O Colexio de Arquitectos de Galicia visou nos seis primeiros meses do ano 2.312 vivendas

visadsMantense a tendencia do primeiro semestre de 2010, que contrasta coas 13.000 vivendas semestrais da última década

Santiago de Compostela, Ferrol e Pontevedra rexistraron unha leve melloría nos seus rexistros

Jorge Duarte, decano do COAG: “Hai unha necesidade de rehabilitar o parque de vivendas existente, mellorando as súas condicións de eficiencia enerxética, habitabilidade e confort”

•    Foron 410 vivendas rehabilitadas
•    Pechouse o semestre con 163 vivendas protexidas
•    En 79 concellos galegos non se visou ningunha vivenda


O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) presenta o seu informe sobre  a Evolución do visado e o estado urbanístico de todas as comarcas e concellos de Galicia no primeiro semestre de 2011, onde se rexistran valores mínimos, un afastamento progresivo de procesos especuladores sobre o mercado da vivenda e a negativa dos inversores a promover novas actuacións de vivenda colectiva polo sobrante de oferta inmobiliaria.
O sector atópase nunha situación de estancamento xeralizada, polo que é preciso realizar unha profunda reflexión na mentalidade profesional. En total, neste primeiro semestre de 2011 visáronse 2.312 vivendas en Galicia,  cifra que se sitúa moi por debaixo da media de actividade da última década na que se alcanzaban as 13.000 vivendas semestrais e moi similar aos datos dos seis primeiros meses de 2010, cando se visaron 2.755 vivendas. Confírmase a crise do sector cunha actividade por debaixo da media que descense desde 2008.

As cifras de 2011 amosan un lixeiro incremento de actividade con respecto ao segundo semestre de 2010, cando se conseguiron visar 2.005 vivendas, interrumpíndose o desceso continuado de actividade que caracterizous as estatísticas de visados nos últimos tres anos.

Segundo Jorge Duarte, na evolución e estudo dos datos dos últimos anos é moi significativo destacar o parón derivado do estoupido da burbulla inmobiliaria, que amosan a realidade do sector e a falta de financiamento. “Na actualidade traballamos un 15-20% menos que no 2007, onde as 47.000 vivendas por anos nos parecían desmesuradas. En 2011 seguiremos a mesma tendencia que o ano pasado, cando se visaron 4.700 vivendas” –explicou Duarte. Ademais, o decano do COAG manifestou que está comezando a aflorar un repunte das promocións de vivenda habitual nas cidades.

Nestes seis primeiros meses do ano visáronse 410 vivendas proxectadas para rehabilitación, o resultado máis baixo desde 2008, ano no que se produce o estoupido da burbulla inmobiliaria e a rehabilitación convértese en refuxio da actividade inmobiliaria. Neste primeiro semestre a rehabilitación só representa un 17,73% do total de vivendas visadas, porcentaxe inferior á media dos últimos tres anos onde os proxetos de rehabilitación rondaban sobre o 25% do total visado. “A existencia de maiores axudas directas, novas posibilidades de desgravación fiscal e a recente reforma do IVE apuntan a un posible repunte do sector nos próximos meses. Pero tamén é preciso instaurar inspeccións técnicas de rehabilitación para os edificios de máis de 50 anos. Hai unha necesidade de rehabilitar o parque de vivendas existente, mellorando as súas condicións de eficiencia enerxética e de habitabilidade e confort” –indicou Duarte.

En relación ás vivendas de VPA, durante o primeiro semestre do ano non se rexistraron grandes cambios. Visáronse 163 vivendas acollidas a algún réxime de protección pública, é dicir, un 7% do total da actividade de visado de vivendas. A actividade de VPA sitúase por debaixo da media da última década que se mantiña nun 8,91%. Dada a súa evolución é previsible un descenso máis acusado no segundo semestre de 2011. “As vivendas de protección seguirán a mesma liña que nos últimos anos, pero é necesario abri financiamento por parte dos bancos e articular unha política de vivenda protexida a nivel de todas as administracións” –manifestou Duarte.

Tamén neste período analizado se rexistrou o valor porcentual máis baixo da década en vivenda colectiva, cun 45%, un total de 1.046 vivendas.  En canto ás vivendas unifamiliares alcanzouse un mínimo histórico con tan só 1.220 vivendas visadas no semestre.

O número de vivendas visadas nas sete cidades galegas no primeiro semestre do 2011 experimentou unha lixeira melloría con respecto ao ano pasado. Logo dun 2010 no que a actividade acadada situouse no mínimo da década, o 2011 ábrese con resultados positivos nalgunha das cidades.

Melloría nas cidades e baixo mínimos nas áreas metropolitanas


As cidades de Santiago de Compostela, Ferrol e especialmente Pontevedra rexistraron unha leve melloría, especialmente a cidade pontevedresa que nos seis primeiros meses do ano visou máis proxectos de vivenda que en todo 2010. Pola súa banda as principais cidades galegas, A Coruña e Vigo, manteñen os mesmos niveis de actividade que o pasado ano. No extremo contrario sitúanse Ourense e Lugo, quizáis debido á anulación do PXOM de Ourense e a recente aprobación de PXOM de Lugo. Estas dúas cidades galegas rexistran unha escasa actividade de visado, especialmente no caso de Lugo que só rexistrou o visado de 62 vivendas na primeira metade do ano fronte ás 300 de 2010.

Tras un 2010 marcado polo descenso na actividade de visado na contorna das sete cidades galegas, este ano ábrese sen cambios relevantes. A mínima actividade rexistrada o ano pasado prolóngase de xeito indefinido sen que algunhas promocións de vivendas desenvolvidas de xeito puntual en concellos limítrofes das grandes cidades poidan alterar a tendencia xeral de inactividade, tal e como aconteceu en 2009 e 2010. Unicamente a aprobación e novidades da reforma da Lei Galega de Vivenda, actualmente en fase de anteproxecto, poda endereitar este crecemento.

Este comezo de ano contabilizou un total de 79 concellos, un 26% do total, que non visaron ningún proxecto de vivenda [na seguinte folla listado de concello]. “Esta situación prodúcese por falta de dinámica e de crecemento vexetativo dos concellos, onde se precisa a implicacióln da sociedade para contar cun PXOM adaptado á Lei do Solo, grazas o apoio da política local e da Consellería de Medio Ambiente, xa que só 53 concellos contan actualmente cun planeamento” –apuntou Duarte.