorge Duarte manifestou que o esencial para mudar esta realidade é facer unha boa Lei do Solo que xurda á marxe das loitas partidistas, para lograr unha “lei estable” que teña en conta a calidade dos planeamentos e a conservación do territorio para crecer dunha forma ordenada.

Nas sete grandes cidades galegas non se detectaron signos de recuperación. Só supera as expectativas a cidade de Pontevedra, con 232 vivendas visadas no último ano. O resto das cidades presentan os seguintes datos:  A Coruña, 463 vivendas; Santiago, 387; Ourense, 279; Vigo, con 276; Lugo, con 109 vivendas visadas, que de momento non reflicte a posible actividade que poida xerar o seu novo PXOM aprobado; e derrumbe no final do ano en Ferrol, con só 95 vivendas visadas.

Dentro da baixa actividade rexistrada no Colexio de Arquitectos, chama a atención os rexistros dos concellos do contorno da cidade da Coruña, con 156 vivendas visadas no ano 2011 no Concello de Oleiros, e 89 en Arteixo. Tamén no caso do concello de Ames, na área metropolitana de Santiago, con 74 vivendas; e con 53 no Concello ferrolán de Narón. No caso dos concellos limítrofes coas cidades de Lugo, Ourense e Pontevedra, os seus números non reflicten movemento significativo.

Os arquitectos apostan pola renovación urbana ao amparo das inspeccións técnicas de edificios obrigatorias

En canto aos proxectos de rehabilitación, rexistráronse ao peche do ano 829 vivendas, representando un 17,69% do total da actividade de visado, o que significa un lixeiro descenso, baixando por primeira vez desde o ano 2002 das 1.000 vivendas visadas. Desde o Colexio de Arquitectos explican que a implantación obrigatoria das Inspeccións Técnicas de Edificios (ITE’s) no parque residencial edificado dos anos cincuenta, en concellos galegos de máis de 25.000 habitantes, debería potenciar a actividade rehabilitadora (actualmente todas as cidades galegas, agás Pontevedra e Santiago). “Hai que loitar pola mellora dos edificios no seu conxunto, e mesmo das mazás das cidades para renovar o parque residencial” –indicou Duarte–.

Por outra parte, a vivenda unifamiliar achega unha porcentaxe do 51% do total visado en Galicia, representando máis da metade das vivendas visadas.

En 47 concellos galegos non visaron ningunha vivenda durante o último ano

Foron 47 os concellos que non visaron ningunha vivenda durante 2011, un 15% do total dos concellos galegos; a maior parte deles corresponden ás provincias de Ourense (29) e Lugo (13). En canto ás vivendas sometidas a algún réxime de protección pública sumáronse 323 vivendas de protección autonómica ao fin de 2011.