O Colexio de Arquitectos distribuíu entre os 923 centros de primaria de Galicia o material didáctico do proxectoterra

terra_siJorge Duarte, decano do COAG: “A iniciativa contribúe a poñer en valor o patrimonio construído e herdado, como resultado dun continuo histórico que ten a virtualidade de unir pasado, presente e futuro”

No curso 2011-2012, os alumnos realizarán visitas guiadas sobre arquitectura polas sete cidades galegas


O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) presentou esta mañá na súa delegación en Vigo as actividades e materiais didácticos do proxectoterra para os alumnos de educación primaria dos 923 centros públicos, privados e concertados de Galicia. O acto estivo presidido polo decano do COAG, Jorge Duarte; o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández; e polo coordinador do proxecto, Xosé Manuel Rosales.
Dentro do programa de actividades, realizaranse visitas guiadas de arquitectura durante o curso 2011-2012 polas sete cidades galegas. Estas actividades buscan provocar a vivencia directa do alumnado cos aspectos máis sensoriais e perceptivos dos espazos habitables.

Segundo o decano do COAG, o proxecto non debe ser unicamente un referente para o mundo da educación, tamén ten que converterse nun punto de encontro que contribúa a un maior coñecemento de como se constrúe o país, alimentando a necesidade de reflexionar criticamente sobre o patrimonio construído, sobre a tradición herdada da que hai que aprender e as prácticas arquitectónicas e de ocupación do territorio que se deben evitar. “A iniciativa contribúe a poñer en valor o patrimonio construído e herdado, como resultado dun continuo histórico que ten a virtualidade de unir pasado, presente e futuro” –indicou Duarte.

Duarte puntualizou que se trata dun proxecto para vivir e experimentar, onde a reflexión sobre os espazos que habitamos non se pode facer só nas aulas e o alumnado ten que poder vivir en primeira persoa os espazos e lugares que son obxecto de estudo.

Pola súa parte, Hernández subliñou que o proxectoterra tivo ao longo deste tempo un carácter pioneiro, xa que iniciou o esforzo de achegar ao alumnado galego as peculiaridades das nosas construcións, dos materias e das técnicas construtivas.

O conselleiro definiu esta iniciativa como un cobizoso proxecto cultural, recoñecido a nivel estatal e internacional, que hoxe constitúe un referente pedagóxico no achegamento á arquitectura e ao territorio, ao tempo que advertiu que tamén se trata dun proxecto dinámico, que non se estanca ni se instala na comodidade, senón que persigue unha renovación e progreso constante.

Alcance do proxecto

O proxectoterra naceu en xaneiro do ano 2000 co ánimo de contribuír a que os escolares e toda a cidadanía  perciban a arquitectura e o territorio como piares básicos da cultura. Durante esta primeira década foi fundamental a colaboración que a Xunta ofreceu ao COAG a través da sinatura de sucesivos convenios con distintas Consellerías. Na actualidade, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas reforza o compromiso institucional co proxecto ata o 2013, nun período que permitirá a súa consolidación e extensión na educación secundaria, así como a súa difusión xeralizada na educación primaria.

A iniciativa, concibida como un programa de intervención educativa, axudou a mellorar o coñecemento que os escolares deben ter da arquitectura e identidade territorial de Galicia. As vías de intervención dentro da unidade do proxecto pasan pola elaboración de unidades didácticas e materiais de apoio para os escolares de primaria e secundaria, na formación do profesorado, a través de cursos e xornadas de formación, e pola realización de visitas guiadas de arquitectura e intercambios territoriais.

Un dos puntos máis atractivos do proxecto son as actividades complementarias, con visitas guiadas de arquitectura. Desde o curso 2006 ata a actualidade, téñense realizadas unhas 500 actividades cunha participación de  23000 escolares de educación secundaria (ESO), o que supón unha participación do 40% dos centros públicos. As visitas desenvólvense en cada unha das sete cidades galegas durante unha xornada completa. Os intercambios territoriais permítenlle aos escolares achegarse ao descoñecido mediante a visita a distintas formas de asentamento.

En relación aos cursos e xornadas de formación do profesorado, xa participaron uns 900 profesores de ESO e 1000 mestres de primaria ao longo dos últimos cinco anos. “Na actualidade, todos os centros públicos e o 70% do concertados e privados teñen os materiais do proxectoterra para secundaria. Neste mes de maio conseguimos distribuír, de balde, o material didáctico entre todos os centros de primaria de Galicia” –explicou Rosales.

As actuacións a levar a cabo ata 2013 comprenden a elaboración, edición e distribución de materiais para educación infantil, os cursos de formación do profesorado para a presentación dos materiais elaborados en educación primaria, e o desenvolvemento da oferta de visitas guiadas de arquitectura e intercambios territoriais en educación secundaria. Para o vindeiro curso está prevista unha visita á cidade de Guimaraes con motivo da Capitalidade Europea da Cultura 2012. “O obxecto destas visitas é axudar a construír no alumnado o espazo de cooperación e convivencia para a Eurorrexión de Galicia- Norte de Portugal” –indicou Rosales.

Ademais, para o vindeiro curso está prevista a elaboración de novos materiais  para o proxecto interdisciplinar do 1º ciclo da ESO, relativos a “O lugar onde vivimos”. Trátase dun material con contido novos sobre a paisaxe e a sustentabilidade do territorio. Todo o material elaborado no proxecto pódese descargar libremente na súa páxina web (www.coag.es/proxectoterra).

Principios


As ideas que vertebran o proxectoterra son a universalidade, globalidade, integración curricular, xeralidade, permanencia, diversidade, experimentación, interdisciplinaridade, vivencia e interterritorialidade.

• Universalidade. Cómpre chegar ao conxunto da poboación para presentar os problemas básicos asociados aos lugares habitados e á ocupación do territorio.
• Globalidade. O proxecto tenta involucrar a diferentes organismos interesados socialmente nesta problemática, tanto no financiamento e apoio á realización do exposto como compartindo iniciativas e recursos. Neste senso, asináronse acordos con distintos concellos de Galicia e Norte de Portugal para ampliar a presenza do proxecto na vida cultural do país.
• Integración curricular. A programación ofrece recursos educativos contextualizados á realidade da comunidade para completar ou substituír aos que na actualidade están a disposición de profesorado e alumnado. Todos os materiais foron elaborados por profesores do correspondente nivel educativo ao que ían dirixidos e previamente experimentados nas aulas.
• Xeralidade. O proxectoterra distribuíu gratuitamente os seus materiais a todos os centros da ESO de Galicia e están en fase de reparto aos centros de Primaria.
• Permanencia. O importante deste plan é que permaneza na área educativa, considerando que os protagonistas deben ser os profesores e os alumnos.
• Diversidade. O obxectivo da citada programación é saber de onde se parte para intuír ata onde se pode chegar, polo que os contidos débense adecuar a cada nivel educativo.
• Experimentación.Todos os materiais educativos foron experimentados previamente en centros colaboradores enmarcados en diferentes contextos.
• Interdisciplinariedade. Este conxunto de múltiples visións dos espazos contribúen a facer máis completa a imaxe do país, concretamente do territorio.
• Vivencia. O alumnado ten que poder vivir en primeira persoa os espazos e lugares que son obxecto do estudo para unha maior comprensión.
• Interterritorialidade. Os recursos educativos están enmarcados no ámbito da Eurorrexión de Galicia- Norte de Portugal.

Premio Nacional de Arquitectura e Urbanismo


O pasado mes de outubro de 2010 o proxectoterra recibiu o galardón en materia de Urbanismo no Concurso Nacional de Arquitectura e Urbanismo. Ademais de contar co apoio da Xunta de Galicia, tamén colaboran outras institucións como a ONCE, TVE ou Nova Escola Galega.

Por outra parte, Hernández inaugurou a mostra “Dez anos do proxectoterra 2000-2010”. Esta exposición itinerante ten por obxecto amosar o traballo e os resultados logrados a modo de balance deste tempo. A mostra,  que permanecerá aberta durante todo o mes de xuño, recolle todo o material elaborado ata o momento, a documentación impresa e visionado audiovisual en catro grandes monitores.