O Colexio de Arquitectos de Galicia aposta por unha reflexión “política e social” para alcanzar estabilidade na lexislación urbanística

Jorge Duarte, decano do COAG: “Hai que formar novos equipos multidisciplinares do planeamento e dotar economicamente estes traballos para poder esixir calidade”

Así o manifestou esta tarde nunha xornada sobre as novidades normativas en materia de ordenación do territorio que organizou a EGAP


O decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Jorge Duarte, participou esta tarde nunha mesa redonda sobre a situación actual do urbanismo en Galicia, dentro dunha xornada sobre as novidades normativas en materia de ordenación do territorio e urbanismo que organizou a Escola Galega de Administración Pública (EGAP).
Na súa intervención, Duarte destacou a necesidade de alcanzar unha maior estabilidade na lexislación urbanística. “A tramitación urbanística require un acordo de toda a sociedade e de todos os partidos políticos, propoñendo a curto prazo incluír este consenso na Lei do Solo” –explicou Duarte.

O COAG ofrece a súa colaboración as administracións públicas para sentar as bases dunha nova lei que inclúa a “necesaria reflexión” e poida ser asumida por todos os axentes sociais e políticos.

Nesta liña, o decano dos arquitectos galegos sinalou que é preciso un proceso de reflexión sobre o modelo de ordenación territorial e urbanística necesario na sociedade galega.

Ademais, Duarte apuntou que hai que reducir os tempos de tramitación urbanística municipal. “Desde o colexio ofrecemos a nosa colaboración mediante o proceso de tramitación dixital de licenzas que xá está en marcha” –indicou Duarte.

Por outra parte, o decano do COAG explicou que cando se fala da importancia do planeamento nos concellos galegos hai que ter en conta todas as “desfeitas” herdadas dos planeamentos dos anos 80, que se poderían combatir cunha aportación de documentos urbanísticos de calidade. “Hai que formar novos equipos multidisciplinares do planeamento e dotar economicamente estes traballos para poder esixir calidade. Así xurdirá o planeamento que vai rexir o noso futuro” –argumentou Duarte.