Os arquitectos galegos sofren unha taxa de paro do 40%, segundo advirte López Mihura

Lpez_Mihura_2O presidente da delegación coruñesa do Colexio de Arquitectos afirma que o futuro está na rehabilitación, planeamento, paisaxismo, eficiencia enerxética e sostibilidade

O presidente da Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia, José Manuel López Mihura, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para comentar a situación actual do sector da construción e as cifras de paro que sofren os profesionais da arquitectura. Estes datos de desemprego provocaron nos últimos meses éxodo e migración de arquitectos fóra de Galicia e mesmo de España, a países como Alemaña, Brasil ou Arxelia onde se demandan profesionais cualificados para proxectos de edificación.

 

 

Segundo Mihura, a delicada situación do sector da construción nestes últimos tempos e a inestabilidade económica xeral situou o paro da profesión nun 40%, “máis do dobre da taxa global de desemprego en Galicia”, debido ao declive da obra pública e da obra privada por falta de financiamento, que paralizaron o nacemento de novos proxectos e o peche de moitos estudios de arquitectura. Nesta liña, Mihura aproveitou para dar a tendencia xeral dos datos de visados de 2011 e dos dous primeiros meses do presente ano na área de Coruña, asegurando que a situación non está tan mal como no resto de Galicia. “Son optimista, a profesión tocou fondo e agora hai un repunte”.

Ademais, Mihura destacou que o descenso “vertixinoso” do traballo de edificación súmase a un aumento espectacular de profesionais que se incorporaron á profesión –España contaba en 2008 con 43.000 colexiados, mentres que en 2011 rexistráronse 50.000; en Galicia hai actualmente 3.000 arquitectos colexiados–.

Un novo modelo

Ante esta situación, que segundo Mihura non ten visos de mellorar, o futuro do arquitecto está ligado ás novas saídas laborais orientadas ás necesidades da sociedade e do mercado. Os novos escenarios profesionais centraranse na rehabilitación, como rama da edificación en auxe. “Os promotores aínda non apostan pola rehabilitación, por iso precisamos da colaboración das administracións públicas, Xunta, Deputación e Concello da Coruña co que estamos en conversacións permanentes” –indicou Mihura–.

Outros campos de traballo para os arquitectos son o interiorismo, deseño e decoración, a escenografía, a ilustración, a animación ou o cómic, e a creación de decorados para o cine ou outras artes escénicas.

Noutra escala de traballo, os arquitectos tamén poderán realizar labores de planeamento e paisaxismo, pois as épocas de crise son as “mellores para planificar”– lembrou o presidente da Delegación. Máis alternativas laborais para a profesión son o estudo da eficiencia enerxética e a sostibilidade, ou a xestión cultural e o comisariado artístico. “Os arquitectos podemos cambiar de escala con facilidade. Podemos deseñar desde unha paisaxe ata unha cadeira” –asegurou–.

Carta de servizos

Con este telón de fondo e consciente da difícil situación do colectivo, a Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos tomou unha serie de medidas para crear novas expectativas de traballo. Centrará os seus esforzos en potenciar distintas formas de exercio da profesión, de forma ética e con responsabilidade social. Prestará unha ampla carta de servizos aos seus colexiados, centrada na innovación da xestión e no fomento do uso de novas tecnoloxías. Ademais, os arquitectos coruñeses desenvolveron un plan de formación continua e están pechando un sistema de fomento do emprego a través da xestión de bolsas de traballo dinámicas para poñer en contacto a empresas do sector con colexiados.

Mihura destacou ademais a creación de encontros entre promotores e arquitectos, que se concretarán proximamente, e a colaboración coa administración pública en materia de asesoría urbanística, rehabilitación, concursos de ideas e a catalogación de bens patrimoniais. “Estamos ilusionados e traballamos duro para que o arquitecto colexiado teña expectativas laborais dentro e fóra de España” –indicou–.

Esta crise do sector e a falta de visados de proxectos influíu na xestión do Colexio de Arquitectos de Galicia, e por extensión da Delegación da Coruña. Así, creáronse os tramos de colexiación para que os arquitectos poidan elexior os servizos que lle interesen e colexiarse só por iso.

Finalmente, a Delegación celebrou ao mediodía unha recepción para dar a benvida aos novos colexiados e explicarlles o que o Colexio pode facer por eles a nivel de cidade e responsabilidade civil.