O Colexio de Arquitectos de Galicia avoga por un entendemento entre as partes no concurso de ideas do parador de Muxía

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) espera que as xestións vaian polo camiño do entendemento entre todas as partes implicadas no concurso de ideas do parador de Muxía, que gañou o arquitecto Alfonso Penela. O Colexio afirma que o proceso, no que participou activamente, foi correcto e transparente, e subliña que o xurado emitiu unha opinión unánime e rotunda sobre a elección do proxecto gañador. Os catorce membros do xurado, integrado por altos cargos da Administración e arquitectos, estiveron de acordo en que a proposta de Penela era a mellor dos quince proxectos que se presentaron ao devandito concurso.

Para o COAG o fundamental é comprender que houbo un concurso convocado de forma irreprochable, polo que nada debe empañar e cuestionar o seu resultado: “Facer o contrario pode provocar receos da Administración, que como ente convocante contrae responsabilidades”. De aí que a entidade profesional apele á “responsabilidade e boa predisposición de todos a entendérense”.

O Colexio explica que un concurso son moitas horas de traballo, entusiasmo e dedicación, “que non se poden tirar impunemente”, e subliña tamén que os concursos son “pactos a favor da cultura dun país”. A organización colexial destaca que os arquitectos “traballamos para obter un traballo profesional, pero nun concurso sobre todo para facer ben as cousas e aportar á sociedade o mellor que sabemos facer”.