Rehabilitar a cidade construída (Por Jorge Duarte, decano do COAG)

Jorge DuarteGalicia posúe un enorme parque edificatorio dos anos 50, 60 e 70 que precisa ser rehabilitado e actualizado con criterios de habitabilidade e eficiencia enerxética. É unha tarefa que deben acometer os particulares e comunidades de veciños coa axuda imprescindible das Administracións públicas. En materia de vivenda, o Goberno vasco acaba de crear significativas axudas para revestir fachadas e aforrar calefacción. O Colexio de Arquitectos de Galicia leva recomendando a aposta pola rehabilitación desde que estourou a burbulla inmobiliaria, e instamos agora ás novas corporacións municipais a que se impliquen con programas propios na renovación das edificacións que teñan máis de trinta anos. Aforraremos solo e consumo enerxético, melloraremos o confort dos seus ocupantes e revitalizaremos o empobrecido sector da construción.

 

Os arquitectos auguramos unha lenta recuperación da nosa industria, logo de que os visados colexiais caesen arredor dun setenta por cento nos últimos tres anos, e de que se desplomasen en consecuencia as licenzas municipais. Por tanto, agora que se desmoronaron os investimentos especulativos e a compra de segunda vivenda, sobre todo na costa, debemos recuperar o sentido común e arreglar o que xa temos. Por eso os espazos e inmobles doutras épocas das nosas urbes e pobos están esperando que volvamos a mirada sobre eles e acometamos a súa modernización cos novos modos e tecnoloxías construtivas. Ademais de mellorar a nosa calidade de vida individual, contribuiremos a dinamizar a economía xeral, así como a reducir as emisións contaminantes en aras dunha permanente acción construtiva sostible. De aí que todos, ámbitos públicos e privados, debamos comprometernos coa rehabilitación.