Compostela Arquitectura trae a Santiago a Vito Acconci, William Curtis, Andrew Cohen, Patxi Mangado, Juhani Pallasmaa e Alvaro Siza como conferenciantes distinguidos

Será no marco do curso de verán internacional que se celebra do 18 de xullo ao 5 de agosto en San Martiño Pinario, coa participación dunha vintena de estudantes de todo o mundo

O Instituto Compostela Arquitectura (CA Institute) celebra por segundo ano consecutivo o seu curso internacional de verán, que se inicia o 18 de xullo en San Martiño Pinario e finalizará o 5 de agosto. Un selecto grupo de estudantes de USA, Canadá, Corea, Siria e varios países europeos participarán nas clases, talleres e visitas que conforman o curso, que pretende ser unha reflexión sobre a cidade contemporánea a partir das presenzas da historia, en palabras dos seus organizadores.
Arquitectos de proxección internacional como Vito Acconci, William Curtis, Andrew Cohen, Patxi Mangado, Juhani Pallasmaa e Alvaro Siza participarán no curso, “cuxa presenza aquí provoca sempre un fenómeno difusor da arquitectura de Compostela nos seus respectivos lugares de orixe”, tal como destaca o CA Institute. O Colexio de Arquitectos de Galicia colabora coa iniciativa “toda vez que esta cidade debe consolidarse como un foro permanente de reflexión e debate sobre arquitectura, territorio e paisaxe”, segundo indica o seu decano, Jorge Duarte.

O Instituto Compostela Arquitectura

O Instituto Compostela Arquitectura (CA Institute) é unha entidade educativa independente con sede en Santiago de Compostela, apoiado pola Universidade e o Concello de Santiago, que desenvolve programas didácticos, potenciando a cidade compostelá e o patrimonio galego como un elemento fundamental na formación dun arquitecto.

CA Institute aproveita a cidade de Santiago como un laboratorio de arquitectura para aprender da súa excelente tradición de arquitectura histórica e contemporánea, así como para reflexionar sobre a complexidade urbana. “Compostela é un exemplo vivo que permite aos estudantes interactuar e aprender das experiencias arquitectónicas”, segundo explica o Instituto, que se centra no desenvolvemento de habilidades fundamentais para un arquitecto, como a materialidade, a tectónica, o debuxo e os modelos feitos a man.